DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 28 de outubro de 2025 Páx. 56020

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 8 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao trámite de información pública o proxecto de orde pola que se declara como espazo privado de interese natural o lugar denominado Macizo Rochoso do Galiñeiro (concello de Gondomar) e se aproban as súas normas de xestión e de conservación.

O artigo 30 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, define os espazos privados de interese natural como aqueles terreos de titularidade privada en que existen formacións naturais, especies ou hábitats de flora ou fauna silvestres cuxa protección se considere de interese. Estes espazos declararanse mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, tal como sinala o seu artigo 34.

Segundo indica o artigo 63 desta mesma lei, as normas de xestión e de conservación constitúen o instrumento de planificación dos espazos naturais de interese local e dos espazos privados de interese natural, e establecerán o réxime de usos e actividades permisibles e as limitacións que se consideren necesarias para a conservación destes espazos.

O artigo 65 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, establece que a tramitación e aprobación das normas de xestión e de conservación corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, e realizaranse simultaneamente coa declaración do espazo natural protexido correspondente, con arranxo ao disposto nos artigos 40 e 41. Finalmente, o artigo 49.4 recolle que será na propia norma de declaración do espazo natural protexido onde se aprobarán as súas normas de xestión e de conservación.

O artigo 133.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, indica que, sen prexuízo da consulta previa, cando a norma afecte dereitos e intereses lexítimos das persoas, o centro directivo competente publicará o texto no portal web correspondente, co obxecto de dar audiencia ás persoas afectadas e conseguir cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades.

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica, no seu artigo 9.1.c), que se publicará a relación dos procedementos de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral que estean en tramitación a partir da aprobación do proxecto de decreto, indicando o seu obxecto e estado de tramitación. Así mesmo, informarase da posibilidade que, se é o caso, teñan as persoas de participar nos trámites de audiencia e información pública.

Visto o anterior e en virtude do establecido no artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de información pública do proxecto de orde pola que se declara como espazo privado de interese natural o lugar denominado Macizo Rochoso do Galiñeiro (concello de Gondomar) e se aproban as súas normas de xestión e de conservación durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o proxecto de orde na seguinteligazón do Portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. A través do formulario disposto para este fin na ligazón do Portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

2. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «EPIN Macizo Rochoso do Galiñeiro».

3. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural