DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 27 de outubro de 2025 Páx. 55420

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de outubro de 2025 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A).

A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A), regula no seu artigo 23.2 o prazo para o remate e a xustificación dos traballos: o 30 de outubro para a anualidade 2025 e o 30 de xuño para a anualidade 2026.

A vaga de lumes do mes de agosto de 2025, en que se queimaron máis de 100.000 ha no territorio da Comunidade Autónoma, tivo como consecuencia que en torno a un 25 % das solicitudes presentadas en prazo estivesen afectadas, dado que as superficies sobre as cales se solicitaron os traballos obxecto da axuda resultaron queimadas, nalgúns casos na súa totalidade. Este novo escenario fai necesaria unha nova inspección para verificar as superficies de traballo propostas nas solicitudes da axuda e a súa viabilidade antes da súa concesión, polo que o prazo de remate e xustificación dos traballos da anualidade 2025 establecido para o 30 de outubro é de imposible cumprimento.

Polo tanto, esta orde debe ser modificada de tal xeito que permita que a totalidade dos traballos preventivos se poida realizar e xustificar dentro do prazo establecido para a anualidade 2026.

Consecuentemente con todo o anterior, esta consellería, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A)

A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A), queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 23.2, que queda redactado como segue:

«2. O prazo máximo para o remate e a xustificación dos traballos remata o 30 de xuño de 2026».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural