DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 28 de outubro de 2025 Páx. 55810

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 17 de outubro de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social para o curso 2025/26, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).

BDNS (Identif.): 863990.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/863990

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social titulares dunha ou máis escolas infantís 0-3 en funcionamento, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a entidade titular da escola infantil 0-3 que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas fose beneficiaria das axudas convocadas a través da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13 de xaneiro de 2021.

b) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

c) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas dispón do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola consellería competente na materia.

d) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, de conformidade coa normativa de aplicación, e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas está a aplicar, pola utilización do dito servizo, un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, daquela órgano competente na materia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas ás entidades privadas de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 anos, coa finalidade de bonificar e compensar os gastos derivados da prestación do servizo de comedor aos nenos e nenas como persoas usuarias da escola infantil e do dito servizo durante o curso escolar 2025/26, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).

2. Para os efectos desta orde, enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro ben por persoal alleo a el e contratado para tal fin (servizo de catering), e que inclúe os alimentos.

Só poderán facer uso do servizo de comedor os nenos e nenas como persoas usuarias do servizo de atención educativa da escola infantil 0-3.

3. Non será subvencionable o uso do servizo de comedor por días soltos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de outubro de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social para o curso 2025/26, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).

Cuarto. Tipo de axuda e contía

A axuda consistirá nunha compensación para sufragar os gastos do uso do servizo de comedor por cada neno ou nena como persoas usuarias da escola infantil, que será equivalente ao importe que deixasen de aboar as familias nas escolas infantís do sector público autonómico, de conformidade coa normativa reguladora do seu réxime de prezos, máis a contía de 15,95 € /mes por cada neno ou nena usuarios.

Subvencionarase un máximo de 11 meses, entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de xullo de 2026.

Quinto. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 1.237.103,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.02.312B.481.3, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Ano 2025

Ano 2026

Total

08.02.312B.481.3

449.856,00 €

787.247,00 €

1.237.103,00 €

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 8.00 horas do sexto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 23.59 horas do día en que se cumpra un mes desde a data en que se abra o prazo de presentación de solicitudes. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade