O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou na súa reunión do 23.7.2025 aceptar a modificación da revisión do esbozo e a cartografía actualizada dos montes chamados Montes do Viso (ID3089), e Monte Puntal, Cabaleiro (parte norte) e Gándara (11 bis) (ID3091) realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas:
Primeiro. Con data do 2.8.2022, a CMVMC do Viso (Redondela) solicitou a revisión do esbozo dos MVMC denominados Montes do Viso (ID3089) e Monte Puntal, Cabaleiro (parte norte) e Gándara (11 bis) (ID3091). A solicitude deu lugar ao expediente RE22002 no Servizo de Montes de Pontevedra.
Segundo. O 25.9.2023, o Servizo de Montes realiza proposta da revisión de esbozo segundo a solicitude presentada pola comunidade.
Terceiro. Publícase no DOG núm. 22, do 31.1.2024, o Anuncio do 29 de decembro de 2023 do acordo de aceptación desta revisión de esbozo.
Cuarto. Con posterioridade a esta publicación comprobase que o Monte Puntal (ID3091) desta revisión de esbozo solapa nunha pequena superficie (148,17 m2) co deslindamento realizado pola Administración do Monte Puntal e Mesacha pertencente á CMVMC de Xesteira (DOG núm. 8, do 13.1.2009).
Quinto. O Servizo de Montes propón unha modificación da revisión de esbozo parcial dos Montes do Viso (DOG núm. 22, do 31.1.2024), que elimina do Monte Puntal da CMVMC do Viso a superficie que solapa co deslindamento do Monte Puntal da CMVMC de Xesteira, é dicir, os 148,17 m2, e que anula a revisión do Monte Puntal da CMVMC do Viso o punto 1 de coordenadas (x: 531.913,469; y: 4.686.450,677).
A revisión deste esbozo modifícase da seguinte maneira:
– A superficie total dos montes con (ID3089 e 3091) de 142,60 ha na anterior revisión modifícase a 142,58 ha.
– A superficie e perímetro do Monte Puntal (ID3091), de 1,49 ha e 827 m na anterior revisión modifícase a 1,47 ha e 835 m.
– Na cartografía dixital elimínase o solape.
A descrición dos montes queda modificada nos seguintes termos:
A revisión do esbozo proposto dos montes con ID3089 e 3091 ten unha superficie de 142,58 ha (fronte ás 135,15 has clasificadas, 128 ha do monte con ID3089 e 7,15 ha do monte con ID3091) e un perímetro de 19,99 km, e queda definido do seguinte xeito:
Monte A Peneda (ID3089).
Cabida: 8,51 ha.
Perímetro: 2.766 m.
Linde norte: MVMC de Arcade de Riba e propiedade particular.
Linde sur: camiño municipal e propiedades particulares.
Linde leste: MVMC de Alxán de Abaixo.
Linde oeste: camiños e propiedades particulares de José Ramón Blanco Luna, Roberto Bouzón González, Milagros Táboas Rodríguez, Rosa Lago Alján, Josefa Martínez Bouzón, Eulalia Vidal Martínez e outros.
Monte Espiño (ID3089).
Cabida: 64,20 ha.
Perímetro: 4.980 m.
Linde norte: MVMC de Pedroso e Alxán de Arriba.
Linde sur: MVMC de Ventosela.
Linde leste: MVMC de Pedroso, de Alxán de Arriba e de Moreiras.
Linde oeste: propiedades particulares.
Monte Outeiro Grande (ID3089).
Cabida: 61,58 ha.
Perímetro: 9.176 m.
Linde norte: propiedades particulares de Bernardo López Rodríguez, Amalia Franco Soto, María Veiga Blanco, José López, Abel Lorenzo Sotelino, María del Carmen Martínez Conde e outros.
Linde sur: propiedades particulares de José Ramón Martínez López e outros e camiño municipal.
Linde leste: propiedades particulares e camiño municipal.
Linde oeste: camiño municipal, Camiño de Santiago e propiedades particulares de María Esther Bouzas Vidal, Dolores Fernández Vidal e outros.
Enclavados (xa descontados da superficie total): parcelas catastrais, 36045A00200093 e 36045A00200094, cunha superficie total de 6.317 m2.
Monte Cabaleiro (parte norte) (ID3091).
Cabida: 4,41 ha.
Perímetro: 1.173 m.
Linde norte: camiño, propiedades particulares de Juan Cabaleiro, José Muleiro Soto, Gloria Muñoz Iglesias e outros.
Linde sur: MVMC de Cesantes.
Linde leste: propiedades particulares de Emilia García Cabaleiro, Ofelia Couñago García, Arsenio Lameiro García, Rogelia Cendón Cabaleiro e outros.
Linde oeste: ensanche estrada Pontevedra-Vigo (Ministerio de Fomento) e estrada municipal a Soutoxuste.
Monte A Gándara (ID3091).
Cabida: 2,41 ha.
Perímetro: 1.070 m.
Linde norte: camiño e propiedades particulares de Juan Carlos Collazo Durán, José Durán Bouzón, María Teresa Vidal Soto, Antonio Amoedo e outros.
Linde sur: propiedades particulares de Celso López Martínez e outros.
Linde leste: propiedades particulares de Lucía Vidal Cabaleiro, Domingo López Martínez e outros.
Linde oeste: estrada municipal e propiedades particulares de Servando Barro Abella, Emilia Martínez Vidal, Antonio Barral Barral, Armando Lago Martínez e outros.
Monte Puntal (ID3091).
Cabida: 1,47 ha.
Perímetro: 835 m.
Linde norte: MVMC da Xesteira, Ministerio de Fomento (ADIF) e camiño.
Linde sur: ría de Vigo, Ministerio de Fomento (ADIF).
Linde leste: camiño.
Linde oeste: ría de Vigo.
Sexto. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
A vista do exposto, este xurado
ACORDA:
– Aceptar a modificación da revisión do esbozo parcial do montes denominados Montes do Viso (ID3089), e Monte Puntal, Cabaleiro (parte norte) e Gándara (11 bis) (ID3091), segundo a proposta e planimetría elaborada polo Servizo de Montes.
Tal e como exixe o parágrafo 3 da disposición transitoria décimo terceira da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da comunidade de montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.
Pontevedra, 3 de outubro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
