DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 15 de outubro de 2025 Páx. 54053

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 9 de outubro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a compensar as perdas por cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia afectados polos incendios forestais durante o verán de 2025, e se efectúa a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TU100C).

BDNS (Identif.): 861712.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/861712

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base no artigo 50 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Os aloxamentos turísticos teñen que estar situados nun dos concellos afectados pola activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axencia Galega de Emerxencias.

Segundo. Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto reparar os prexuízos causados polas cancelacións de reservas en aloxamentos turísticos derivadas dos incendios forestais que se produciron en Galicia durante o verán de 2025 e que, como consecuencia das ditas cancelacións, os aloxamentos turísticos teñan sufrido unha perda de facturación.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.

4. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o importe total dos gastos, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Concepto subvencionable e importe da subvención

As axudas establécense para compensar a perda de facturación dos establecementos de aloxamento turístico como consecuencia da cancelación de reservas causada polos incendios producidos en Galicia a partir do 28 de xullo e ata o 31 de agosto de 2025, que provocaron a activación do Peifoga en situación 2.

O importe máximo da axuda será dun 25 % do importe equivalente á perda de facturación sufrida no ano 2025, IVE excluído, durante o período de referencia en comparación co mesmo período do ano anterior, co límite máximo de 2.500,00 euros por persoa beneficiaria.

Cuarto. Bases reguladoras

Resolución do 9 de outubro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a compensar as perdas por cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia afectados polos incendios forestais durante o verán de 2025, e se efectúa a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TU100C).

Quinto. Importe

As subvencións relativas a compensar as perdas por cancelacións de reservas nos establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia afectados polos incendios forestais durante o verán de 2025, obxecto desta resolución, imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, cun crédito de 650.000,00 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes da listaxe de reserva provisional prevista no artigo 1 das bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. O dito prazo comezará a contarse ás 8.00 horas do noveno día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, este día será hábil.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Só poderá presentarse unha única solicitude por establecemento. No caso de que un mesmo titular teña varios establecementos inscritos no REAT terá que presentar unha solicitude por cada establecemento.

Sétimo. Prazo de xustificación da subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 22 de decembro de 2025.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia