Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación María Reimóndez, con domicilio na rúa Illas Canarias, número 7, en Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 27 de maio de 2025, María Reimóndez Meilán, presidenta do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación María Reimóndez constituíuna María Reimóndez Meilán, mediante escritura pública outorgada o 14 de maio de 2025, ante o notario de Vigo (Pontevedra) José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 1.341.
Tras o requirimento do 27 de xuño de 2025, a Fundación achegou a escritura pública outorgada o 16 de xullo de 2025, na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 1.903 do seu protocolo, que emenda a de constitución no que respecta á modificación dos artigos 15, 26 e 39 dos seus estatutos e á taxación por un experto independente dos bens que forman parte da súa dotación.
3. A Fundación, consonte os artigos 6 e 7 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a promoción cultural, entendida nesta como prioritaria a promoción da lingua galega e a defensa dos dereitos humanos desde unha óptica feminista, inclusiva e ambiental, para o que poderá realizar as seguintes actividades:
– Difundir, promover e visibilizar a obra de María Reimóndez.
– Organizar presentacións, estudos, acción artísticas, bolsas de investigación, actividades de promoción e outras análogas.
– Preservar o arquivo da autora mediante a habilitación de espazos, catalogación, dixitalización ou outras vías que se consideren procedentes.
– Incidir en todos os temas relacionados co activismo dos que a autora é participe, en particular a promoción do pensamento e acción feministas interseccionais.
– A promoción da lingua galega de xeito transversal a todas a súas actividades.
– Xestionar os dereitos derivados da obra da autora tras o seu falecemento para que sigan redundando na consecución dos fins da Fundación».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Reimóndez Meilán, como presidenta; María Montserrat Paz Núñez, como vicepresidenta; e Xosé María Gómez Clemente, como secretario.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como mixta da Fundación María Reimóndez, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 30 de setembro de 2025,
DISPOÑO:
Clasificar como mixta a Fundación María Reimóndez, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
