DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 27 de outubro de 2025 Páx. 55401

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Feitos:

Primeiro. O día 2 de outubro de 2025 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á consellería, de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Segunda. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Regcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

Terceira. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente ditará resolución ordenando o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.

Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela

O 17 de xullo de 2020, a Universidade de Santiago de Compostela e as organizacións sindicais subscribiron o Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 237, do 24 de novembro de 2020, e coas modificacións posteriores publicadas no DOG núm. 180, do 17 setembro de 2021, DOG núm. 107, do 6 xuño de 2022, e DOG núm. 75, do 19 de abril de 2023.

O devandito acordo introduciu unha nova definición da investigación na Universidade de Santiago de Compostela, establecendo as categorías e retribucións para o persoal investigador, achegando estabilidade a este colectivo e potenciando a continuidade das investigacións que se desenvolven na nosa universidade. Este fito supuxo un recoñecemento da importancia das funcións que desenvolven no seo da USC e que son vitais para o avance científico da sociedade galega.

Así mesmo, o artigo 13.4 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, dispón que o persoal de investigación de carácter laboral ao servizo das universidades se rexerá polo establecido na citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e as súas normas de desenvolvemento, e nas normas convencionais, entre as cales figura o Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da USC. Así mesmo, regularase polo disposto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

A devandita Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, no seu artigo 2, establece entre os seus obxectivos xerais fomentar a carreira profesional do conxunto do persoal de investigación, científicos, técnicos e persoal de xestión.

A Universidade de Santiago de Compostela ten o compromiso de garantir o desenvolvemento profesional do persoal de investigación, aliñándoo co mantemento da excelencia da actividade investigadora, coa avaliación positiva previa do desempeño profesional.

Porén, tendo en conta que na USC non está implantado un sistema propio de avaliación do desempeño profesional, e sendo este un requisito sine qua non para a progresión dentro da carreira ordinaria, abriuse un proceso de negociación para establecer e desenvolver un sistema de carreira extraordinario, cun mecanismo de encadramento no grao da carreira profesional horizontal correspondente, ligado ao tempo de servizos prestados, á pericia profesional acumulada e aos méritos nos ámbitos de investigación, de innovación, de formación, de desenvolvemento experimental, de xestión ou de transferencia de coñecemento, segundo o perfil investigador ou de apoio á investigación por parte das persoas traballadoras da universidade.

No uso das competencias atribuídas polos estatutos da USC e pola Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos, o xerente, en representación da Universidade de Santiago de Compostela, e as organizacións sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Central Sindical e Independiente de Funcionarios (CSIF), Unión General de Trabajadoras y Trabajadores (UGT), na sesión da Mesa Xeral de Negociación da Universidade de Santiago de Compostela celebrada o 10 de setembro de 2025, subscribiron o seguinte

ACORDO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste acordo é articular o sistema extraordinario de encadramento no grao da carreira profesional horizontal do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación na Universidade de Santiago de Compostela, incluídos no ámbito funcional definido no Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación dentro do marco da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e da lexislación laboral vixente.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

1. O ámbito de aplicación deste acordo abrangue o persoal investigador e persoal de apoio á investigación da USC, con contratos financiados con cargo ao financiamento de I+D+i, que estea en servizo activo, excedencia forzosa ou en excedencia por coidado de familiar:

a) Persoal laboral fixo.

b) Persoal laboral indefinido de actividades científico-técnicas, ao abeiro do artigo 23.bis da Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

c) Persoal laboral con contrato de duración pactada polas partes.

2. De conformidade co punto anterior, o ámbito de aplicación aplicarase aos seguintes grupos ou subgrupos e categorías:

2.1. Persoal investigador.

a) Subgrupo profesional 1:

– Persoal investigador colaborador.

b) Subgrupo profesional 2:

– Persoal investigador asociado.

c) Subgrupo profesional 3:

– Persoal investigador distinguido Manuela Barreiro.

– Persoal investigador distinguido Sergio Vidal.

– Persoal investigador distinguido Jimena Fernández de la Vega.

2.2. Persoal de apoio á investigación.

a) Grupo I:

– Técnico/a superior de investigación (1.2).

– Técnico/a superior de xestión (1.2).

b) Grupo II:

– Técnico/a de grao medio de investigación (II.2).

c) Grupo III:

– Técnico/a especialista de investigación (III.1).

d) Grupo IV:

– Auxiliar administrativo laboral (IV.1).

Artigo 3. Exclusións

Queda excluído do acceso ao sistema extraordinario de encadramento obxecto deste acordo:

a) O persoal investigador que estea incluído no ámbito de aplicación do Convenio colectivo de persoal docente e investigador das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

b) O persoal investigador e o persoal de apoio á investigación cunha relación laboral coa USC que responda a circunstancias da produción temporais ou á execución de fondos europeos de duración determinada.

c) O persoal investigador e o persoal de apoio á investigación que teña a condición de funcionario/a interino/a por programa.

Artigo 4. Estrutura do sistema de carreira profesional horizontal

O sistema de carreira profesional horizontal transcorre en catro graos aos cales se poderá acceder tras un período de permanencia no grao inmediatamente anterior que se describe a continuación:

a) Para o acceso ao grao I: 6 anos de servizo desde o ingreso na USC.

b) Para o acceso grao II: 6 anos desde a adquisición do grao I.

c) Para o acceso grao III: 6 anos desde a adquisición do grao II.

d) Para o acceso grao IV: 6 anos desde a adquisición do grao III.

Artigo 5. Progresión na carreira

A progresión entre os distintos graos, detallados no artigo 4, en cada grupo ou subgrupo será consecutiva e será preciso reunir os seguintes requisitos no momento da solicitude:

– Estar en situación de servizo activo, servizos especiais ou excedencia por coidado de familiares. Para os efectos de completar o período de permanencia, computarase o tempo transcorrido na situación de servizo activo ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza.

– Non ter recibido ningunha sanción disciplinaria nos últimos 5 anos ou, de existir, que xa estea prescrita.

– Acadar a puntuación mínima exixida para cada grao.

Artigo 6. Cambio de grupo ou subgrupo

O persoal que acceda a outro grupo ou subgrupo e que teña recoñecido un grao deberá reiniciar o cómputo no grao I do novo grupo ou subgrupo.

O tempo prestado no anterior grupo ou subgrupo que non fose suficiente para completar o grao computarase como prestado no grao I do novo grupo ou subgrupo.

Este cambio non afectará o grao xa recoñecido. Polo tanto, continuará percibindo o complemento recoñecido do grupo ou subgrupo de orixe, ao cal se engadirán os novos complementos que adquira ata o límite de catro graos. Cando a persoa traballadora teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento correspondente aos catro graos de maior contía.

Artigo 7. Homologación de graos de carreira recoñecidos noutras administracións públicas

A homologación de graos da carreira profesional, sexa ordinaria ou extraordinaria, recoñecidos noutras administracións públicas deberá ser recíproca e estar prevista mediante convenio ou instrumento de colaboración coa Administración de que se trate.

Artigo 8. O complemento retributivo

1. Os graos que se adquiran aboaranse mediante unha retribución complementaria de carácter fixo que se percibirá exclusivamente na situación de servizo activo, coas seguintes contías:

a) Persoal investigador:

Subgrupo 3 (Distinguido)

Subgrupo 2 (Asociado)

Subgrupo 1 (Colaborador)

2.774,64

2.774,64

2.774,64

b) Persoal de apoio á investigación:

Grupo I

Grupo II

Grupo III

Grupo IV

2.774,64

1.941,72

1.252,32

1.063,20

2. As contías anuais devindicaranse en 12 mensualidades e serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal do sector público.

Artigo 9. Encadramento no grao correspondente

O sistema extraordinario implica un proceso de encadramento no grao que lle corresponda a cada traballador ou traballadora, tendo en conta o tempo de servizos prestados de forma continuada ou interrompida na USC en categorías de persoal investigador ou de apoio á investigación con contratos financiados con fondos finalistas, en cada un dos grupos ou subgrupos que figuren na súa traxectoria profesional dentro da universidade, dando lugar ao recoñecemento do grao correspondente en cada un dos grupos polos que transitou.

Artigo 10. Efectos económicos do procedemento extraordinario de encadramento

1. O encadramento resultante segundo o artigo 9 dará lugar a unha contía que será a cantidade resultante de sumar as que corresponden a cada un dos graos que se recoñezan, en función do tempo traballado en cada grupo.

2. En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento, correspondente aos graos recoñecidos con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, farase coa distribución resultante da negociación colectiva.

Artigo 11. Procedemento

1. O encadramento realizarase mediante unha convocatoria inicial extraordinaria que se resolverá no prazo máximo de catro meses desde a finalización do prazo de solicitudes. De non se ditar a resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.

2. Mentres non se desenvolva un sistema ordinario de carreira, no primeiro trimestre de cada ano abrirase unha convocatoria que permita a progresión ou o encadramento inicial de persoal que non puidese concorrer na convocatoria prevista na alínea anterior.

3. Os efectos económicos e administrativos das resolucións estimativas serán desde o 1 de xaneiro do ano en que se produza o recoñecemento.

Artigo 12. Desistencia e renuncia

1. O persoal da USC, dentro do ámbito de aplicación do presente acordo, poderá desistir da súa solicitude de recoñecemento do grao antes da súa resolución ou ben renunciar ao grao unha vez recoñecido.

2. Tanto a desistencia como a renuncia comunicaranse a través do Rexistro electrónico da USC, dirixidas á Xerencia. A USC aceptará sen reservas tanto a desistencia como a renuncia e ditará a resolución correspondente.

3. Os efectos da comunicación de desistencia produciranse desde a data de recepción desta. A renuncia implicará a perda permanente do grao que tivese recoñecido e os dereitos económicos asociados a el desde o mes seguinte á data da resolución.

Sección 2ª. Proceso de avaliación no procedemento extraordinario de

encadramento no grao correspondente

Artigo 13. Requisitos xerais de acceso ao sistema extraordinario de encadramento

O persoal incluído no ámbito de aplicación deste acordo deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 5 na data de remate de presentación de solicitudes que se fixe na convocatoria.

Para o encadramento no grao correspondente só se terá en conta o tempo de servizos prestados ata o 31 de decembro do ano anterior.

Artigo 14. Requisitos específicos de acceso ao sistema extraordinario de encadramento

1. Para acceder ao sistema extraordinario de encadramento o persoal debe contar co número de puntos previstos para cada grupo ou subgrupo e para cada grao, tendo en conta a traxectoria e o tempo traballado na USC, de xeito acumulativo, de forma que o acceso a un grao superior se realizará cumprindo o mínimo de anos e a diferenza de puntos co grao anterior. O baremo aplicable será o seguinte:

a) Persoal investigador:

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

(mín. 6 anos)

(mín. 12 anos)

(mín. 18 anos)

(mín. 24 anos)

Subgrupo 3

70

140

210

280

Subgrupo 2

60

120

180

240

Subgrupo 1

50

100

150

200

b) Persoal de apoio á investigación:

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

(mín. 6 anos)

(mín. 12 anos)

(mín. 18 anos)

(mín. 24 anos)

I

60

120

180

240

II

50

100

150

200

III

40

80

120

160

IV

30

60

90

120

2. Os méritos avaliables serán os adquiridos ata o 31 de decembro do ano anterior á convocatoria.

3. Os méritos avaliaranse para a totalidade da traxectoria profesional, independentemente da data da súa adquisición, empregando aqueles que non sexan necesarios para a obtención dun grao en períodos en que o traballador non obteña a puntuación suficiente.

Artigo 15. Valoración dos méritos

Valorarase a súa traxectoria profesional e implicación na actualización e mellora da cualificación profesional a través dos méritos previstos nos anexos I e II deste acordo.

Sección 3ª. Seguimento do acordo

Artigo 16. Comisión de Seguimento

1. Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes e pola Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, que a presidirá.

2. A Comisión de Seguimento reunirase por iniciativa da presidencia ou da maioría dos representantes da parte social.

Disposición adicional primeira. Primeira convocatoria de encadramento e efectos económicos

Na primeira convocatoria que se realice a data de referencia para o encadramento será o 31 de decembro de 2024.

Os efectos económicos para a anualidade 2025 serán os previstos no anexo V do presente acordo.

Disposición adicional segunda. Encadramento excepcional

Con carácter excepcional poderán encadrarse no grao que lles corresponda aquelas persoas que non acaden a puntuación requirida no artigo 14 deste acordo, sempre que xustifiquen a imposibilidade de ter adquirido méritos suficientes e conten co número de anos de servizos prestados na Universidade de Santiago de Compostela, segundo o previsto nos anexos III e IV en función do tipo de persoal de que se trate.

Disposición transitoria. Equivalencias das categorías

1. Os servizos prestados en categorías anteriores ao Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) computaranse segundo a seguinte táboa de equivalencias:

Persoal investigador

Investigador/a en formación

Investigador/a predoutoral

Investigador/a asociado/a

Investigador/a asociado/a

Persoal técnico e de apoio á investigación

Técnico/a superior de apoio á investigación

Técnico/a superior de investigación

Técnico/a administrativo/a

Técnico/a superior de xestión da investigación

Axudante de apoio á investigación

Técnico/a especialista de investigación

Axudante/a administrativo/a

Auxiliar administrativo

2. O tempo de servizos prestados ao abeiro de contratos laborais formalizados segundo a titulación académica requirida, nos cales non se especifica a categoría profesional desempeñada, e cando non resulte posible determinar se o perfil profesional correspondía a tarefas de investigación ou técnicas, será valorado conforme o perfil profesional que posúa a persoa interesada na actualidade.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

E para que así conste, asinan este acordo as seguintes persoas,

En Santiago de Compostela,

En representación da Universidade
de Santiago de Compostela

Antonio Javier Ferreira Fernández

DNI 76406823H

Xerente

En representación das organizacións
sindicais

Miguel Hermida Prieto

DNI 33994391T

CC.OO.

Pilar Expósito Díaz

DNI 33993721C

CSIF

José Ramón Bahamonde Hernando

DNI 32448412N

UGT

ANEXO I

Méritos valorables para o persoal investigador

A avaliación basearase nunha análise global do traballo realizado pola persoa interesada durante o período considerado, a través das seguintes liñas de actividade:

a) Participación en proxectos de investigación como equipo investigador, equipo de traballo ou persoal contratado nel, no eido autonómico, estatal, europeo ou internacional, financiados tanto a través de convocatorias competitivas de entidades públicas ou privadas como mediante proxectos de colaboración público-privada, contratos de investigación, convenios, encomendas de xestión, encargos por parte das administracións públicas ou entidades adxudicadoras, así como mediante subvencións nominativas.

b) Dirección ou codirección de teses doutorais, traballos de fin de grao ou de máster, tesinas ou outros traballos académicos, así como a participación en actividades especializadas promovidas por organizacións científicas.

Tamén se valorarán as tarefas formativas levadas a cabo no marco de programas nacionais ou internacionais de captación e consolidación de talento, tales como as convocatorias Juan de la Cierva ou similares.

c) Docencia universitaria en facultades, escolas superiores ou centros universitarios.

d) Formación de persoal técnico e titulado superior no ámbito do ensino non oficial (como poden ser ciclos formativos de formación profesional ou programas de formación sanitaria especializada), así como noutros programas de especialización organizados por organismos públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou por colexios e asociacións profesionais.

Igualmente, terase en conta a docencia impartida nos plans de formación da USC ou a colaboración con outras entidades públicas ou privadas.

e) Participación en grupos de traballo ou comités científicos de carácter nacional ou internacional. Participación en tribunais de teses e en traballos académicos.

Así mesmo, valorarase a implicación en programas, foros, comités de expertos e infraestruturas de investigación, incluídas as redes temáticas.

f) Dirección de unidades de investigación e/ou coordinación de áreas científicas, tanto en España coma no estranxeiro, dentro do sector público ou do sistema universitario.

g) Implicación na organización, xestión e avaliación da actividade investigadora (comités organizadores de congresos científicos, comités de normalización, participación na Axencia Estatal de Investigación ou axencias equivalentes de calquera ámbito, xuntas directivas de sociedades científicas ou participación na xestión de centros públicos de investigación).

h) Participación en actividades de transferencia de coñecemento ou tecnoloxía, a través da titularidade ou coautoría de dereitos de propiedade intelectual ou industrial, así como noutras accións acreditadas, como a creación de grupos operativos, spin-offs, contratos de licenza ou cesión de patentes e modelos de utilidade.

i) Actividades de divulgación científica, tecnolóxica ou do coñecemento.

Nesta epígrafe valorarase a participación en conferencias e congresos como persoa convidada ou relatora, seminarios, xornadas, obradoiros e outros eventos de carácter profesional, científico ou divulgativo; a colaboración con entidades dedicadas á difusión da ciencia (como museos, fundacións, etc.); publicacións en revistas de divulgación, libros ou monografías; contratos de servizos ou participación en comités editoriais de publicacións científicas.

Tamén se valorará o asesoramento científico-técnico e calquera outra actividade vencellada á investigación, desenvolvemento experimental, dirección, xestión ou transferencia do coñecemento.

k) Publicacións como autor ou coautor de traballos científicos e de investigación en revistas científicas de ámbito nacional ou internacional. Capítulos de libros e outras obras colectivas de carácter científico en calidade de autoría, coautoría ou edición.

l) Formación:

– Asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos por escolas, centros ou organismos oficiais, cursos ofertados no marco dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas e cursos impartidos por organizacións sindicais sempre que estean homologados por organismos oficiais.

– Asistencia e, de ser o caso, superación de cursos relativos á posta en marcha, manexo ou mantemento de máquinas e equipamento técnico instalado na USC, impartidos polo fabricante ou distribuidor do equipamento.

– Titulación oficial de grao/mestrado/doutoramento superior á requirida para o acceso ao grupo ou subgrupo ou que constitúa unha segunda titulación.

– Cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo na correspondente categoría profesional.

– Formación relacionada co coñecemento de linguas estranxeiras; valóranse os niveis acreditados do MCER (Marco común europeo de referencia para as linguas).

– Asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares, relacionados coa traxectoria profesional.

Non se valorarán as materias ou créditos que formen parte dunha titulación académica nin os módulos separados dun determinado curso.

m) Estadías en centros de investigación ou universidades distintos daquel onde se desempeña a actividade profesional.

En todo caso deberá obterse puntuación, polo menos, en dúas das epígrafes.

Epígrafe

Actividade

Puntuación máxima

a)

Obtención/participación en proxectos de I+D+i

100 puntos

b)

Dirección de teses, TFG, TFM, programas de talento

20 puntos

c)

Docencia universitaria

20 puntos

d)

Formación técnica non universitaria e docencia noutros plans formativos

7,5 puntos

e)

Participación en grupos de traballo e comités científicos

7,5 puntos

f)

Dirección de unidades de investigación e/ou coordinación de áreas científicas

7,5 puntos

g)

Organización, xestión e avaliación da actividade investigadora

15 puntos

h)

Transferencia de coñecemento e tecnoloxía

15 puntos

i)

Divulgación científica, participación en eventos, asesoramento técnico

15 puntos

k)

Publicacións científicas

Sen límite

l)

Formación

50 puntos

m)

Estadías

20 puntos

ANEXO II

Méritos valorables para o persoal de apoio á investigación

A avaliación basearase nunha análise global do traballo realizado pola persoa interesada durante o período considerado, a través das seguintes liñas de actividade:

a) Xestión e coordinación de equipos.

Inclúe a responsabilidade na supervisión, organización ou dirección de equipos técnicos ou persoal en prácticas, así como a planificación e o seguimento de tarefas.

b) Supervisión de instalacións.

Funcións de inspección, control e mantemento de equipamentos ou instalacións técnicas, tanto de uso propio como compartido (plataformas, servizos centrais, laboratorios, etc.).

c) Formación:

– Asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos por escolas, centros ou organismos oficiais, cursos ofertados no marco dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas e cursos impartidos por organizacións sindicais, sempre que estean homologados por organismos oficiais.

– Asistencia e, de ser o caso, superación de cursos relativos á posta en marcha, manexo ou mantemento de máquinas e equipamento técnico instalado na USC, impartidos polo fabricante ou distribuidor do equipamento.

– Titulación oficial superior á requirida para o acceso ao grupo ou subgrupo, ou que constitúa unha segunda titulación.

– Cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo na correspondente categoría profesional.

– Formación relacionada co coñecemento de linguas estranxeiras; valoraranse os niveis acreditados do MCER (Marco común europeo de referencia para as linguas).

– Asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares, relacionados coa traxectoria profesional.

Non se valorarán as materias ou créditos que formen parte dunha titulación académica nin os módulos separados dun determinado curso.

d) Participación en proxectos de investigación como equipo investigador, equipo de traballo ou persoal contratado nel.

Implicación en proxectos de investigación como apoio técnico, responsable de equipamento ou técnico de execución.

e) Publicacións como autor ou coautor de traballos científicos, técnicos e de investigación en revistas científicas de ámbito nacional ou internacional. Publicación de capítulos de libros ou outras obras colectivas de carácter científico en calidade de autor, coautor ou editor.

Colaboración na elaboración de informes, artigos técnicos, guías de uso de equipos ou accións de divulgación científica dirixidas a públicos especializados.

f) Organización ou colaboración na organización de eventos de divulgación, tales como congresos, seminarios, xornadas, cursos de verán ou similares, relacionados coa traxectoria profesional.

g) Estadías en centros de investigación ou universidades distintos daquel onde se desempeña a actividade profesional.

h) Actividades de colaboración docente e investigadora.

Colaboración docente do persoal de apoio como profesional na docencia ordinaria de mestrado universitario, así como na titorización de TFG e TFM.

Tamén se valorará a participación en grupos de traballo ou comités científicos, así como a implicación en comités de expertos e infraestruturas de investigación similares, incluídas as redes temáticas.

Epígrafe

Criterio

Puntuación máxima

a)

Responsabilidade en xestión ou coordinación de equipos

15 puntos

b)

Inspección, supervisión e mantemento de instalacións

20 puntos

c)

Formación

Sen límite

d)

Participación en proxectos de investigación

70 puntos

e)

Colaboración en publicacións

40 puntos

f)

Eventos de divulgación

40 puntos

g)

Estadías

40 puntos

h)

Colaboración na docencia e investigación

20 puntos

ANEXO III

Puntuación por méritos para o persoal investigador

Epígrafe

Actividade

Puntuación

a)

Participación en proxectos de I+D+i

Obtención proxectos competitivos: 10 puntos/proxecto

Obtención proxectos/contratos non competitivos: 5 puntos/ proxecto

Participación proxectos competitivos: 8 puntos/proxecto

Participación en proxectos/contratos non competitivos: 4 puntos/ proxecto

b)

Dirección/codirección de teses, TFG, TFM, programas de talento

Dirección/codirección de teses: 5 puntos

Dirección/codirección de TFM ou TFG: 2 puntos

c)

Docencia universitaria

1 punto por hora impartida en titulación oficial (grao ou máster).

0,50 puntos por hora en programa de doutoramento.

d)

Formación técnica non universitaria e docencia noutros plans formativos

– 1 hora: 0,8 puntos

e)

Participación en grupos de traballo e comités científicos

– Por cada participación: 2 puntos

f)

Dirección de centros, unidades, departamentos ou áreas científicas

– Por cada participación: 2 puntos

g)

Organización, xestión e avaliación da actividade investigadora

– Por cada participación: 2 puntos

h)

Transferencia de coñecemento e tecnoloxía (propiedade intelectual, spin-offs, etc.)

– Por cada participación: 5 puntos

i)

Divulgación científica, participación en eventos, asesoramento técnico

– Comunicacións en congresos, conferencias, seminarios, etc.: 5 puntos

– Pósters en congresos: 3 puntos

– Publicacións divulgativas: 5 puntos

– Participación/organización de xornadas, feiras, eventos que contribúan á divulgación científica ou da actividade investigadora: 3 puntos

k)

Publicacións científicas

– Publicacións científicas recollidas no SCI ou indexadas: 6 puntos por publicación

– Outras publicacións científicas non recollidas no SCI: 3 puntos por publicación

– Libros e capítulos de libro: 6 puntos

m)

Formación

– 1 hora recibida: 0,8 puntos

– 1 hora impartida: 2 puntos

– 1 crédito ou 10 horas materias soltas plans estudos oficiais: 3 puntos

– Nivel de idiomas: MCER/Celga

A2:5, B1:10, B2:15, C1:20, C2:25

– Titulación oficial de grao/mestrado/doutoramento superior á requirida ou segunda titulación: 30 puntos

– Asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares + xornadas de transferencia 1 hora*0,5 puntos.

l)

Estadías en centros de investigación/universidades

5 puntos/mes

Servizos prestados para o suposto recollido na disposición adicional segunda:

Grao I: 20 anos. Grao II: 24 anos. Grao III: 28 anos. Grao IV: 32 anos.

ANEXO IV

Puntuacións por méritos para o persoal de apoio

Epígrafe

Criterio

Puntuación

a)

Responsabilidade en xestión ou coordinación de equipos técnicos ou humanos

7,5 puntos por cada ano de xestión/coordinación

b)

Inspección, supervisión e mantemento de instalacións científicas ou técnicas

20 puntos

c)

Formación

– 1 hora recibida: 1 punto

– 1 hora impartida: 3 puntos

– 1 crédito ou 10 horas materias soltas plans estudos oficiais: 5 puntos

– Por cada certificación profesional que requira a superación dun exame: 20 puntos

– Nivel de idiomas: MCER/Celga

A2:10, B1:15, B2:20, C1:25, C2:30

– Titulación oficial superior á requirida ou segunda titulación: 50 puntos

– Asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares + xornadas de transferencia 1 hora*0,8 puntos

d)

Participación en proxectos de investigación

Proxectos competitivos: 10 puntos/proxecto

Resto: 8 puntos/ proxecto

Xestión económico/ financeira: 5 puntos/ano de xestión de programas/proxectos

e)

Colaboración en publicacións

– Publicacións científicas recollidas no SCI ou indexadas: 10 puntos por publicación

Resto: 5 puntos por publicación

– Patentes ou rexistros de software: 10 puntos

– Libros e capítulos de libro: 5 puntos

f)

Eventos de divulgación

-– Comunicacións en congresos, conferencias, seminarios, etc: 5 puntos

– Pósters en congresos: 3 puntos

– Publicacións divulgativas: 5 puntos

– Participación en xornadas, feiras, eventos que contribúan á divulgación científica ou da actividade investigadora: 3 puntos

Organización de eventos de divulgación e/ou transferencia: cursos, xornadas de divulgación, feiras, congresos...: 3 puntos

g)

Estadías en centros de investigación/universidades

5 puntos/mes

h)

Colaboración na docencia e investigación

Codirección de TFM ou TFG: 5 puntos

1 punto por hora impartida en titulación oficial.

Participación en grupos de traballo ou comités: 5 puntos

Servizos prestados para o suposto recollido na disposición adicional segunda:

Grao I: 20 anos. Grao II: 24 anos. Grao III: 28 anos. Grao IV: 32 anos.

ANEXO V

Efectos económicos do encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal de investigación da USC

1. Na anualidade 2025, finalizado o procedemento de encadramento, a contía resultante recoñecerase con efectos do 1 de xaneiro de 2025.

2. En termos globais, o pagamento suporá o 10 % da totalidade de todos os graos recoñecidos ao persoal.

3. Para as sucesivas anualidades establecerase no marco da comisión de seguimento a porcentaxe de pagamento, ata acadar o 100 % da totalidade de todos os graos, sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria.