A situación derivada dos incendios forestais que se produciron no territorio galego no verán de 2025 determinou unha situación de emerxencia humanitaria e social para a cidadanía afectada, debido aos danos persoais e materiais que se produciron.
Para facer fronte a esta situación, o Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, prevé axudas para a reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o verán de 2025, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e considera persoas beneficiarias as persoas titulares de establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos nos cales se produciron danos derivados dos incendios; e a Resolución do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís derivados dos incendios forestais que afectaron Galicia durante o verán de 2025, e se efectúa a súa convocatoria, concreta o procedemento para a concesión das axudas para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o verán de 2025.
Non obstante, con estas axudas só é posible compensar unha parte das perdas que sufriron as empresas turísticas de aloxamento a raíz da vaga de incendios forestais que afectaron a Galicia durante o verán de 2025, xa que estas axudas se limitan a sufragar os danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías depositadas nos establecementos de aloxamento, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos á dita actividade.
Polo exposto, a Axencia de Turismo de Galicia, a quen lle corresponde impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade, considera necesario establecer unha axuda para compensar as perdas non cubertas polas medidas anteriores mencionadas, dado que a vaga de incendios forestais ocasionou unha perturbación conxunta de demanda e oferta no sector turístico das zonas, que afectou as reservas e actividade das empresas turísticas de aloxamento, provocando unha diminución da facturación.
Polo tanto, as axudas previstas nesta resolución están destinadas a compensar as perdas derivadas da cancelación de reservas nos aloxamentos turísticos ocasionadas polos incendios forestais producidos en Galicia a partir do 28 de xullo de 2025, que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axencia Galega de Emerxencias.
Estas axudas teñen un carácter singular, derivado do carácter excepcional dos acontecementos que as motivan, e veñen complementar o conxunto de medidas adoptadas na Comunidade Autónoma de Galicia e, como tal, son compatibles con todas elas.
En consecuencia, con cargo aos créditos da Axencia de Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,
RESOLVO:
1. Convocatoria e bases reguladoras.
1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a compensar as perdas por cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia afectados polos incendios forestais durante o verán de 2025 (código de procedemento TU100C).
1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).
2. Solicitudes.
2.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.
3. Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.
O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior a dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
4. Información ás persoas interesadas.
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions
b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU100C.
c) Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 63 60.
d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal
5. Réxime de recursos.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.
6. Base de datos nacional de subvencións.
De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
7. Entrada en vigor.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia
non competitiva, de subvencións destinadas a compensar as perdas por
cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia afectados polos incendios forestais durante
o verán de 2025 (código de procedemento TU100C)
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto reparar os prexuízos causados polas cancelacións de reservas en aloxamentos turísticos derivadas dos incendios forestais que se produciron en Galicia durante o verán de 2025 e que, como consecuencia das ditas cancelacións, os aloxamentos turísticos sufrisen unha perda de facturación. En concreto, son actuacións subvencionables as relacionadas con establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
2. Consideraranse subvencionables as perdas por cancelacións nos devanditos aloxamentos turísticos producidas a partir do 28 de xullo de 2025 e ata o 31 de agosto de 2025. Os aloxamentos turísticos teñen que estar situados nun dos concellos afectados pola activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axencia Galega de Emerxencias.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.
Artigo 2. Concepto subvencionable e importe da subvención
1. As axudas establécense para compensar a perda de facturación dos establecementos de aloxamento turístico como consecuencia da cancelación de reservas causada polos incendios producidos en Galicia a partir do 28 de xullo e ata o 31 de agosto de 2025, que provocaron a activación do Peifoga en situación 2.
2. O importe máximo da axuda será dun 25 % do importe equivalente á perda de facturación sufrida no ano 2025, IVE excluído, durante o período de referencia en comparación co mesmo período do ano anterior, co límite máximo de 2.500,00 euros por persoa beneficiaria.
Artigo 3. Financiamento e concorrencia. Compatibilidade
1. As subvencións para compensar as perdas por cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia afectados polos incendios forestais durante o verán de 2025, obxecto desta resolución, imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, cun crédito de 650.000,00 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes da listaxe de reserva provisional prevista no artigo 1 destas bases.
2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831, relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000,00 euros durante calquera período de tres anos. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido.
3. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o importe total dos gastos, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base no artigo 50 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio de 2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Os requisitos para ser beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. Non poderán obter a condición de beneficiaria:
– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
4. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.
Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. O dito prazo comezará a contarse ás 8.00 horas do noveno día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, este día será hábil.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
3. So poderá presentarse unha única solicitude por establecemento. No caso de que un mesmo titular teña varios establecementos inscritos no REAT, terá que presentar unha solicitude por cada establecemento.
4. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:
a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.
b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que se comprometen a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
e) Que están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Que non están incursas en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que non foron sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
h) Que se comprometen a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.
i) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20 de maio 2003).
j) Que, como consecuencia dos incendios do verán de 2025, sufriron unha perda de facturación durante o período do 28 de xullo ao 31 de agosto de 2025 en comparación co mesmo período do ano anterior, de acordo cos seguintes datos:
|
Importe facturación período (28 xullo-31 agosto) (IVE excluído) |
|
|
2024 |
|
|
2025 |
Importe de redución de facturación:___________________ euros.
Importe da subvención (25 % importe de redución de facturación): ___________ euros (o importe máximo da axuda será de 2.500,00 euros).
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2 GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 10. Órganos competentes
A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.
Artigo 11. Instrución do procedemento
1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.
3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de subvención, pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedara libre debido á renuncia doutros/as solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.
Artigo 12. Audiencia
1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.
Artigo 13. Resolución
1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.
2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na devandita resolución informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda expresado en equivalente de subvención bruta e o seu carácter de minimis, de acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se producise o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 16. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.
2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.
3. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.
4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente, en que se lles dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 12.
5. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar ningún dereito de terceiros.
Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a referida Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A presentación da renuncia farase accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, tal e como sinala o artigo 7.
No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.
Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:
a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia de Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
b) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
c) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.
d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de que se opoña á consulta ou denegue expresamente que as solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 8.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa solicitante ou beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.
e) Subministrar á Axencia de Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia de Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.
f) Comprometerse a manter a actividade prexudicada por un mínimo dun ano a partir da concesión da axuda.
g) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de mora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:
– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.
– Por ter obtido a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.
– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
Artigo 19. Xustificación da subvención
1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria terá de prazo ata o 22 de decembro de 2025, para presentar a solicitude de cobramento (anexo IV), que inclúe unha relación de declaracións complementarias necesarias para poder efectuar o pagamento, coa que deberá achegar a documentación que se indica a continuación:
a) Relación ordenada das facturas correspondentes aos gastos de aloxamento e servizos complementarios expedidas no período comprendido entre o 28 de xullo e o 31 de agosto de 2024 e no período comprendido entre o 28 de xullo e o 31 de agosto de 2025, consonte o modelo do anexo V.
b) Modelo 303 de declaración do IVE correspondente ao terceiro trimestre dos anos 2024 e 2025.
A declaración relativa á facturación do 28 de xullo ao 31 de agosto dos anos 2024 e 2025 terá que coincidir co importe sinalado no anexo V e os datos de «importe de redución da facturación» e «importe da subvención» serán acordes cos datos de facturación declarados.
2. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 20. Pagamento
Previamente ao pagamento deberá acreditarse que as persoas beneficiarias están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como que non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de que se opoña á consulta ou denegue expresamente que a solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 8.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.
Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, darán lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.
3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 22. Control
1. A Axencia de Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 23. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.
Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000,00 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.
Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Remisión normativa
É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
