DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 28 de outubro de 2025 Páx. 55825

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2025, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática, convocado pola Resolución do 25 de xaneiro de 2024, polo que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 11 de abril de 2025 (DOG núm. 74, do 16 de abril) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Unha vez revisadas as alegacións presentadas e de conformidade co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, determínase o seguinte:

– Anular as preguntas números 6 e 9. En consecuencia, valóranse as preguntas de reserva números 41 e 42.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio cualificarase de cero (0) a trinta (30) puntos e para superalo será preciso obter un mínimo de quince (15) puntos, tendo en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Así pois e de conformidade co disposto na citada base e nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio, aprobados polo tribunal na sesión do día 30 de xullo de 2025, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarán o segundo exercicio pola quenda de promoción interna as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Non obstante, de se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Este exercicio cualificarase de cero (0) a trinta (30) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Asignarase a valoración de quince (15) puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os quince (15) e os trinta (30) puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non acaden quince (15) puntos non superarán o segundo exercicio e serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 8 de outubro de 2025, de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de quince (15) puntos un total de trece (13) aspirantes pola quenda de promoción interna e fixouse en dezaseis (16) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.2 da convocatoria. Acordouse publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao segundo exercicio.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base III.13 da orde da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

Antonio Lamas Fernández
Presidente do tribunal