DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 21 de outubro de 2025 Páx. 54761

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 88/2025, do 6 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Cañiza duns treitos antigos das estradas de titularidade provincial EP-5002 e EP-5102.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello da Cañiza asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a execución do proxecto «recuperación do contorno da antiga ponte das Achas no Concello da Cañiza». Segundo a cláusula quinta 5) este convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencias ao Concello da Cañiza dos seguintes treitos:

• Treito antigo de 330 m de lonxitude situado na marxe dereita do p.q 1+440. da EP-5002 A Cañiza-Mourentán.

• Treito antigo de 151 m de lonxitude situado na marxe esquerda do p.q. 16+040 da EP-5102 A Lamosa-A Franqueira-As Achas.

Tanto o treito antigo da estrada EP-5002, como o treito antigo da estrada EP-5102 cumpren co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello da Cañiza dos seguintes treitos:

Denominación do treito

p.q.

Marxe

Lonxitude (m)

Treito antigo da EP-5002 A Cañiza-Mourentán

1+440

Dereita

330

Treito antigo da EP-5102 A Lamosa-Franqueira-As Achas

16+040

Esquerda

151

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello da Cañiza, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
P.S. (Decreto 82/2025, do 3 de outubro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas