DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 15 de outubro de 2025 Páx. 54005

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sanxenxo, en Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal, mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 3 de outubro de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2571&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2571

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sanxenxo, Pontevedra (PTU-PO-23/006)

O Concello de Sanxenxo remite a documentación relativa á modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación achegada o día 19.8.2025, redactada por Otima, S.L. en xullo de 2025; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Sanxenxo conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do Concello o 27.2.2003 (DOG do 19 de marzo e BOP do 20 de marzo). Consta a rectificación do PXOM en execución de Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por acordo do Pleno municipal do 27.5.2013 (DOG do 1 de xullo e BOP do 19 de xuño).

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou mediante a Resolución do 17.3.2023 o informe ambiental estratéxico (IAE) da modificación puntual (expte. 2023AAE2759), no cal se resolve non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG 5 de abril). No proceso de avaliación ambiental recibíronse os seguintes informes de consultas:

• Da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 7.3.2023.

• Do Instituto de Estudos do Territorio, do 6.3.2023.

• Da Axencia Galega de Infraestruturas, do 10.3.2023.

3. Así mesmo, recadáronse os seguintes informes:

Informes sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos existentes e previstos de: Telefónica de España, S.A.U. (12.12.2022); R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U. (13.12.2022); Espina y Delfín, S.L. (7.12.2022); Nedgia Galicia, S.A. (16.12.2022), e UFD Distribución Electricidad, S.A. (17.1.2023).

Informes municipais: técnico (17.7.2023), xurídico (18.7.2023), da Secretaría e Intervención (19.7.2023).

Informe en materia de custas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 26.7.2023; e da Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do 14.1.2024.

4. A modificación puntual (modificación puntual) foi aprobada inicialmente por acordo do Pleno do día 31.7.2023, someténdoa á información pública polo prazo de dous meses, mediante o anuncio publicado no DOG núm. 189, do 4 de outubro, e no xornal Faro de Vigo do 4 de outubro.

5. Informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de custas, do 15.9.2023.

6. O Concello solicitou os informes non autonómicos preceptivos. Emitiron informe: a Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do 6.10.2023 (favorable); a Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, do 31.10.2023 (non formula alegacións); e a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 19.10.2023.

7. O Arcebispado de Santiago de Compostela presentou un escrito de alegacións o 17.11.2023.

8. O 27.11.2023, o Servizo de Urbanismo de Pontevedra requiriulle ao Concello a remisión da documentación referida a cuestións incluídas no documento aprobado inicialmente, que non foron sometidas ao trámite de avaliación ambiental estratéxica.

9. Constan os informes municipais: técnico (12.4.2024), xurídico (15.4.2024), da Secretaría (17.4.2024) e de Intervención (24.4.2024).

10. A modificación puntual foi aprobada inicialmente de novo por acordo do Pleno do 3.5.2024, e someteuse á información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio publicado no DOG núm. 118, do 19 de xuño, e no xornal Faro de Vigo do 19 de xuño. Non se presentaron alegacións.

11. Consta o informe da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do 6.6.2024 (favorable); da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, do 13.6.2024 (sen alegacións); e da Dirección Xeral da Costa e o Mar, do 15.7.2024.

12. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados os informes sectoriais autonómicos e recibíronse da Axencia Galega de Infraestruturas, do 5.9.2024 (favorable con correccións); do Instituto de Estudos do Territorio, do 19.9.2024 (sen obxeccións); da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 16.9.2024 (favorable); de Augas de Galicia, do 22.10.2024 (favorable); e da Dirección Xeral de Urbanismo en materia de costas, do 27.6.2024 (favorable).

13. Déuselle audiencia aos concellos limítrofes do Grove, Meaño e Poio, sen recibir resposta.

14. Emitíronse os informes municipais: técnico, xurídico e da Secretaría, o 16.12.2024; e de Intervención, o 18.12.2024.

15. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación puntual na sesión do día 30.12.2024.

16. Emitiuse informe en materia de costas pola Dirección Xeral de Urbanismo, o 21.2.2025 (favorable) e pola Dirección Xeral da Costa e o Mar, o 13.6.2025 (favorable).

17. O día 18.7.2025, o Concello remite a documentación da modificación puntual para a súa aprobación definitiva, consonte os artigos 60.13 e 60.16 da LSG e 144.13 e 144.16 do RLSG. Logo do requirimento de integridade documental do 14.8.2025; o 19.8.2025, o Concello completa a documentación da modificación puntual para a súa aprobación definitiva.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. A modificación puntual é formulada polo Concello de Sanxenxo, de conformidade co disposto no artigo 51 da LSG, con base nun documento achegado por Vicaño Silgar, S.L. (propietaria da parcela que ocupa a fronte norte da rúa Camiño Baltar), en cumprimento dos compromisos asumidos no convenio urbanístico de planeamento asinado entre o Concello e a mercantil o 9.11.2022.

2. A modificación puntual pretende a mellora da ordenación nunha zona concreta do solo urbano consolidado de Sanxenxo, nomeadamente no que se refire á ordenación dos espazos libres e zonas verdes públicas; e unha mellor adecuación das determinacións do PXOM á realidade de feito materializada en execución do planeamento anterior, na procura dunha maior seguridade xurídica na súa execución. As referidas modificacións supoñen un incremento da edificabilidade nin da capacidade residencial actualmente previstas no PXOM.

3. As finalidades e o alcance da modificación puntual son nomeadamente:

• Reordenar a superficie destinada polo PXOM a espazos libres e zonas verdes na fronte norte da rúa Camiño de Baltar, axustando as aliñacións da rúa Camiño de Baltar ás realmente materializadas en execución do planeamento, mantendo, en todo caso, a sección e as demais características das vías previstas no PXOM.

• Reordenar o volume edificable atribuído polo PXOM á parcela catastral 5246626NG1954N0001PU, situada ao norte da rúa Camiño de Baltar.

• Recoller na ordenación a cualificación da parcela catastral 5045846NG1954S0001JG, situada na fronte sur do Camiño de Baltar como zona verde pública existente.

• Recualificar unha parcela de titularidade municipal en solo urbano consolidado como espazo libre público na rúa Virxe do Carme (ref. catastral 4945705NG1944N0001SE).

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público en que se xustifica esta modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntase na necesidade de adaptar o planeamento á realidade existente, na mellora da ordenación vixente en termos de racionalidade e sostibilidade, e en garantir a seguridade xurídica na execución do planeamento.

2. A modificación puntual incrementa as zonas verdes de sistema local coa parcela da rúa Virxe do Carme de 198 m2 cualificada actualmente coa ordenanza O2 de uso residencial, de cara a mellorar a calidade do espazo público e da paisaxe nesta zona; e na rúa Camiño de Baltar increméntase a superficie de zonas verdes prevista no PXOM na zona norte da rúa nuns 35 m2, redefinindo ademais a súa ordenación na procura do mellor cumprimento da función propia desta dotación, ao que hai que engadirlle os 321 m2 da zona verde de titularidade pública obtida por cesión do estudo de detalle realizado na marxe sur e que ata agora non recollía o PXOM.

3. Os informes sectoriais emitidos na tramitación son favorables ou déuselles cumprimento.

4. Polo que respecta á adaptación ás normas técnicas de planeamento (NTP), detéctanse as seguintes eivas:

• Non se achegan os índices propios dos planos de información nin de ordenación (art. 4.3).

• Na carpeta 10.AAE, o arquivo 36051_modificación puntual13PXOM_202507_AD_AAE_01EAE_NP_signed non é un dos arquivos para incluír segundo o anexo 4 das NTP. Pola contra, non se achega o plano coa alternativa 2 ou o documento que deixe constancia do motivo da súa falla (art. 13.4 das NTP).

• A carpeta 12.CONVENIO non é unha das carpetas para incluír no anexo 4 das NTP. O seu contido deberá incorporarse dentro da carpeta 01.MX como un anexo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo. O documento que se xunte para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico deberá adaptarse ás normas técnicas de planeamento e emendar as deficiencias sinaladas no punto III.4.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polo artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación puntual do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.