Feitos:
Primeiro. O día 26 de setembro de 2025 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión Paritaria do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á Consellería de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Segundo. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Rexcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).
Terceiro. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente, procederá a ditar resolución ordenando o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.
Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión Paritaria do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia.
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
ANEXO
Acta da Comisión Paritaria do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia
En Santiago de Compostela, ás 10.00 horas do día 26 de setembro de 2025, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, en Santiago de Compostela, reúnese a Comisión Paritaria do V Convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia.
Representación empresarial:
Álvaro Alonso Fernández (FEGAM).
Agustín Capón Moure (FEGAM).
José Manuel Carballo García (FEGAM).
Eduardo Quiroga Negreira (FEGAM).
Enrique Blanco Manzano (FEGAM).
Representación social:
UGT Galicia:
Marcial Rodríguez Gil.
SN de CC.OO. de Galicia:
Roberto Rodríguez García.
José Daniel Rodríguez Besteiro.
José M. Cernadas Seijo (asesor).
Daniel Vázquez Couto (asesor).
José Manuel Costa Román (asesor).
CIG:
Inácio Pavón Barbagelata (asesor).
O obxecto desta xuntanza é atender as consultas formuladas a esta comisión paritaria que máis abaixo se relacionan.
Logo do oportuno e respectuoso debate e exposición de posturas por todas e cada unha das representacións presentes, procede reflectir na acta o seguinte:
Primeiro. Artigo 32 do Convenio colectivo en relación coas funcións e obrigas dos técnicos en emerxencias sanitarias á hora de recoller os pacientes nos centros hospitalarios
A Comisión Paritaria entende que a definición de funcións concretas non aparece no convenio colectivo de forma expresa, polo que excede a competencia desta comisión.
Segundo. Interpretación conxunta dos artigos 13 e 19 do Convenio colectivo
Os membros desta comisión paritaria entenden que a dita interpretación debe realizarse en coordinación co anexo I.
Os salarios percibidos desde o 31 de decembro de 2022 actualizáronse, de acordo co convenio, o 1 de abril de 2024 cos valores fixados no anexo I.
A mellora dos salarios desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de marzo de 2024 é a fixada no artigo 19 (paga de regularización), sen que correspondan atrasos polo devandito período.
Terceiro. Determinación dos períodos de referencia para a determinación das porcentaxes que se percibirán en concepto de complemento de transporte regulado no artigo 22 do Convenio colectivo
Esta comisión paritaria entende que o período de referencia é o mes natural recollido no artigo 22 do convenio, salvo acordo expreso das partes ou os usos e costumes consolidados no tempo.
Cuarto. Determinación de compensación do traballo nocturno disposta no artigo 27 do Convenio colectivo
Esta comisión interpreta que este artigo reflicte o negociado, que foi unha cantidade de minutos por noite traballada, cun máximo anual de redución topado en 24 horas.
Quinto. Días de libre disposición
Esta comisión paritaria entende que, salvo acordo expreso no ámbito da empresa, non existe ningún tipo de limitación de datas no convenio para solicitar os días de libre disposición, podendo ser solicitados en calquera día do ano.
Sexto. Interpretación do artigo 37.a) do Convenio colectivo
As partes non acadan avinza.
Sétimo. Interpretación do artigo 38 do Convenio colectivo
Esta comisión paritaria interpreta que:
• Se o cambio de quenda non está comunicado non será eficaz ese cambio.
• Se, comunicado o cambio de quenda, non se pode realizar a primeira parte do cambio, por imposibilidade da primeira persoa traballadora, o cambio quedaría anulado.
• E se, comunicado un cambio, realizada a primeira parte do cambio e non podendo a segunda persoa traballadora realizar a segunda parte, será a empresa a que designará a persoa traballadora que prestará servizos nesa xornada cambiada, sempre que haxa unha causa xustificada.
Oitava. Delegación no CGRL
As partes acordan delegar no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación deste acordo ante a autoridade laboral competente.
En proba de conformidade asinan as persoas abaixo relacionadas en representación de cada unha das organizacións presentes.
E, sen máis asuntos que tratar, remata esta xuntanza ás 12.15 horas, e as persoas abaixo relacionadas asinan en representación de cada unha das organizacións asistentes.
Enrique Blanco Manzano (FEGAM).
Inácio Pavón Barbagelata (CIG).
Marcial Rodríguez Gil (UGT).
Roberto Rodríguez García (CC.OO.).
