Mediante a Orde do 22 de xullo de 2024 establecéronse os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, destinado a concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes, publicada no Diario Oficial de Galicia número 142, do 23 de xullo, co código de procedemento PR486E.
O 25 de novembro de 2024, a directora xeral de Administración Local, por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, con base na disposición derradeira primeira da orde reguladora, resolveu o procedemento iniciado en virtude desta e asignou as achegas do fondo aos concellos beneficiarios polos importes sinalados na mesma resolución.
Pola súa banda, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos realizou os pagamentos anticipados das achegas polo importe correspondente á asignación destinada a cada concello, en cumprimento da previsión contida no artigo 12 da citada orde reguladora.
No artigo 14.3 da mesma orde fíxase o 15 de novembro de 2025 como data límite para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e para a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos. Co fin de posibilitar a execución dos proxectos e o procedemento de xestión administrativa e orzamentaria que resulte de aplicación, preténdese ampliar ata o 1 de decembro o referido prazo de execución e xustificación dos proxectos financiados polo fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, previsto na letra i) do artigo 59.catro da citada Lei 9/2023, do 28 de decembro.
Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición das persoas interesadas unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiros.
Con base en todo o anteriormente exposto, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 22 de xullo de 2024 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase o artigo 14.3 da Orde do 22 de xullo de 2024, que queda redactado nos seguintes termos:
«3. O prazo para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e da presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 1 de decembro de 2025».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
