Mediante a Orde do 5 de marzo de 2025 establecéronse os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, previsto na alínea h) do artigo 60.catro da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, destinado a concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes, publicada no Diario Oficial de Galicia número 49, do 12 de marzo, co código de procedemento PR486B.
O 14 de xullo de 2025, a directora xeral de Administración Local, por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, con base na disposición derradeira primeira da Orde do 5 de marzo de 2025, resolveu o procedemento iniciado en virtude desta orde e asignou as achegas do fondo aos concellos beneficiarios polos importes sinalados na mesma resolución.
Pola súa banda, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos procedeu a realizar os pagamentos anticipados das achegas polo importe correspondente ao 80 % da asignación destinada a cada concello, en cumprimento da previsión contida no artigo 12 da citada orde reguladora.
No artigo 14.2 da mesma orde fíxase o 15 de novembro de 2025 como data límite para a realización dos investimentos e para a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos. Co fin de posibilitar a execución dos proxectos e o procedemento de xestión administrativa e orzamentaria que resulte de aplicación, preténdese ampliar ata o 24 de novembro o referido prazo de execución e xustificación dos proxectos financiados polo fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto na alínea h) do artigo 60.catro da citada Lei 4/2024, do 27 de decembro.
Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiro.
Con base en todo o anteriormente exposto, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; coa Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025; co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 5 de marzo de 2025 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, previsto na alínea h) do artigo 60.catro da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, destinado a concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase o artigo 14.2 da Orde do 5 de marzo de 2025, que queda redactado nos seguintes termos:
«2. A data límite para a realización dos investimentos e a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 24 de novembro de 2025».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
