DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 28 de outubro de 2025 Páx. 55819

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

1. O 19 de marzo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

2. O ordinal terceiro da Resolución do 17 de marzo de 2025, baixo a rúbrica Crédito orzamentario, dispón o seguinte:

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 5.298.873,00 euros, con cargo ás seguintes anualidades e aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025:

Anualidade

Aplicación

Importe

2025

11.81.451A.770.1

41.145,00 euros

11.81.451A.780.0

3.216.728,00 euros

2026

11.81.451A.770.1

41.000,00 euros

11.81.451A.780.0

2.000.000,00 euros

O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados ás anualidades 2025 e 2026 do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

A contía establecida poderá ser ampliada mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Tendo en conta que o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obteren a axuda con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.0, dirixida ao financiamento das solicitudes das persoas físicas e entidades sen personalidade xurídica, supera o importe do crédito previsto inicialmente na convocatoria e que non existen solicitudes sen atender correspondentes a persoas xurídicas, financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.770.1, resulta necesario ampliar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 17 de marzo de 2025, que terá lugar integramente na aplicación 11.81.451A.780.0.

4. O 7 de outubro de 2025, o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo acordaron reaxustar a distribución dos recursos financeiros asignados á Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, aprobado mediante o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro. Este acordo permite ampliar a dotación orzamentaria do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas, financiada con fondos finalistas do Estado, por importe de 3.658.673,00 euros.

5. Por outra banda, constan remanentes da anualidade 2025 na aplicación orzamentaria dirixida ao financiamento das solicitudes das persoas físicas e entidades sen personalidade xurídica, procedentes da Resolución do 8 de marzo de 2024 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2024 (código de procedemento VI435B), por importe de 259.214,00 euros.

6. De conformidade co ordinal terceiro da Resolución do 17 de marzo de 2025, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a aplicación 11.81.451A.780.0 da convocatoria de subvencións das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025. O incremento da dotación será de 3.917.886,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

Aplicación

Anualidade 2025

11.81.451A.780.0

3.917.887,00 euros

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo