DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 28 de outubro de 2025 Páx. 55813

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 22 de outubro de 2025 pola que se publica o incremento do crédito previsto na Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedimiento CT501B).

O 28 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 18, a Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B).

No artigo 4 da orde mencionada prevese un crédito de un millón novecentos corenta mil euros (1.940.000 €) para o financiamento destas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Na disposición adicional primeira das citadas bases reguladoras prevese a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria, quedando este incremento condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Dado que o importe inicial establecido na Orde do 3 de xaneiro de 2025 non é suficiente para pagar todas as solicitudes e actualmente na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que se poderán conceder ao abeiro da referida orde, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posibles.

Segundo se establece no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT501B), por un importe de 250.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.780.0. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a dous millóns cento noventa mil euros (2.190.000 €).

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude