DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 2025 Páx. 54143

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de outubro de 2025 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Hilton Álvarez-Médico e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Hilton Álvarez-Médico, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, dítase esta orde, baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 30 de setembro de 2024 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Hilton Álvarez-Médico, adoptado polo padroado o 30 de agosto de 2024.

Segundo. A Fundación Hilton Álvarez-Médico foi constituída en escritura pública outorgada o 29 de marzo de 2002 en Vigo, ante o notario José Antonio Somoza Sánchez, co número 660 do seu protocolo. Foi clasificada de interese benéfico-social pola Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de xullo de 2002 (DOG núm. 134, do 12 de xullo) e declarada de interese galego mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 16 de outubro de 2002 (DOG núm. 212, do 4 de novembro). Está adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, figurando inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2002/16.

Terceiro. A fundación ten como fin principal, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, prestar axuda médica aos nenos necesitados da Amazonia brasileira, especialmente intentando mitigar no posible a malaria e a sida.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 30 de agosto de 2024, adoptou o acordo de extinción da fundación, motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Quinto. Logo de varios requirimentos de emenda, a fundación completou a documentación necesaria para tramitar a súa solicitude o día 30 de setembro de 2025. Así, no expediente tramitado para o efecto, consta a seguinte documentación:

• Certificación acreditativa do acordo de extinción adoptado polo padroado.

• Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

• Contas da fundación na data de adopción do acordo de extinción.

• Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación. Segundo consta na certificación da secretaria do padroado, do balance de liquidación aprobado resulta a inexistencia de activos a liquidar.

• Informe proposta do protectorado con data do 3 de outubro de 2025.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Consellería de Sanidade resulta competente para resolver esta solicitude de conformidade co disposto no Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade (DOG núm. 101, do 27 de maio) en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Sanidade a inscrición, na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario, para tal efecto, o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa de aplicación e nos estatutos da fundación, sendo aprobado pola unanimidade do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego. Na memoria xustifícase que a extinción é motivada pola imposibilidade de desenvolver actividades para o cumprimento dos fins fundacionais, así como a improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar á práctica un proceso de fusión.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Hilton Álvarez-Médico, adoptado polo seu padroado con base na imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción da Fundación Hilton Álvarez-Médico no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpor recurso de reposición ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 22.4.2020; DOG núm. 82, do 29 de abril)
Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade