DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 20 de outubro de 2025 Páx. 54521

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2025 pola que se convoca o II Congreso de lexislación antinarcotráfico, en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico.

Vivimos un momento moi complexo e delicado na loita antidroga, unha situación en que se combinan diversos factores que dan como resultado un escenario altamente preocupante, co narcotráfico como un dos grandes desafíos que ameaza directamente a saúde, o benestar e a seguridade en numerosos países.

Estamos nun contexto de sobreprodución mundial de drogas, que non fai máis que aumentar ano tras ano; drogas que chegan ao noso país para abastecer o mercado interior e o de boa parte de Europa. A alta capacidade de distribución de numerosas redes criminais asentadas en España completa o escenario empregando sofisticados e moi diversos métodos para poñer a droga nas nosas rúas.

Por outra banda, constátase un notable incremento da violencia. Crecen os asentamentos de bandas criminais establecidas en España para controlar o tráfico e branquear o seu diñeiro. Neste contexto e nalgunhas zonas existe unha alarmante perda do principio de autoridade, con preocupantes indicadores de aumento da violencia, tanto entre as propias organizacións como desde estas cara ás autoridades, ás institucións e á sociedade civil.

A este escenario xeral únense en España problemáticas moi concretas que veñen lastrando desde anos atrás a loita contra o narcotráfico. A pesar dos meritorios e incuestionables avances logrados no seu momento, desde hai un tempo non progresamos especialmente e é manifesta a necesidade de dar un novo impulso á loita antidroga.

En contraste con este desfavorable escenario, debemos destacar o excelente traballo que realizan Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira xunto con xuíces e xuízas, fiscais e fiscalas e profesionais da Administración de xustiza comprometidos coa causa, o que, unido a un maioritario rexeitamento social do narcotráfico, está a permitir conter en certa medida o problema. Pero conter o problema non é resolvelo.

Chegou o tempo de tomar medidas transcendentais, á altura dos tempos e da ameaza que enfrontamos. Tempo de avanzar de forma significativa reforzando as nosas leis e protexendo a saúde, o benestar e a seguridade de todos, facilitando o traballo da Xustiza das FCSE.

Dentro das actividades programadas para o ano 2025 no plan de formación aprobado polo seu consello reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Fundación Galega contra o narcotráfico, anúnciase a convocatoria do II Congreso de lexislación antinarcotráfico conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: II Congreso de lexislación antinarcotráfico.

Modalidade: presencial.

Obxectivo:

O obxectivo principal do congreso é a posta en común dos actuais desafíos por parte dunha plural e cualificada representación de membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, autoridades, profesionais da Administración de xustiza, sociedade civil e representantes políticos, para axudar a atopar solucións e avanzar substancialmente na resolución de moitos problemas que están a comprometer a loita contra o tráfico de drogas en España.

Contidos:

– Multirreincidencia de narcotraficantes a grande escala.

– A intelixencia policial ao descuberto.

– Organización criminal, criterios de pertenza.

– Narcopisos.

– Patrimonios.

– Venda anticipada e uso social de bens inmobles. Prohibicións de uso.

– Solucións ao financiamento dos gastos de xestión dos bens incautados.

– Dificultades legais e operativas dos corpos e unidades antidroga.

– Colaboradores á marxe da Xustiza.

– Destrución inmediata de embarcacións clasificadas como xénero prohibido.

– Declaración de profesión de risco e zonas de especial singularidade.

– Medidas de axilización da Xustiza.

2. Persoal destinatario.

Persoal das forzas e corpos de seguridade, Vixilancia Aduaneira, Axencia Tributaria e persoal da Administración de xustiza.

3. Número de prazas.

Sen límite.

4. Prazo de inscrición e presentación.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2025.

A listaxe de persoas seleccionadas seralle comunicada, a través do espazo web persoal da http://agasp.xunta.gal, ao persoal admitido para a súa realización.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Data: 6 e 7 de novembro de 2025.

Horario lectivo: das 9.30 ás 14.30 e das 16.30 ás 18.30 horas (6.11.2025). Das 10.00 ás 14.30 horas (7.11.2025).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de outubro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública