DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 23 de outubro de 2025 Páx. 55061

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa.

Antecedentes de feito.

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral ao sector bovino dun territorio en que se notifique a súa presenza.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona en Cataluña, e que ten continuado ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa comunidade autónoma, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia.

Co fin de previr a entrada da dermatose nodular contaxiosa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer o gando bovino galego da entrada desta enfermidade no territorio.

Fundamentos de dereito.

Visto o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.

Visto o disposto no artigo 8 de medidas sanitarias de salvagarda, da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,

RESOLVO:

Primeiro. Todos os animais bovinos que procedan de explotacións localizadas fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente do motivo do traslado e da súa orixe e destino (tanto para vida como para sacrificio), deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais desde a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia.

Segundo. As explotacións gandeiras de calquera tipo e clasificación zootécnica que incorporen os animais referidos no punto primeiro quedarán inmobilizadas cautelarmente durante o período referido no punto primeiro. Esta inmobilización afectará a totalidade dos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos animais obxecto do movemento de entrada.

Terceiro. Establécese a obriga de someter á desinsectación todos os bovinos presentes na explotación a que se incorporen os animais referidos no punto primeiro.

Cuarto. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria destas e comprobación da correcta desinsectación.

Quinto. Adicionalmente ás tarefas de limpeza e desinfección obrigatoria establecidas no Real decreto 638/2019, do 8 de novembro, polo que se establecen as condicións básicas que deben cumprir os centros de limpeza e desinfección dos vehículos dedicados ao transporte por estrada de animais vivos, produtos para a alimentación de animais de produción e subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, e se crea o Rexistro nacional de centros de limpeza e desinfección, establécese a obriga de realizar accións de desinsectación en todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada de bovinos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán actuacións de control das condicións de limpeza, desinfección e desinsectación dos vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada de bovinos á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. O incumprimento desta resolución poderá ser sancionado conforme o previsto na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, sen prexuízo doutras responsabilidades de índole civil ou penal que puidesen concorrer.

Oitavo. Esta resolución producirá efectos desde o mesmo día de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), terá unha duración de 30 días naturais desde a data de publicación no DOG e poderase prorrogar por resolución de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.

Noveno. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias