No Diario Oficial de Galicia número 125, do 2 de xullo de 2025, publicouse a Orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, do 20 de xuño de 2025, pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento CT237A).
De conformidade co artigo 17.2 da dita orde, a resolución será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e por proposta do órgano instrutor, segundo o previsto no artigo 17.1.
Así mesmo, o artigo 17.3 da mesma orde establece que se publicará no Diario Oficial de Galicia de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Polo exposto, logo da presentación das solicitudes, unha vez finalizada a instrución e a fiscalización, e ditada o día 16 de outubro de 2025 a resolución que pon fin ao procedemento,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia, do contido íntegro da Resolución do 16 de outubro de 2025 de concesión do premio do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia para 2025 (código de procedemento CT237A), que se xunta como anexo desta resolución.
Segundo. Comunicar que a Resolución do 16 de outubro de 2025, que pon fin a este procedemento, esgota a vía administrativa e que contra ela se poderá interpor postestativamente un recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente, ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
Anxo M. Lorenzo Suárez
Director xeral de Cultura
ANEXO
Resolución do 16 de outubro de 2025 de concesión do premio do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia para 2025 (código de procedemento CT237A)
Antecedentes de feito:
Primeiro. O día 20 de xuño de 2025 ditouse a orde pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento CT237A). Esta orde ten como obxectivo fomentar, visibilizar e recoñecer aquelas iniciativas desenvolvidas polas bibliotecas públicas e axencias de lectura de titularidade municipal que, a través da súa actividade, contribúan á dinamización cultural, á promoción da lectura e á inclusión social no ámbito local.
Segundo. A convocatoria regulada pola dita orde establece dúas categorías de participación segundo a poboación do concello:
– Entidades locais con poboación de ata 10.000 habitantes.
– Entidades locais con poboación superior a 10.000 habitantes.
Terceiro. No prazo establecido na convocatoria, presentáronse un total de dezanove (19) solicitudes por parte de distintos concellos galegos, acompañadas dos proxectos executados polas súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, as cales foron tramitadas de conformidade co previsto nas bases reguladoras.
Cuarto. O día 4 de setembro de 2025 reuniuse a Comisión de Avaliación do certame, conforme o disposto na citada orde, co fin de proceder á análise dos proxectos e á súa valoración, segundo os criterios previstos no artigo 15 da orde de convocatoria. Logo de deliberación, a Comisión elaborou a correspondente acta na que se recollen os proxectos que resultan excluídos por non cumpriren os requisitos establecidos no artigo 4 da Orde de bases reguladoras, as puntuacións asignadas a cada iniciativa e a proposta de concesión dos premios ás iniciativas mellor valoradas en cada categoría.
Quinto. Como resultado do proceso de avaliación, a Comisión propuxo a concesión do premio «Bibliotecas que inspiran 2025» aos seguintes proxectos:
– Na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes:
O proxecto «Biblioverán 2023-2025», presentado pola Biblioteca Pública Municipal Luís Seoane do concello de Soutomaior.
– Na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes:
O proxecto «Paseos librescos», presentado pola biblioteca pública municipal A. Castelao do concello de Betanzos.
Sexto. Unha vez verificada a documentación presentada polas bibliotecas seleccionadas e comprobada que ambas cumpren cos requisitos establecidos na Orde de convocatoria e coa normativa vixente en materia de subvencións, a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, de conformidade co establecido no artigo 17.1 da Orde do 20 de xuño de 2025, formulou proposta de resolución.
Fundamentos de dereito:
Esta proposta de resolución susténtase no marco normativo seguinte:
– Orde do 20 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran e se convoca para o ano 2025.
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 9/2007.
– Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
– Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións.
– Ademais normativa de aplicación no procedemento administrativo de concesión de premios e axudas públicas.
RESOLVO:
Primeiro. Concederlle o premio Bibliotecas que inspiran 2025, na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes, ao Concello de Soutomaior, pola iniciativa desenvolvida a través da Biblioteca Municipal Luís Seoane, cun importe económico asociado de 3.000,00 euros.
Segundo. Concederlle o premio Bibliotecas que inspiran 2025, na categoría de entidades locais cunha poboación de máis de 10.000 habitantes, ao Concello de Betanzos, pola iniciativa desenvolvida a través da Biblioteca Municipal A. Castelao, cun importe económico asociado de 3.000,00 euros.
A concesión dos premios imputarase á aplicación orzamentaria 13.03.432A.760.3, proxecto 2015 00352, cun crédito orzamentario para o ano 2025 de seis mil euros (6.000,00 €).
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor o recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben impugnarse directamente a través do recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza o rexeitamento presunto do recurso de reposición.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. P.D. (Orde do 20.6.2025). Anxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura.
