O recoñecemento da igualdade formal ante a lei non resultou suficiente para acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, e persisten na sociedade actual diferentes situacións de discriminación directa ou indirecta en diversos ámbitos da vida, entre os cales se inclúe o ámbito laboral. Coa finalidade de avanzar na súa consecución, a Comunidade Autónoma de Galicia ditou a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia, que ten por obxecto afondar nas medidas deseñadas nas normas precedentes e introducir outras novas, acordes cos avances que se produciron nos últimos anos, para dotar a Comunidade Autónoma dunha regulación máis completa e adaptada á sociedade actual, sobre todo no relativo á posición que as mulleres e os homes ocupan nela, e que permita definir un novo marco legal que sirva de instrumento integral para dar novas respostas no camiño cara á igualdade efectiva, reforzando, deste xeito, o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia de eliminar a discriminación entre mulleres e homes e de promover a igualdade de xénero.
A lei dedica o seu título III á igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais. Dentro do capítulo II deste título, relativo á sustentabilidade social empresarial e benestar laboral, en concreto na sección 5ª, regúlase a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, que se configura como un distintivo outorgado pola Administración autonómica para recoñecer aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes. Ademais, prevese que as empresas e as entidades do terceiro sector as cales se lles conceda a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade serán inscritas nun rexistro de natureza administrativa, único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, creado para este fin e adscrito á consellería con competencias en materia de emprego. E o artigo 111.3 da lei dispón que regulamentariamente se determinarán o contido e o funcionamento do dito rexistro, o procedemento e o desenvolvemento dos requisitos para a concesión, utilización, a renovación e a perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, os dereitos e as facultades derivados da súa obtención e o logotipo con que se represente.
Este decreto ten por obxecto desenvolver a regulación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, así como crear e regular o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas co citado distintivo, dando cumprimento ao disposto no artigo 111.3 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, e ten a súa base no establecido no artigo 4.dous do Estatuto de autonomía de Galicia, que indica que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos/as os/as galegos/as na vida política, económica, cultural e social; no artigo 30.un.un, que lle atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de fomento e planificación da actividade económica en Galicia, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, e no artigo 29.1º, que lle outorga a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral.
O decreto estrutúrase en seis (6) capítulos, con dezasete (17) artigos, dúas (2) disposicións adicionais, unha (1) disposición transitoria única, unha (1) disposición derrogatoria única e dúas (2) disposicións derradeiras.
O capítulo I regula as disposicións xerais referentes ao obxecto da norma, ao distintivo, ao logotipo da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, á súa vixencia e á súa renovación.
No capítulo II establécense os requisitos e criterios de igualdade para a obtención e renovación da certificación polas empresas e entidades do terceiro sector. Establece como requisitos, entre outros, que as solicitantes conten cun mínimo de seis (6) persoas traballadoras en Galicia, cun plan de igualdade negociado e inscrito no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo, ter implantadas, como mínimo, o 25 por cento das medidas programadas no plan, así como acreditar unha presenza mínima do 40 por cento de mulleres no Consello de Administración. Por outra banda, para poder optar ao distintivo requírese a concorrencia dunha serie de condicións, tales como a exixencia dunha formación mínima de oito horas en igualdade laboral para as persoas que representan a empresa ou entidade na Comisión Negociadora e na Comisión de Seguimento do Plan de igualdade, ou a necesidade de implantar medidas que garantan a aplicación de criterios igualitarios de retribución e unha adecuada valoración de postos de traballo. Neste capítulo tamén se recollen os criterios de igualdade que se terán en conta para a concesión da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
No capítulo III regúlase o procedemento para a obtención ou renovación da certificación e recóllese expresamente o carácter obrigatorio da realización de todos os trámites por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
No capítulo IV recóllense os dereitos, facultades e obrigas derivados da concesión da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, ademais de consolidar a vocación e cultura en igualdade das empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas co distintivo, e destacan as vantaxes que pode comportar no ámbito das axudas públicas e dos contratos do sector público.
No capítulo V establécense as causas de perda do distintivo, a fin da vixencia, a renuncia e a revogación, así como os seus efectos; e, por último, refírense as facultades de control para a comprobación da correcta aplicación das medidas de igualdade.
No capítulo VI créase e regúlase o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, como rexistro público de carácter administrativo e único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia. As inscricións efectuaranse de oficio.
Na disposición adicional primeira recóllese a posibilidade de actualizar o modelo normalizado do anexo II na sede electrónica da Xunta de Galicia. Na segunda, posponse a apertura do prazo de presentación de solicitudes á entrada en vigor da orde que determine a puntuación mínima e o método de ponderación e valoración dos criterios de igualdade prevista na mesma disposición e no artigo 5. Na disposición transitoria única establécese o réxime aplicable para facilitar a adaptación dos consellos de administración ao requisito de composición equilibrada por razón de sexo, exixido no artigo 4. Na disposición derrogatoria única derrógase parcialmente o Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción de igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego. Conclúe con dúas disposicións derradeiras, relativas ao desenvolvemento normativo e á entrada en vigor.
Este decreto cumpre cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O decreto responde á necesidade de desenvolvemento regulamentario do establecido nos artigos 111 a 114 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, resulta eficaz e proporcional en canto que se xustifica nunha razón de interese social, identifica os obxectivos perseguidos e recolle os aspectos indispensables para que as empresas e entidades do terceiro sector que destaquen nas súas políticas de igualdade poidan ser recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e, pola súa vez, sirvan de elemento dinamizador do avance en igualdade neste eido. En canto ao principio de seguridade xurídica, o decreto establece unha regulación precisa e concreta dos aspectos substantivos e procedementais, e xera un marco normativo estable, integrado, claro e de certeza, de fácil coñecemento e comprensible. Tamén é coherente co principio de eficiencia, en canto que a súa aplicación non supón un incremento do gasto público nin outras cargas administrativas adicionais.
Na elaboración desta disposición seguíronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así, en cumprimento do principio de transparencia, a iniciativa normativa publicouse no Portal de transparencia e goberno aberto e someteuse ao trámite de audiencia de entidades representativas dos grupos ou sectores afectados. Ademais, someteuse ao ditame do Consello Galego de Relacións Laborais, ao informe de sustentabilidade financeira, ao de impacto de xénero, ao de impacto demográfico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao do Instituto Galego de Estatística, ao informe conxunto da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e ao informe da Asesoría Xurídica Xeral.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis de outubro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto:
a) A regulación da concesión, utilización, renovación e perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, dos dereitos, facultades e obrigas derivados da súa obtención e do logotipo con que se representará.
b) A creación e regulación do Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
Artigo 2. A Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
1. De conformidade co disposto no artigo 111.1 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade é un distintivo outorgado pola Administración autonómica para recoñecer aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes.
2. A dita certificación representarase co logotipo recollido no anexo I que se encontra rexistrado como marca de propiedade da Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 17/2001, do 7 de decembro, de marcas, e sometido á normativa aplicable na materia.
Artigo 3. Vixencia e renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
1. A Certificación Galega de Excelencia en Igualdade terá unha vixencia inicial de catro anos, contados a partir da data en que se dite a resolución de concesión, ou a partir da data de vencemento do prazo de seis (6) meses para resolver e notificar recollido no artigo 10.4.
2. A Certificación Galega de Excelencia en Igualdade poderá renovarse sucesivamente por períodos de catro anos, por solicitude da empresa ou entidade do terceiro sector, que se deberá presentar nos trinta días naturais anteriores ao da data de expiración da súa vixencia. A presentación en tempo e forma da solicitude de renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade determinará o mantemento da vixencia do distintivo con carácter provisional ata a resolución do procedemento.
3. Se, durante a vixencia da certificación ou da súa renovación, deixa de estar en vigor o plan de igualdade en que se baseou a súa concesión, a certificación poderá manter a súa vixencia sempre que a empresa ou entidade cumpra as seguintes condicións:
a) Que acredite o inicio da negociación do novo plan de igualdade, mediante acta de constitución da Comisión Negociadora.
b) Que acredite ter executadas, polo menos, o 75 por cento das medidas do plan de igualdade que deixa de estar en vigor, mediante os informes de seguimento e o informe de avaliación final do plan de igualdade.
c) A empresa deberá acreditar que conta cun novo plan de igualdade negociado, aprobado e rexistrado no prazo máximo de seis (6) meses desde a fin da vixencia do plan de igualdade que deixa de estar en vigor.
Neste caso, a empresa ou entidade deberá comunicarlle ao órgano superior ou de dirección da Administración autonómica con competencia en materia de relacións laborais, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, o cumprimento das condicións das alíneas a) e b) antes da finalización da vixencia do plan tido en conta para a concesión; para iso, deberá achegar coa referida comunicación a documentación acreditativa do inicio da negociación do novo plan e da execución de, como mínimo, o 75 por cento das medidas do plan cuxa vixencia vaia finalizar.
Para acreditar o cumprimento da condición recollida na alínea c), deberán achegarlle ao órgano superior ou de dirección da Administración autonómica con competencia en materia de relacións laborais, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a resolución de inscrición do novo plan de igualdade no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo dependente da autoridade laboral.
CAPÍTULO II
Requisitos e criterios de igualdade para a obtención e renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
Artigo 4. Suxeitos lexitimados e requisitos para solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
1. De acordo co artigo 112 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, poderán solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, para distinguiren con ela os seus produtos ou os seus servizos, as empresas, sexan de capital público ou privado, e as entidades do terceiro sector que teñan o seu domicilio social en Galicia ou que conten con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación aberta no territorio da Comunidade Autónoma, sempre e cando, ademais diso, teñan persoal contratado nela.
As empresas e as entidades a que se refire o parágrafo anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non ter sido sancionadas con carácter firme nos dous anos anteriores á solicitude no caso das infraccións graves, ou nos tres anos anteriores a esta no caso de infraccións moi graves, por infracción grave ou moi grave en materia de igualdade de oportunidades e non discriminación, ou por infracción moi grave en materia social, de acordo co disposto no texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, ou na norma que o substitúa.
b) Contar cun plan de igualdade negociado e inscrito no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo, dependente da autoridade laboral, estatal ou autonómica, de acordo co establecido na lexislación laboral vixente. Este requisito exixiráselles tamén ás empresas e entidades do terceiro sector para as cales a elaboración e implantación de plans de igualdade é voluntaria, de acordo co disposto no artigo 45.5 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
c) Ter implantadas, como mínimo, o 25 por cento das medidas recollidas no plan de igualdade. En todo caso, terán que ter implantadas a totalidade das medidas programadas para o período comprendido entre a data de aprobación do plan de igualdade e a data da aprobación do informe de avaliación e seguimento pola correspondente comisión ou órgano paritario a que se refire a alínea d), aínda que supere a porcentaxe do 25 por cento.
d) Presentar un informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade, que se deberá elaborar, cando menos, despois de transcorrer un ano desde a súa aprobación. O informe, elaborado pola empresa ou a entidade solicitante, deberá ser aprobado no mes anterior á data de presentación da solicitude pola Comisión ou órgano paritario de seguimento e avaliación do plan de igualdade a que se refire o artigo 9 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, e deberá recoller cales son as medidas programadas no plan igualdade para o período comprendido entre a data de aprobación do plan e a data de aprobación do informe, identificando as medidas realizadas. Xunto co informe, a empresa ou entidade deberá achegar o compromiso de realización nos prazos previstos da parte do plan que non estea executada.
e) Acreditar, se é o caso, a composición equilibrada de mulleres e homes no Consello de Administración, en que a presenza de persoas de cada sexo non supere o 60 por cento nin sexa menor do 40 por cento.
Malia o anterior, cando se trate de consellos de administración formados polo número mínimo de tres membros, entenderase acreditada a composición equilibrada deste cando estea integrado por unha persoa dun sexo e dúas do outro.
Como medida de acción positiva para a participación cidadá feminina en espazos de toma de decisións, as empresas ou entidades con consello de administración dedicadas á promoción da igualdade entre mulleres e homes, quedarán exentas de cumprir o requisito de composición equilibrada no Consello de Administración tal como está establecido con carácter xeral nesta alínea e), e neste caso será exixible que acrediten a presenza de mulleres no seu consello de administración nunha porcentaxe mínima do 40 por cento.
f) Ter contratado na Comunidade Autónoma de Galicia, como mínimo, seis (6) persoas traballadoras de media nos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
g) Estar inscrita como empresa ou entidade do terceiro sector na Seguridade Social de conformidade coa normativa aplicable.
h) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, así como non ter pendente ningunha débeda coa Administración xeral da Comunidade Autónoma.
i) Ter subscrito, con anterioridade á presentación da solicitude do distintivo, un compromiso explícito en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, organización e funcionamento interno da entidade e responsabilidade social.
Este compromiso deberá constar por escrito e terse feito público a través da web ou dos medios de comunicación habitualmente utilizados pola entidade.
j) Cumprir as seguintes condicións de igualdade:
1º. Que a política de imaxe da empresa ou da entidade, o uso da linguaxe e a publicidade non sexistas contribúan á eliminación e prevención das situacións de discriminación.
2º. Que na comunicación interna e externa se atenda ao principio de igualdade.
3º. Que as persoas que representan a empresa ou entidade, na Comisión Negociadora e na comisión ou órgano paritario de seguimento do plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude recibisen unha formación mínima de oito horas en igualdade laboral.
4º. Que acrediten ter implantadas medidas que garantan a aplicación de criterios igualitarios de retribución de mulleres e homes, así como a adecuada valoración de postos de traballo para acadar a igualdade na retribución por traballos de igual valor, seguindo a normativa en materia de igualdade, ou ben que se comprometen a acreditar tal implantación no período de vixencia do distintivo.
No caso de solicitude de renovación da Certificación, deberán acreditar ter implantadas as medidas referidas no parágrafo anterior.
5º. Que a prevención de riscos laborais se execute tendo en conta a perspectiva de xénero, de conformidade co artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
2. O contido da memoria xustificativa e a documentación que se deberá achegar para acreditar o cumprimento das condicións establecidas na alínea j) do punto anterior serán determinados mediante orde.
3. As empresas e entidades que obteñan a certificación poderán solicitar a súa renovación sempre que cumpran os requisitos do número 1 deste artigo e presenten a solicitude de renovación no prazo previsto no artigo 3.2. Ademais do informe de seguimento e avaliación previsto na alínea d) do punto anterior, referido ao tempo transcorrido entre a data de aprobación do plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude e a data de aprobación do informe pola comisión ou órgano paritario, as empresas e entidades solicitantes deberán presentar os informes de seguimento e avaliación final dos plans de igualdade aplicados durante o período inicial de vixencia da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade ou, de ser o caso, da última renovación, nos cales se recollan as medidas implantadas, a avaliación dos seus resultados e reflictan a situación de igualdade na empresa ou entidade do terceiro sector, de conformidade co establecido no artigo 9.6 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro.
Artigo 5. Criterios de igualdade
1. Ademais dos requisitos establecidos no artigo 4, para poder obter ou, de ser o caso, renovar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade será necesario acadar na valoración dos criterios de igualdade relacionados neste artigo a puntuación mínima establecida para o efecto.
A puntuación mínima que deberán acadar as empresas e entidades e o método de valoración e ponderación destes criterios de igualdade serán determinados mediante orde.
2. Os criterios de igualdade obxecto de valoración serán os seguintes:
a) O establecemento de procesos de selección e contratación baixo a perspectiva de xénero, adecuados ao principio de igualdade e non discriminación.
Para iso constatarase que se tivo en conta a perspectiva de xénero nos procesos de selección e contratación desenvolvidos entre a data de aprobación do plan de igualdade e a aprobación do informe de seguimento e avaliación ao que se refire a alínea d) do punto primeiro do artigo 4.
b) A aplicación de sistemas e criterios de clasificación profesional que permitan eliminar e previr as situacións de discriminación directa ou indirecta. Na aplicación dos ditos sistemas e criterios deberán cumprirse os parámetros de publicidade, obxectividade e transparencia.
c) O establecemento dun plan de carreira na empresa ou na entidade do terceiro sector que permita que as mulleres poidan acceder a postos masculinizados e viceversa.
d) Ter contratada unha persoa experta para desenvolver actuacións en materia de igualdade. A persoa contratada deberá contar cun mínimo de 150 horas de formación en igualdade e dous anos de experiencia.
e) A disposición, debidamente acreditada, de certificacións de responsabilidade social empresarial (RSE), que poderán ser as que se relacionan ou outras equivalentes: (Empresa Familiarmente Responsable-EFR (conciliación), ISO 19600, SAA 8000, ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), Certificación Empresa saudable ou Selo Horarios Racionais (SHR), etc., ou ben a acreditación de participar no programa Responsabilízate da Xunta de Galicia.
f) A adopción de medidas e/ou servizos concretos que amplíen o marco legal e convencional en materia de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral distintas das medidas que son obxecto dunha valoración específica na alínea g).
g) O establecemento de medidas de organización do tempo de traballo (xornada e horarios, quendas, vacacións, entre outras) que melloren o establecido na normativa legal e convencional aplicable e contribúan á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
h) Os criterios de responsabilidade social en materia de igualdade de oportunidades na contratación a empresas provedoras e/ou colaboradoras.
i) As accións formativas en materia de igualdade de oportunidades dirixidas ás persoas traballadoras distintas das previstas na alínea n).
j) A colaboración con entidades educativas ou que desenvolvan actuacións de formación para o emprego, co fin de avanzar no obxectivo de acadar unha representación equilibrada de mulleres e homes nas distintas categorías da empresa ou da entidade do terceiro sector. Para estes efectos, enténdese por unha adecuada representación ou composición equilibrada cando a presenza de cada sexo non supere o 60 % nin sexa menor do 40 %.
k) A realización de actuacións de visibilización, sensibilización ou captación de persoas traballadoras para acadar unha representación equilibrada, sempre que queden debidamente acreditadas. Para estes efectos, enténdese por unha adecuada representación ou composición equilibrada cando a presenza de cada sexo non supere o 60 % nin sexa menor do 40 %.
l) A inclusión no plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude de obtención ou renovación da certificación de medidas específicas e innovadoras en materias non incluídas como contido mínimo do diagnóstico no artigo 7 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, pero que si fosen analizadas no diagnóstico, como a protección da saúde, a violencia de xénero, beneficios sociais, ou calquera outra que teña incidencia na igualdade efectiva entre mulleres e homes na empresa ou na entidade.
m) A existencia dunha adecuada representación de mulleres e homes na totalidade dos grupos e categorías profesionais, incluído o persoal de alta dirección. Para estes efectos, enténdese por unha adecuada representación ou composición equilibrada cando a presenza de cada sexo non supere o 60 % nin sexa menor do 40 %.
Como criterio alternativo ao previsto no parágrafo anterior, que para acadar ese equilibrio se establezan no plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude medidas de acción positiva, diferentes das recollidas nas outras alíneas deste precepto, co obxecto de favorecer o acceso ao emprego e á promoción nos niveis en que as mulleres ou os homes están subrepresentadas/os, sempre que no informe de seguimento e avaliación que se exixe no artigo 4.1.d) se constate que as ditas medidas foron eficaces para avanzar nese equilibrio nos grupos ou categorías profesionais da empresa ou da entidade do terceiro sector.
n) A posta en marcha dunha oferta formativa para facilitar e promover o acceso a persoas do sexo menos representado a aqueles postos en que estean infrarrepresentadas.
ñ) As accións de sensibilización e formación a todo o persoal da empresa ou da entidade e ás persoas que as representen, en materia de violencia no traballo, acoso sexual e por razón de sexo.
o) O establecemento de medidas de sensibilización e divulgación que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto dos homes como das mulleres e que conciencien os homes sobre a corresponsabilidade, evitando que a maternidade e os coidados constitúan unha desvantaxe profesional para as mulleres.
CAPÍTULO III
Procedemento para a obtención e renovación da Certificación Galega
de Excelencia en Igualdade
Artigo 6. Presentación das solicitudes
1. O procedemento para obter e renovar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade (con código TR357E) iniciarase por instancia de parte, mediante solicitude que poderán presentar as empresas e entidades do terceiro sector que cumpran os requisitos establecido no artigo 4.
2. As solicitudes de obtención e renovación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 7. Documentación complementaria
1. Á solicitude deberase xuntar a seguinte documentación:
a) Copia da escritura de constitución da empresa ou entidade solicitante, se se trata dunha persoa xurídica; acreditación do domicilio social e documentación acreditativa da representación, no caso de actuación por medio de representante.
b) Documentación acreditativa de que a empresa ou entidade do terceiro sector consta inscrita na Seguridade Social de conformidade coa normativa aplicable.
c) Informe de vida laboral de todos os códigos de conta de cotización da empresa ou entidade en Galicia, correspondentes aos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
d) Indicación do código de identificación da inscrición do plan de igualdade vixente no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo (Rexcon), xunto coa seguinte documentación:
1º. Textos íntegros do diagnóstico de situación e do plan de igualdade negociado, así como a documentación que complementa un e outro, entre a cal debe estar a auditoría retributiva e a valoración de postos de traballo cos contidos establecidos no Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.
2º. O rexistro retributivo, de conformidade co Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.
3º. Protocolo de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo, con indicación, de ser o caso, do código de identificación do seu depósito no Rexcon.
Cando estes documentos consten no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, non será necesaria a súa achega.
e) Informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude, segundo o previsto no artigo 4.1.d), e ademais, no caso de solicitude de renovación, os informes de seguimento e avaliación final dos plans de igualdade que se aplicasen durante o período inicial de vixencia da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade ou, de ser o caso, da última renovación, de conformidade co establecido no artigo 9.6 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro.
f) Documentación acreditativa da implantación das medidas recollidas no plan de igualdade vixente que foron executadas.
g) Respecto á parte do plan en vigor que non estea executada, o compromiso da súa realización nos prazos previstos.
h) Compromiso explícito en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, organización e funcionamento interno da entidade e responsabilidade social, e a documentación acreditativa de terse feito público a través da web ou dos medios de comunicación habitualmente utilizados pola entidade.
i) De ser o caso, a documentación acreditativa da composición equilibrada no Consello de Administración (artigo 4.1.e).
j) Unha memoria xustificativa e a documentación oportuna para acreditar o cumprimento das condicións exixidas no artigo 4.1.j), segundo o que estableza a orde prevista na disposición derradeira primeira.
k) Calquera documentación que a empresa ou entidade considere pertinente, relacionada cos criterios de igualdade obxecto de valoración.
2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada ou a lei especial aplicable requira o seu consentimento expreso.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal, de acordo co establecido no artigo 28.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias á AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Instrución e resolución dos procedementos de concesión e de renovación do distintivo
1. A instrución do procedemento, tanto de concesión como de renovación do distintivo, corresponderalle á unidade administrativa de igualdade da consellería con competencias en materia de emprego que, ademais doutros trámites e actuacións que xulgue convenientes, solicitará, en todo caso, o informe do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade sobre o cumprimento das condicións exixibles para obter a certificación, así como o informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social sobre o grao de implantación do plan de igualdade.
2. Instruído o procedemento, elaborarase a proposta de resolución que será elevada ao órgano competente para resolver. A resolución deberá ser motivada, notificaráselle á entidade interesada e publicarase no Diario Oficial de Galicia.
3. A competencia para resolver o procedemento de concesión da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o procedemento de renovación do distintivo correspóndelle á persoa titular da consellería con competencias en materia de emprego.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, contados desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro electrónico da Administración ou organismo competente para a súa tramitación, conforme o artigo 21.3.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este, sen se ter notificado a resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo.
Artigo 11. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor das notificacións sen que se acceda ao seu contido, de acordo co disposto no artigo 43.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
CAPÍTULO IV
Dereitos, facultades e obrigas derivados da Certificación Galega
de Excelencia en Igualdade
Artigo 12. Dereitos e facultades
1. A Certificación Galega de Excelencia en Igualdade comporta os seguintes dereitos e facultades durante a súa vixencia:
a) A utilización do logotipo recollido no anexo I da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade no tráfico comercial da entidade, incluída a súa utilización con fins publicitarios.
b) A publicidade e difusión institucional, por parte da consellería competente en materia de emprego, das empresas e entidades do terceiro sector que obteñan a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
c) A valoración da obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade como criterio obxectivo para adxudicar as subvencións cando así o establezan as correspondentes bases reguladoras, de acordo co disposto no artigo 85.2 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
d) A valoración da obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade no ámbito da contratación pública como criterio de desempate entre dúas ou máis ofertas cando así o establezan os pregos, de acordo co disposto no artigo 84.2.b) da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
2. A concesión desta certificación será compatible co outorgamento doutros distintivos ou premios concedidos por outras administracións públicas, españolas ou estranxeiras, ou entes públicos adscritos ou dependentes das ditas administracións, salvo previsión en contrario nas disposicións ou actos referidos a esoutros distintivos ou premios.
Artigo 13. Obrigas
1. As empresas e entidades do terceiro sector que obteñan a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade deberán promover activamente a igualdade efectiva de mulleres e homes, especialmente no cumprimento e mellora das medidas que integran o Plan de igualdade, e deberán participar na difusión de políticas de igualdade nos ámbitos emprendedores e empresariais e de responsabilidade social.
2. O uso da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade estará suxeito ao cumprimento das seguintes obrigas:
a) O distintivo deberá reproducir con exactitude o logotipo establecido no anexo I.
b) O distintivo deberá ir asociado, en todo caso, ao nome da empresa ou da entidade distinguida, con indicación do código de inscrición no Rexistro regulado neste decreto e do ano de concesión inicial ou da súa renovación.
c) O uso do distintivo deberá axustarse aos límites temporais da vixencia inicial, renovación ou renovacións da súa concesión.
CAPÍTULO V
Perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e facultades
de control 
Artigo 14. Perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
1. Son causas de perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade as seguintes:
a) O transcurso do prazo de vixencia sen que se solicitase a renovación do distintivo ou no suposto en que a solicitude de renovación sexa denegada.
b) A renuncia por parte da empresa ou da entidade do terceiro sector.
c) Os supostos de revogación enumerados a continuación:
1º. De acordo co establecido no artigo 114.1 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, cando a empresa ou entidade do terceiro sector for sancionada con carácter firme en vía administrativa, por infracción grave ou moi grave en materia de igualdade e non discriminación, ou por infracción moi grave en materia social, de acordo co disposto no texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, ou na norma que o substitúa.
Mentres que a resolución a que se refire o parágrafo anterior non sexa firme en vía administrativa, será suspendido o procedemento de concesión ou de renovación da certificación e, de ser o caso, poderá ser acordada a suspensión dos dereitos e das facultades inherentes á Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
2º. O uso indebido da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade incumprindo as obrigas reflectidas no artigo 13.2.
3º. A alteración ou o incumprimento das condicións de igualdade establecidas na alínea j) do artigo 4.1, sempre que a dita alteración supoña o empeoramento substancial dos criterios de igualdade previstos no artigo 5 segundo o que estableza a orde prevista na disposición derradeira primeira.
4º. Cando a Administración aprecie, de xeito debidamente motivado, que na empresa ou na entidade do terceiro sector se producen outras condicións ou circunstancias, distintas das sinaladas nos restantes números deste punto, que sexan incompatibles cos criterios de igualdade, ou contrarias á consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
5º. A perda dalgún dos requisitos necesarios para solicitar a concesión ou renovación do distintivo recollidos no artigo 4 non prevista nos puntos anteriores, e sen prexuízo do indicado a continuación para os supostos de perda de vixencia do Plan de igualdade.
6º. No caso de expirar a vixencia do plan de igualdade en que se baseou a concesión da certificación, non ter acreditado o inicio da negociación dun novo plan de igualdade e/ou non demostrar ter executadas, polo menos, o 75 por cento das medidas do plan que deixa de estar en vigor, nos termos previstos no artigo 3.
7º. Cando a empresa ou entidade do terceiro sector non negociase, aprobase e inscribise un novo plan de igualdade consonte o establecido no artigo 3.3.c).
O procedemento de revogación iniciarase de oficio ou por solicitude de parte, será trámite preceptivo a audiencia da empresa ou entidade do terceiro sector afectada e a resolución deberá ser motivada. A competencia para resolver corresponderalle á persoa titular da consellería competente en materia de emprego.
2. A perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade comporta a perda dos dereitos e facultades derivados da súa obtención.
3. A revogación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade é causa de prohibición de presentar unha nova solicitude para a obtención deste distintivo durante catro anos e, no caso, dunha segunda revogación, durante dez anos, desde que a resolución revogatoria adquira firmeza en vía administrativa.
Artigo 15. Facultades administrativas de control
A consellería competente en materia de emprego, a través do órgano superior ou de dirección con competencia en materia de relacións laborais, en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, exercerá as facultades de control e inspección sobre as empresas e entidades do terceiro sector que teñan a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, para a comprobación do cumprimento, dos requisitos e dos criterios de igualdade, así como das obrigas derivadas da obtención do distintivo.
CAPÍTULO VI
Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
Artigo 16. Creación do Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
1. Créase o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, adscrito á consellería competente en materia de emprego. A súa xestión e mantemento corresponderalle á unidade administrativa de igualdade da dita consellería, prevista no artigo 175 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
2. O Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade é un rexistro público de carácter administrativo, único para a Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se inscribirán as empresas e entidades que conten coa dita certificación.
3. De acordo co artigo 25.2 da Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, o Instituto Galego de Estatística terá dereito a solicitar e a obter os datos contidos no Rexistro para executar a planificación estatística.
Artigo 17. Inscrición
1. A inscrición das empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade efectuarase de oficio. Cada inscrición levará asociado un código alfanumérico, que se manterá desde a concesión inicial e durante as sucesivas renovacións do distintivo ata a perda deste polas causas establecidas no artigo 14. A inscrición, o código de rexistro, as modificacións e as cancelacións de datos inscritos que se efectúen seranlle comunicados en cada caso á empresa ou entidade do terceiro sector.
2. Serán obxecto de inscrición os seguintes datos:
a) O nome ou razón social da empresas ou entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, así como o seu número de identificación fiscal, o/os código/s de Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE); o domicilio social e as localidades onde conten con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación aberta no territorio da Comunidade Autónoma; o teléfono e correo electrónico corporativo, e o nome e apelidos da súa persoa representante legal.
b) A vixencia da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, tanto a derivada da concesión inicial como, de ser o caso, das sucesivas renovacións.
c) A suspensión temporal dos dereitos e das facultades inherentes á certificación, no caso previsto no artigo 14.1.c).
d) A perda do distintivo, con indicación da causa que a motivou.
e) A prohibición de solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, con indicación do prazo correspondente.
3. A inscrición dos datos recollidos nas alíneas b), c), d) e e), agás no caso da perda do distintivo de xeito automático polo transcurso do prazo da súa vixencia sen solicitar a súa renovación en prazo, realizarase cando sexa firme en vía administrativa a resolución correspondente.
4. As empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade deberán comunicarlle ao Rexistro as modificacións e alteracións que afecten os datos obxecto de inscrición no prazo de trinta (30) días desde que se produzan.
Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado do anexo II poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional segunda. Presentación de solicitudes
As solicitudes para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade poderán presentarse a partir da entrada en vigor da orde prevista na disposición derradeira primeira.
Disposición transitoria única. Réxime aplicable á adaptación da composición dos consellos de administración
1. Para facilitar a adaptación dos consellos de administración ao requisito de composición equilibrada establecido no artigo 4.1.e), no período de doce (12) meses desde a data de publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia as empresas e entidades do terceiro sector poderán obter a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade sen cumprir o dito requisito, sempre que:
a) Acrediten a presenza de mulleres e homes no Consello de Administración de forma que a porcentaxe de persoas de cada sexo non sexa inferior ao 25 por cento, mediante a documentación correspondente.
b) Adquiran o compromiso de acadar a composición equilibrada no Consello de Administración, nos termos establecidos no artigo 4.1.e), no prazo de doce (12) meses desde a data de presentación da solicitude. Para acreditalo, deberán presentar o compromiso debidamente asinado.
2. O réxime establecido no número 1 para a adaptación dos consellos de administración non é aplicable ás sociedades obrigadas a presentar conta de perdas e ganancias non abreviada, que deberán cumprir, en todo caso, o requisito de establecido no artigo 4.1.e) para poder obter a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogados o artigo 2.d), o artigo 11 e o capítulo V do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción de igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego, así como como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
1. No prazo de tres meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia aprobarase a orde que regule:
a) O contido da memoria xustificativa e a documentación oportuna para acreditar o cumprimento das condicións exixidas no artigo 4.1.j), e os supostos de alteración ou incumprimento de condicións do artigo 4.1.j) que supoñan o empeoramento substancial dos criterios de igualdade previstos no artigo 5 para os efectos da aplicación da causa de revogación contida no artigo 14.1.c) 3º.
b) A puntuación mínima para a obtención ou renovación do distintivo e o método de valoración e ponderación dos criterios de igualdade.
2. Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia emprego para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, así como para modificar o anexo II cando non supoña unha modificación substantiva do contido dos preceptos deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.S. (Decreto 82/2025, do 3 de outubro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

 
					 
			 
			 
			 
			