DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 2025 Páx. 54138

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación da delimitación do solo do núcleo rural de Salgueiros, do concello de Dumbría (PTU-AC-23/038).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural de Salgueiros, do concello de Dumbría, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 7 de outubro de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita delimitación do solo do núcleo rural no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clav1.e?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2593&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2593

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural de Salgueiros, do concello de Dumbría (A Coruña) (PTU-AC-23/038)

O Concello de Dumbría remite a delimitación do solo de núcleo rural referido, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 191.1.d) do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación subscrita polo arquitecto Isidro López Yáñez, con dilixencia de aprobación provisional do 30.4.2025, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Dumbría carece na actualidade de instrumento de planeamento xeral. Foron aprobadas seis delimitacións de solo de núcleo rural entre 2012 e 2015, ao abeiro da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 5.6.2023 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 30.6.2023 (DOG do 18 de xullo), en que se resolve non sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, sinalando determinacións que hai que ter en conta en materia de repoboacións forestais e de patrimonio cultural. No marco do proceso de consultas previas, contestaron ademais da DXOTU:

a) O Instituto de Estudos do Territorio: informe do 29.5.2023, en que se conclúe que a delimitación non vai producir un impacto paisaxístico significativo.

b) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: observacións e suxestións do 9.5.2023.

4. Consta informe do secretario municipal do 17.1.2024, sobre a tramitación.

5. O pleno municipal aprobou inicialmente o expediente en sesión do 22.1.2024. Foi sometido a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 2.2.2024 e Diario Oficial de Galicia do 2.2.2024). A aprobación inicial foi notificada aos titulares dos terreos afectados. Foron presentadas dúas alegacións conforme o certificado do secretario municipal do 10.4.2024.

6. O Concello solicitou os informes sectoriais de Augas de Galicia, da Consellería do Medio Rural, da Delegación do Goberno, da Deputación da Coruña, da Dirección Xeral de Telecomunicacións, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Instituto de Estudos do Territorio, mediante oficios do 13.3.2024. Consta a emisión de informes:

a) Do Instituto de Estudos do Territorio do 4.4.2024, de non ser preceptivo.

b) Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 16.4.2024, favorable con condicións.

c) Da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual: desfavorable do 9.5.2024 e favorable do 19.12.2024.

d) Da Dirección da Área de Fomento da Subdelegación do Goberno na Coruña: do 13.5.2024, de non incidencia no Inventario de bens e dereitos do Estado nin no das entidades xestoras da Seguridade Social, e do 13.8.2024 de afectación a infraestruturas xestionadas polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

e) Da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: do 17.4.2024, con observacións de carácter xeral.

f) Da Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: favorable, do 21.5.2024.

g) Da Deputación Provincial da Coruña: desfavorable da Xunta de Goberno, do 15.5.2024, e favorable do Servizo de Vías e Obras, do 13.2.2025.

h) Do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural da Coruña: do 5.6.2024, que constata que a DNR afecta terreos de concentración parcelaria.

i) De Augas de Galicia: requirimento do 26.6.2024 e informe favorable do 20.12.2024.

7. O redactor do proxecto realizou un informe sobre as alegacións o 21.2.2025.

8. A delimitación foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello do 30.4.2025.

9. O Concello solicitou a aprobación definitiva o 13.5.2025. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda documental o 11.6.2025. O Concello achega nova documentación o 7.7.2025.

II. Obxecto de descrición do proxecto.

1. O obxecto do expediente é delimitar o núcleo rural de Salgueiros, da parroquia do mesmo nome, nun concello carente de planeamento xeral. Aparece na súa parte tradicional nas fotografías do voo americano de 1956-57 e conta cunha trama viaria tradicional, modificada parcialmente pola concentración parcelaria.

2. Delimítanse 30.648 m2 de solo de núcleo rural tradicional e 46.813 m2 de solo de núcleo rural común. Segundo a normativa proposta, as parcelas e frontes mínimas son 600 m2 e 9 m para o solo de núcleo rural tradicional e de 900 m2 e 16 m no solo de núcleo rural común, agás, nos dous tipos, casos excepcionais debidamente xustificados de parcelas inferiores situadas entre outras xa edificadas que imposibiliten acadar a parcela mínima.

3. O núcleo vén identificado no Plan básico autonómico vixente (PBA), que recolle as seguintes afectacións: estrada provincial (DP-3402), augas (zona de policía de leitos), enerxía (liñas eléctricas), zona de concentración parcelaria (con acordo firme, código 150343380, Salgueiros (Dumbría), afecta case todo o núcleo), patrimonio cultural (cruceiro e igrexa catalogados no PBA). De acordo co PBA, está fóra do ámbito do POL, non hai espazos naturais nin áreas de interese paisaxístico.

III. Análise e consideracións.

1. O núcleo de Salgueiros conta con topónimo incluído no Nomenclátor da provincia da Coruña aprobado polo Decreto 189/2003, do 6 de febreiro. Así mesmo, aparece na cartografía do Plan básico autonómico aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo (PBA) (artigo 23.1 da LSG e 33.1 do RLSG). Dentro do sistema de asentamentos definido nas directrices de ordenación do territorio, aprobadas polo Decreto 19/2011) este núcleo é unha «pequena entidade de poboación» (directriz excluínte 1.3.1.d).

2. Respecto do borrador e do documento aprobado inicialmente, o proxecto aprobado provisionalmente incorpora dentro da delimitación do solo de núcleo rural tradicional uns terreos duns 2.000 m2 no extremo norte do núcleo, en atención a nunha alegación do propietario da parcela 15034B50100139, de 13.336 m2, e o resto queda como solo rústico.

3. O proxecto xustifica que a delimitación resultante cumpre co grao de consolidación exixido no artigo 23.3 da LSG e é contigua á delimitación inicialmente proposta do núcleo rural tradicional.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) da LSG e no 191.1.d) do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo de núcleo rural de Salgueiros, no concello de Dumbría.

2. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polo artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e polo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da delimitación aprobada definitivamente.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.