DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 2025 Páx. 54133

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Carballiño na ordenanza número 9, equipamentos e dotacións.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Carballiño na ordenanza núm. 9 equipamentos e dotacións, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 3 de outubro de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2636&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2636

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral
de ordenación municipal do Concello do Carballiño na ordenanza núm. 9, equipamentos e dotacións (PTU-OU-23/091)

O Concello do Carballiño remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

I.1. O Concello do Carballiño dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 11.3.1999, con sete modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

– O 18.12.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ditou a resolución, publicada no DOG do 8.1.2024, en que resolve non someter a modificación puntual (MP) ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Xunta os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e do Instituto de Estudos do Territorio.

– Informes municipais técnico e xurídico previos á aprobación inicial, do 22.4.2024 e 24.4.2024, respectivamente.

– O Pleno do Concello, na sesión do 30.5.2024, aprobou inicialmente a MP e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región do 24.6.2024, e no DOG do 24.6.2024. Non se presentou alegación ningunha.

– Déuselles audiencia aos municipios limítrofes de Boborás, Leiro, Maside, O Irixo, Piñor, San Amaro e San Cristovo de Cea. Constan unicamente informes de: Concello de Piñor, do 23.10.2024, de non ser relevante para ese concello; e do Concello de Leiro, do 25.10.2024, sen obxeccións.

– Así mesmo, consta no expediente a seguinte documentación:

• Informe favorable, do 5.12.2024, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

• Informe favorable, do 10.10.2024, do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.

• Informe favorable, do 5.2.2025, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Informe favorable condicionado, do 11.10.2024, da Deputación Provincial de Ourense.

• Informe favorable, do 20.10.2024, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• Informe favorable, do 30.9.2024, de Augas de Galicia.

• Informe do 7.1.2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, sobre o resultado do trámite do artigo 60.7 da LSG.

• Informe do 23.9.2024, da Delegación do Goberno en Galicia, sen alegacións.

• Informe favorable condicionado do 3.10.2024, da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual.

• Oficio do 21.10.2024, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, sobre notificación á Consellería de Sanidade.

• Requirimento de documentación, do 2.12.2024, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, con contestación do 11.12.2024 de Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia, S.A.U.

• Informe favorable condicionado á obtención da modificación de características da autorización de vertedura con núm. de expediente V/32/00107A-1, do 10.1.2025.

• Informe xurídico municipal previo á aprobación provisional do 24.1.2025.

– O Pleno Municipal, na sesión do 30.1.2025, acordou aprobar provisionalmente a MP.

– Consta a Resolución, do 1 de agosto de 2025, da obtención da modificación das características da autorización de vertedura con número de expediente V/32/00107A-1

I.3. Con datas do 7.2.2025 e 7.8.2025, conforme o disposto no artigo 60.13 da LSG, tivo entrada na Xunta de Galicia oficio do Concello do Carballiño acompañado do expediente administrativo e do documento dilixenciado aprobado provisionalmente.

Análise e consideracións da modificación puntual:

II.1. O ámbito da modificación puntual é a ordenanza núm. 9 –Equipamentos e dotacións– da normativa do PXOM. Afecta, polo tanto, a todos os enclaves do termo municipal en que resulta de aplicación a dita ordenanza, aínda que a maior parte dos parámetros modificados son de aplicación unicamente á parcela da actual estación de autobuses. Non se efectúan cambios na ordenación, na clasificación nin na cualificación do solo.

II.2. O obxectivo da modificación puntual é habilitar normativamente a posibilidade de levar a cabo un equipamento de uso sanitario nunha parcela cualificada coa ordenación núm. 9 –Equipamentos e dotacións–. Xustifícase pola necesidade de mellorar a atención sanitaria na comarca a través dunha actuación prevista no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria, aprobado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia no ano 2021, que prevé a execución dun novo centro sanitario na vila do Carballiño.

II.3. Ao PXOM do Carballiño, aprobado definitivamente o 11.3.1999, resúltalle de aplicación o establecido no punto 2 da disposición transitoria primeira da LSG para o planeamento non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, conservando a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación á LSG, consonte unhas regras de aplicación para cada clase de solo. Corrixirase, polo tanto, o sinalado no punto 6.7.2 da parte I. Información da memoria xustificativa –Planeamento urbanístico en vigor– onde se recolle parte do contido do punto 1 da disposición transitoria primeira, en vez do contido do punto 2 da dita disposición.

II.4. O documento da MP debe corrixir o erro detectado no informe favorable condicionado da Deputación Provincial de Ourense do 11.10.2024 na epígrafe III.4.1, subepígrafe primeiro, e deberá identificar correctamente as estradas provinciais afectadas.

II.5. Acredítase o cumprimento da condición contida no informe do 10.1.2025, da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, respecto da obtención da modificación das características da autorización de vertedura con número de expediente V/32/00107A-1 obtida mediante a Resolución do 1 de agosto de 2025.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Resolución:

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Carballiño no ámbito da ordenanza 9-Equipamentos e dotacións, condicionada á emenda dos erros sinalados nas epígrafes II.3 e II.4 anteriores.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.