DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 21 de outubro de 2025 Páx. 54763

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2025 pola que se modifica a Resolución do 10 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT404D).

O 5 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 24 a Resolución do 10 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT404D).

A Resolución do 10 de xaneiro de 2025 establece un crédito para o financiamento desta convocatoria de 70.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.470.0, no código de proxecto 2015-00003, do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais. O punto 2 do artigo 3 das bases reguladoras posibilita que os importes previstos poidan ser incrementados ao longo do exercicio orzamentario, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Este artigo indica, ademais, que a dita ampliación se ten que publicar nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver, e o importe do crédito da ampliación será distribuído segundo o criterio do órgano concedente.

A xestión dinámica do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025 permite destinar un maior crédito a esta liña de axudas, que é considerada estratéxica para o sector audiovisual galego.

Este maior crédito posibilitará a ampliación do número de proxectos beneficiarios desta convocatoria, en particular os que se presenten á categoría A, que é a modalidade con máis demanda por parte do sector.

Polo exposto, proponse a modificación do crédito total destinado á convocatoria da liña de axudas, así como unha nova redistribución das anualidades, reflectida no cadro de financiamento.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o artigo 3 da convocatoria, que resulta redactado como segue:

«Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2025 do ente a través da aplicación orzamentaria 13.A1.432B.470.0, código de proxecto 2015-00003, por importe de 80.000 euros».

Segundo. Modificar o punto 1 do artigo 3 das bases reguladoras, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Financiamento

Os créditos dispoñibles para o financiamento desta convocatoria ascenden a 80.000 €, que se imputarán aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025, na aplicación 13.A1.432B.470.0, código de proxecto 2015-00003, destinándose 34.000 euros para a modalidade A e 46.000 euros para a modalidade B».

Disposición adicional única

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais