DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 16 de outubro de 2025 Páx. 54131

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de outubro de 2025 pola que se amplía o prazo establecido de execución e xustificación dos investimentos e se modifica a Orde do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR949A).

Mediante a Orde do 21 de maio de 2025 (DOG núm. 106, do 5 de xuño) a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes estableceu as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e procedeu á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR949A).

Segundo o parágrafo primeiro do punto 1 da base 22ª.1 do anexo I da dita orde, en que se recollen as bases reguladoras, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 31 de outubro de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes finalizou o 7 de xullo de 2025 e presentaron solicitudes 869 entidades deportivas. Na actualidade o expediente atópase en fase de instrución.

Tendo en conta o volume de solicitudes, dilatouse no tempo o proceso de análise da documentación achegada, o que suporá que a resolución de concesión das axudas se poida atrasar ata mediados do mes de outubro, polo que o prazo de execución e xustificación se verá reducido a menos dun mes.

Deste modo, resulta necesario ampliar o prazo de execución e xustificación das subvencións para que se lles facilite a todas as entidades beneficiarias a adecuada realización das actuacións subvencionadas e a súa xustificación.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra parte, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberalle permitir ao órgano concedente verificar o cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificar o parágrafo primeiro do punto 1 da base 22ª do anexo I da Orde do 21 de maio de 2025, que queda redactado nos seguintes termos:

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 28 de novembro de 2025.

De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra este acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes