DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Mércores, 29 de outubro de 2025 Páx. 56096

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 95/2025, do 15 de setembro, polo que se regula o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia.

I

O artigo 6 do Tratado de París, adoptado o 12 de decembro de 2015 na COP21 en París, Francia, configura o financiamento do carbono como un elemento clave para a implementación das contribucións nacionais determinadas (NDC, nas súas siglas en inglés). Así, a organización de mercados de carbono nos cales se produza un intercambio dos denominados créditos de carbono determina a posta en marcha dun mecanismo de compensación para aquelas empresas interesadas en contrarrestar aquelas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) a partir da compra deses créditos a aquelas entidades que eliminan ou reducen as ditas emisións.

A nivel internacional suscitouse un incremento do interese nos mercados de carbono e avanzouse nos acordos sobre os procesos e metodoloxías que se deben seguir para a súa organización. Isto propicia a xeración de diversas oportunidades e permite a obtención de beneficios de diversa natureza, como son os ambientais, sociais ou económicos.

Non obstante o anterior, existe unha gran preocupación por aspectos negativos, como son a dobre contabilidade, a deslealdade nas transaccións ou o ecobranqueo ou lavado verde (greenwashing). Para asegurar o éxito dos mercados de carbono, na súa organización cómpre ter presente estes problemas, asegurar que o dióxido de carbono evitado ou secuestrado sexa real e sometido á verificación, e que se salvagarde a lealdade nas transaccións para garantirlles os beneficios ás persoas ofertantes e demandantes. Cómpre asegurar a transparencia na infraestrutura institucional e financeira e promover garantías sociais e ambientais adecuadas para mitigar calquera impacto adverso do proxecto, favorecendo os impactos positivos.

Os mercados voluntarios de carbono están dirixidos a organizacións públicas e privadas, mesmo á cidadanía, que se queren responsabilizar da súa acción climática, compensando a súa pegada de carbono mediante a participación en proxectos que contribúen á eliminación ou ao secuestro de carbono. Polo tanto, estes mercados voluntarios de carbono (MVC) permiten que as pequenas e medianas empresas poidan tamén compensar as súas emisións.

Para que os mercados voluntarios desempeñen este papel deben cumprir unha tripla condición, consistente na adicionalidade, na permanencia e na contabilidade única. En consecuencia, os proxectos, para seren admitidos como oferta nun mercado voluntario, deben proporcionar adicionalidade, o que implica que o carbono evitado ou secuestrado e consecuentemente reducido é froito das actividades derivadas só do proxecto levado a cabo, e axustado polas fugas derivadas del. O secuestro ou redución de carbono debe ter un grao de permanencia suficiente e o mercado debe evitar a dobre contabilidade, de xeito que os créditos usados para un proxecto non se contabilicen dúas veces.

Por último, os proxectos admitidos nestes mercados deben contribuír a un desenvolvemento sostible das comunidades locais e que exista un alto grao de participación delas. É imprescindible, polo tanto, que exista un sólido procedemento que lles proporcione a seguridade xurídica a todas as partes participantes no mercado voluntario.

II

A Comisión Europea presentou en decembro de 2019 o Pacto Verde Europeo, unha folla de ruta para facer que a economía da UE sexa sostible é conseguir que Europa sexa climaticamente neutra de aquí ao 2050. A través do Regulamento polo que se establece o marco para lograr a neutralidade climática (chamada Lei europea do clima), a neutralidade climática na UE adquiriu carácter vinculante e ao mesmo tempo definiuse un obxectivo intermedio de redución neta das emisións de gases de efecto invernadoiro de polo menos un –55 % ata 2030, en comparación cos niveis de 1990, que motivou o desenvolvemento do paquete normativo fit for 55.

Paralelamente á despregadura de normativa citada anteriormente para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro en todos os sectores da economía, a Comisión acaba de publicar o Regulamento (UE) 2024/3012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de novembro, polo que se establece un marco de certificación da Unión para as absorcións permanentes de carbono, a carbonocultura e o almacenamento de carbono en produtos co obxectivo de implantar no ámbito da Unión Europea un marco de certificación para as absorcións de carbono, que prevé a supervisión, notificación e verificación da autenticidade desta operación. A través desta iniciativa preténdese ampliar a eliminación sostible de carbono e o fomento de solucións para capturar, reciclar e almacenar CO2 por parte das persoas agricultoras, silvicultoras e industrias. A Comisión Europea considera que estas actuacións representan un paso necesario e significativo cara á integración da eliminación de carbono nas políticas climáticas da UE.

A dita iniciativa está aliñada cos seguintes instrumentos e normas: os inventarios de gases de efecto invernadoiro, a Estratexia europea da biodiversidade, a Estratexia forestal europea, a Regulación LULUCF, a Directiva europea de enerxías renovables (RED II/III), o Regulamento sobre taxonomía, a Comunicación sobre ciclos de carbono sustentables, o Regulamento de deforestación da UE (EUDR), a Lei de restauración natural e as súas transposicións a normativas nos diferentes Estados membros.

Pola súa parte, a Organización das Nacións Unidas recoñece que o mantemento dos ecosistemas mariños, especialmente os vexetais, teñen un alto potencial de secuestro de carbono á par que poden contribuír ao aseguramento socioeconómico das poboacións costeiras e compensar a redución do secuestro de carbono que o quecemento oceánico está a provocar. Así mesmo, a promoción dun axeitado manexo destes ecosistemas pode impulsar a seguridade alimentaria, asegurar a subsistencia ou incrementar a resiliencia da costa a través do secuestro de carbono.

III

O proxecto de lei do clima de Galicia en tramitación compón o marco sobre o que se sustenta o compromiso da Xunta de Galicia para acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040, impulsando, entre outros, os proxectos que contribúan a absorber carbono como medida para compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen noutras actividades, aproveitando o seu capital natural, como as masas forestais, a agricultura ou os ecosistemas mariños e a acuicultura para xerar o apoio á renda no medio rural e no mar.

Neste sentido, o día 20.1.2025, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o II Plan rexional integrado de enerxía e clima, en desenvolvemento da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050. Este plan establece unha liña de actuación específica consistente no impulso do mercado galego de créditos de carbono, dentro do marco do ámbito da mitigación do cambio climático no seu obxectivo O5 relativo a mellorar a capacidade de adaptación do sector primario reforzando o seu papel como sumidoiro de carbono.

Así mesmo, a Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, regula no seu título sexto o mercado de créditos de carbono da Xunta de Galicia, establecendo que a operación do Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia se desenvolverá regulamentariamente mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Desde o punto de vista competencial, o artigo 27.10 do Estatuto de autonomía de Galicia recolle a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega en materia de montes, aproveitamentos forestais e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución en materia de lexislación básica sobre o ambiente.

No exercicio desta competencia, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición adicional terceira.bis establece que a realización de negocios xurídicos que teñan como obxecto a cesión ou o mantemento do dióxido de carbono, presente ou futuro, almacenado nos montes, considerarase como un aproveitamento forestal. Neste contexto, a disposición adicional terceira.ter da dita lei establece a facultade da Xunta de Galicia para artellar un sistema de créditos de carbono de carácter voluntario que permita a participación de diversos axentes: tanto do lado da oferta, a través da promoción de captura de carbono xeradora de créditos de carbono; como do lado da demanda, a través da adquisición dos ditos créditos en favor da compensación de emisións que poidan xerar, contribuíndo a unha mitigación contra o cambio climático.

O Decreto 140/2021, do 30 de setembro, polo que se aproba a primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, regula no seu primeiro eixo a creación dun programa de xestión forestal activa para o incremento da capacidade de fixación de carbono e a resiliencia das masas forestais ao cambio climático (I.2.1.), en coherencia coa integración dentro da política forestal dos obxectivos da acción internacional sobre cambio climático. Deste xeito proponse fomentar a xestión forestal activa para a mellora e o incremento da capacidade de fixación de carbono das masas forestais, e a mitigación e adaptación ao cambio climático dos montes galegos como infraestruturas verdes, mediante liñas de fomento de prácticas de silvicultura adaptativa.

Todo este contexto lexislativo permite a organización inmediata dun mercado voluntario de carbono que orixine créditos de carbono. Estes poden derivar da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro ou da capacidade de absorción e almacenamento de carbono pola realización de actividades que produzan adicionalidade e perduren no tempo. A experiencia que se extraia desta primeira liña de acción permitirá a súa réplica noutras actividades consideradas como de alto potencial de secuestro de carbono.

O sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia que se regula neste decreto vén determinar o marco socioeconómico e ambiental para a xeración e transacción dos créditos de carbono certificados. Ademais, o dito mercado caracterízase por ser rigoroso, transparente e verificable, e baséase na adicionalidade e no alto valor ambiental e social das accións. A xeración e certificación de créditos de carbono contribúe aos obxectivos de descarbonización en Galicia baixo criterios específicos de elixibilidade, contabilización e revisión do carbono xerado, monitoraxe e verificación por entidades independentes.

Dado o alto nivel de desenvolvemento deste tipo de mercados na política forestal, este decreto establece medidas concretas de fomento da xestión forestal activa e sustentable polo evidente efecto beneficioso sobre a prevención de incendios e a fixación de poboación na contorna rural.

IV

O decreto estrutúrase en 7 capítulos, 43 artigos, dúas disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e un anexo.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os cales cabe destacar a audiencia ao Consello Forestal de Galicia e ás persoas interesadas. Durante o período comprendido entre o 6.3.2024 e o 5.4.2024 (en cumprimento do disposto no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno) expúxose publicamente, na fase de prazo de envío de suxestións do Portal de transparencia e Goberno aberto, o texto íntegro do proxecto de decreto. Recibíronse 20 suxestións a través do formulario dispoñible no propio portal, de asociacións coma a Asociación para o Desenvolvemento da Produción Ecolóxica de Galicia ou a Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (Apenfoga), entre outras, e de diferente empresas do sector.

Así mesmo, incorporáronse as alegacións achegadas nos informes do Instituto de Estatística de Galicia sobre a creación e modificación de rexistros administrativos e sistemas de información, no informe de impacto de xénero da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, no informe favorable de sostibilidade económica emitido pola Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, no informe favorable da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e Patrimonio, así como o da Asesoría Xurídica Xeral.

Polo exposto, este decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, de conformidade co previsto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta conxunta dos titulares das consellerías con competencias en ambiente e cambio climático e de economía e industria, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de setembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, principios fundamentais e definicións

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto:

a) A regulación do sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia, creado polo artigo 57 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia; a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dos dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes.

b) O establecemento dos requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das accións para evitar ou secuestrar o dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros.

Artigo 2. Principios fundamentais

O sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia ten como principios fundamentais os que se indican a continuación:

a) Voluntariedade: o sistema servirá de nexo entre os operadores que, voluntariamente, desexen vender os créditos de carbono xerados mediante o desenvolvemento das súas actividades e os compensadores que tamén, de forma voluntaria, desexen adquirir ou utilizar créditos de carbono, ben sexa como intermediarios ou ben como axentes finais, para así compensar as súas emisións doutras actuacións.

b) Transparencia: a información debe ser comprensible e transparente sobre as actividades de mitigación levadas a cabo. A información debe estar publicamente dispoñible e o escrutinio das actividades de mitigación debe ser accesible, transparente e entendible para a sociedade.

c) Contabilidade única: entendida como a garantía dunha soa contabilización dos proxectos obxecto da actividade de mitigación e evitando a dobre certificación e/ou o dobre uso.

d) Permanencia, salvagardando o carbono capturado e garantindo a súa protección, no caso de situacións de reversión.

e) Gobernanza, fomentando un programa de colaboración efectiva que asegure a transparencia, a contabilización rigorosa e a calidade dos créditos de carbono xerados.

f) Uso dun rexistro confiable, co fin de identificar, rexistrar e rastrexar as actividades de mitigación e os créditos de carbono xerados de xeito transparente e seguro.

g) Independencia na certificación e verificación das actividades de mitigación, asegurando requirimentos validados e verificados.

h) Cuantificación das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) capturadas ou reducidas, asegurando o máximo rigor científico, a seguridade e o enfoque conservador na contabilidade do carbono absorbido ou almacenado derivado das actividades que se leven a cabo.

i) Desenvolvemento sustentable do impacto e das medidas de protección, garantindo que o sistema voluntario de créditos de carbono teña una dirección clara, que os instrumentos e procedementos utilizados estean en liña coas mellores prácticas industriais que prioricen o impacto social, ambiental e económico.

j) Transición cara á neutralidade carbónica, actualizando os protocolos, requirimentos e metodoloxías cara ao obxectivo de neutralidade climática en Galicia.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos do previsto neste decreto establécense as seguintes definicións:

a) Actividade de absorción de carbono: unha ou varias prácticas ou procesos efectuados por unha persoa operadora, ou grupo de persoas operadoras, que se traduzan nunha absorción permanente de carbono, nunha absorción temporal de carbono por medio da carbonocultura ou do almacenamento de carbono en produtos, ou en reducións de emisións do solo por medio da carbonocultura, cando esta última en xeral reduza as emisións de carbono procedentes de almacéns de carbono no solo ou aumente as absorcións de carbono en almacéns bioxénicos de carbono.

b) Adicionalidade: calidade pola que o carbono capturado é almacenado ou secuestrado como resultado de actividades específicas e voluntarias e derivada só delas, e non do mero cumprimento dos requisitos legais, e suxeita a metodoloxías que deben definir a liña base e/ou os tests específicos que demostren a dita adicionalidade.

c) Almacenamento permanente de carbono: aquela actividade de captura de carbono que, en circunstancias normais e utilizando prácticas de xestión adecuadas, almacena carbono atmosférico ou bioxénico nunha cantidade equivalente a unha tonelada de carbono capturada xeoloxicamente durante cando menos 200 anos.

d) Almacenamento de carbono en produtos: toda práctica ou proceso que captura e almacenamento de carbono atmosférico ou bioxénico durante polo menos 35 anos en produtos duradeiros, que permite o seguimento in situ do carbono almacenado e que se certifica durante todo o período de seguimento.

e) Autoridade competente do sistema voluntario de créditos de carbono: consellería con competencias en materia de cambio climático.

f) Bolsa de garantía: a porcentaxe de créditos de carbono que se prevé xerar a través do proxecto e que non se poden comercializar, co fin salvagardar as posibles situacións de reversións de carbono capturado.

g) Compensación de emisións: proceso de adquisición dunha determinada cantidade de créditos de carbono por parte da persoa compensadora co obxecto de contrarrestar aquelas emisións que non for capaz de reducir.

h) Cancelación de créditos: a anulación, automática ou voluntaria, de créditos de carbono que evita o uso ou a utilidade deles.

i) Captura de carbono: o almacenamento de carbono atmosférico ou bioxénico dentro de reservas de carbono xeolóxico, depósitos de carbono bioxénico, produtos e materiais de longa duración e o medio mariño, ou a redución da liberación de carbono dunha reserva de carbono bioxénico á atmosfera.

j) Carbonocultura: práctica ou proceso efectuado durante un período de actividade de polo menos cinco anos, relacionado coa xestión dunha contorna terrestre ou costeira e que comporta a captura e o almacenamento temporal de carbono atmosférico ou en almacéns de carbono ou a redución de emisións do solo.

k) Certificado de cumprimento: declaración de conformidade expedida por un organismo de certificación que acredita que unha actividade cumpre o disposto no presente decreto.

l) Crédito de carbono: unidade comercializable igual a unha tonelada de CO2 equivalente (CO2-eq) capturada e que derive das actividades desenvolvidas por un proxecto validado no mercado voluntario de carbono.

m) Crédito de carbono Ecosoc: unidade comercializable igual a unha tonelada de CO2 equivalente (CO2-eq) capturada e que deriva das actividades desenvolvidas por un proxecto validado no mercado voluntario de carbono, que, máis aló da propia captura de carbono, incorpore servizos ecosistémicos ou económico-sociais, como son a mitigación ou adaptación ao cambio climático, o uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños, a transición cara a unha economía circular, incluído o uso eficiente de biomateriais de orixe sostible, a prevención e o control da contaminación, a protección e restauración da biodiversidade e os ecosistemas, incluídas a saúde do solo e a prevención da degradación das terras, ou ao aumento da calidade de vida da poboación rural e á creación de emprego endóxeno.

n) Créditos de carbono estimados ou CCE: créditos de carbono ou créditos de carbono Ecosoc estimados (ex ante) que poden ser potencialmente xerados ao longo da vida do proxecto desde a súa aprobación, pero anteriores á monitoraxe e verificación do carbono capturado ou do carbono evitado que foi calculado.

ñ) Créditos de carbono verificados ou CCV: créditos de carbono ou créditos de carbono Ecosoc efectivamente xerados (ex post) por un proxecto despois da súa debida monitoraxe e verificación por un organismo independente nos termos da metodoloxía específica a que o proxecto de carbono se adhira.

o) Escenario base ou escenario de referencia: punto de partida a partir do cal se calcula a adicionalidade do carbono capturado, a cal deriva da ausencia dunha actividade específica e voluntaria.

p) Escenario de proxecto: punto de partida a partir do cal se calcula a adicionalidade do carbono capturado, a cal deriva dunha actividade específica e voluntaria levada a cabo.

q) Externalidades: os impactos socioeconómicos e ambientais inherentes á implementación do proxecto, tanto positivos como negativos.

r) Fugas de carbono base ou fugas de carbono de referencia: variabilidade do carbono capturado fóra dos límites do escenario base ou de referencia atribuíble á presenza de proxecto.

s) Fugas de carbono de proxecto: variabilidade do carbono capturado fóra dos límites do escenario de proxecto, atribuíble ao cambio das actividades específicas e voluntarias do proxecto.

t) Gases de efecto invernadoiro (en diante, GEI): o dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), os hidrofluorocarburos (HFC), perfluorocarburos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6).

u) Grupo de persoas operadoras: agrupación de persoas, físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou comunidades de montes veciñais en man común que realicen e sexan titulares de proxectos de carbono.

v) Monitoraxe: o proceso de recompilación de información necesaria para medir e seguir o carbono capturado no escenario do proxecto e no escenario base ou escenario de referencia mediante o uso de técnicas de mostraxe estatística e modelización.

w) Organismo de certificación: organismo independente de avaliación da conformidade acreditado ou recoñecido que subscribiu un acordo cun sistema de certificación para levar a cabo auditorías de certificación e expedir certificados de cumprimento.

x) Persoa beneficiaria: aquela persoa física ou xurídica, de natureza pública ou privada, que adquira créditos de carbono. A persoa beneficiaria pode ser compensadora, cando adquire os créditos para compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) derivadas da súa propia actividade, ou persoa intermediaria, cando adquire créditos de carbono para a súa venda a terceiras persoas. As persoas beneficiarias non estarán suxeitas á obriga de ter a súa sede social ou o domicilio fiscal en Galicia.

y) Persoa operadora: aquela persoa física ou xurídica, pública ou privada, que realice e sexa titular dun proxecto de carbono.

z) Período de monitoraxe: intervalos de tempo en que o carbono capturado é monitorizado pola persoa operadora no proxecto.

aa) Plataforma de créditos de carbono de Galicia: elemento do sistema voluntario de créditos de carbono a través do cal se dá publicidade á información sobre as metodoloxías propostas e aprobadas e os organismos de certificación, sobre os proxectos aprobados, serve de espazo para as transaccións de créditos e informa estatisticamente dos proxectos, créditos e prezos medios do sistema, así como sobre os demais asuntos necesarios para a execución dos preceptos contidos neste decreto.

bb) Plan de monitoraxe: planificación da recollida de información para cada proxecto, identificando o sistema de obtención, rexistro e análise da información sobre o carbono cuantificado.

cc) Plan de xestión de riscos: planificación incluída dentro de cada proxecto, coa identificación das posibles ameazas e oportunidades a que se ve sometido, probabilidade de ocorrencia, impacto previsible de cada risco sobre os créditos de carbono xerados, definición das posibles estratexias de resposta e o seguimento e a xestión dos riscos durante todo o período de implementación do proxecto.

dd) Proxecto de absorción de carbono: proxecto que promova aquelas actividades para evitar ou secuestrar CO2 equivalente co fin de reducir os gases de efecto invernadoiro.

ee) Reversión do carbono capturado: situación intencional ou non en que a cantidade do carbono capturado dun determinado escenario de proxecto é menor que o carbono capturado dun determinado escenario base ou escenario de referencia nun período de monitoraxe concreto.

ff) Sistema voluntario de créditos de carbono: conxunto de normas e procedementos asociados ao funcionamento do sistema, a autoridade competente e os axentes do sistema, os proxectos de absorción de carbono ou redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, a plataforma de créditos de carbono, o sistema de certificación e as súas metodoloxías, que rexerán para o desenvolvemento de proxectos e actividades dirixidos a incrementar a absorción de carbono e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, co obxectivo de contribuír á protección do medio natural e ao desenvolvemento sustentable do territorio no marco da Estratexia de transición cara á neutralidade carbónica.

gg) Tonelada equivalente de dióxido de carbono: unha tonelada métrica de CO2 ou unha cantidade equivalente de calquera outro GEI de acordo cos potenciais de quecemento determinados polo Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC).

hh) Validación previa: certificación ex ante emitida por organismos de certificación conforme os requirimentos do sistema voluntario de créditos de carbono e da metodoloxía específica á que se adhire o proxecto de carbono.

ii) Verificación: avaliación periódica ex post do proxecto de carbono por un organismo de certificación conforme os requirimentos do sistema voluntario de créditos de carbono e da metodoloxía específica a que se adhire, especialmente no relativo á efectiva cuantificación e monitoraxe dos créditos de carbono.

jj) Xestión forestal sustentable: a organización, a administración e o uso dos montes de forma e coa intensidade que permitan manter a súa biodiversidade, produtividade, vitalidade, potencialidade e capacidade de rexeneración, para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes no ámbito local, nacional ou global, e sen producir danos a outros ecosistemas.

CAPÍTULO II

Obxectivos do sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia

Artigo 4. Sistema voluntario de créditos de carbono

1. O sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia servirá de nexo entre as persoas operadoras ou grupos delas, que actuarán como promotoras dos proxectos de absorción de carbono nos mercados voluntarios de carbono, e aquelas beneficiarias, que adquiran ou utilicen créditos de carbono, ben sexa como persoas intermediarias ou ben como persoas beneficiarias directas co fin de compensar as súas emisións.

2. O ámbito ou alcance de aplicación e desenvolvemento dos proxectos deste sistema será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O sistema organizarase seguindo o principio de lealdade das transaccións, e deberá respectar as metodoloxías que se aproben. Estas metodoloxías establecerán uns mecanismos de control para evitar un acaparamento indebido de créditos de carbono por parte das persoas intermediarias. Para tal efecto, deberá levarse un rexistro e control do destino final deses créditos en favor das persoas beneficiarias.

4. O acaparamento indebido de créditos de carbono por parte das persoas intermediarias controlarase a través da limitación da porcentaxe dos créditos de carbono que poderá vender unha persoa operadora ou grupo delas a persoas intermediarias, a través do sistema voluntario de créditos de carbono. Polo tanto, un ou máis intermediarios non poderán adquirir máis do 30 % do total dos créditos estimados para cada proxecto inscrito no sistema. Esta limitación non será aplicable para aqueles proxectos inscritos en que o volume dos créditos estimados durante a totalidade do período de permanencia non supere as 1.000 toneladas de CO2 equivalente.

5. A autoridade competente do sistema supervisará de forma activa a evolución das transaccións de créditos de carbono. No caso de detectar situacións de acaparamento indebido dos créditos de carbono vendidos, nun proxecto particular, adoptaranse medidas correctoras, que poderán comprender a inhabilitación para actuar como persoa intermediaria ou a cancelación do proxecto, de acordo co procedemento establecido.

Artigo 5. Obxectivos do sistema

O sistema voluntario de créditos de carbono perseguirá os seguintes obxectivos:

a) Contribuír a acadar a neutralidade climática e a descarbonización da economía no territorio autonómico.

b) Servir como instrumento para a conservación do ambiente, do medio natural e do medio rural.

c) Fomentar un modelo económico de capital natural a través de proxectos de negocio con efectos positivos para o mar, a natureza e a biodiversidade, para a prevención e defensa contra os incendios forestais, para a protección fronte a catástrofes naturais, para a mitigación e/ou adaptación contra o cambio climático e para a creación do emprego endóxeno, colaborando ao aumento da calidade de vida e ao desenvolvemento da sociedade no medio rural.

d) Favorecer a conservación, prevención, protección, restauración, ordenación e xestión dos recursos naturais, agrícolas, forestais e mariños a través de unidades comercializables derivadas da capacidade de absorción e almacenamento de carbono procedentes das actividades relativas aos usos do mar, da terra, os cambios de usos da terra, incluídas as turbeiras ou ás masas forestais como parte do aproveitamento multifuncional do monte galego.

e) Impulsar a xestión sustentable dos recursos naturais, agrícolas, forestais ou mariños como base para a xeración de unidades comercializables derivadas da capacidade de absorción e almacenamento de carbono e da súa contribución á mitigación de emisións de GEI, así como o fomento do uso da madeira e doutros materiais con capacidade de secuestro como reservorio de carbono e substitución doutros produtos con balances de carbono máis desfavorables.

f) Promover a participación de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas e da sociedade en xeral no fomento das accións financeiras con efectos positivos para o medio natural, rural ou mariño na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Promover a adopción de actividades que, ademais de xerar unidades comercializables derivadas da capacidade de absorción e almacenamento de carbono, xeren cobeneficios sociais, ambientais e económicos de forma directa ou indirecta.

Artigo 6. Características do sistema

O sistema voluntario de créditos de carbono caracterízase polo seguimento e respecto de normas e procedementos fiables e transparentes. En particular, no que respecta aos seguintes aspectos:

a) Á súa xestión e control interno.

b) Á tramitación de queixas e reclamacións, que se xestionará a través da Plataforma de créditos de carbono de Galicia.

c) Ao procedemento de reversión e cancelación.

d) Á consulta das partes interesadas a través da Plataforma de créditos de carbono de Galicia.

e) Á transparencia e publicación de información na Plataforma de créditos de carbono de Galicia.

f) Á habilitación de organismos de certificación.

g) Á xestión do rexistro de proxectos.

h) Ao sistema de control para evitar a dobre contabilidade. En particular, os mecanismos necesarios para asegurar a interoperabilidade cos sistemas estatais e europeos.

CAPÍTULO III

Elementos do sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia

Artigo 7. Elementos do sistema

Os elementos e entidades que, como mínimo, formarán parte do sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia son os seguintes:

a) Os proxectos de absorción de carbono ou redución da emisión de gases de efecto invernadoiro.

b) A(s) metodoloxía(s) do sistema de certificación.

c) A plataforma de créditos de carbono.

d) O sistema de certificación dos proxectos e respectivos créditos.

e) O conxunto de normas e procedementos asociados ao funcionamento do sistema.

f) A Xunta de Galicia, como autoridade competente.

g) Os axentes do sistema de carbono:

1º. Os operadores ou grupos de operadores.

2º. Os compensadores que adquiran ou utilicen créditos de carbono.

3º. Os organismos de certificación.

CAPÍTULO IV

Metodoloxías e Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia

Sección 1ª. Metodoloxías

Artigo 8. Elementos xerais das metodoloxías

1. As metodoloxías son un conxunto de criterios e orientacións, formalmente aprobados, que se utilizarán para os efectos do recoñecemento dos proxectos de absorción de carbono, así como da estimación obxectiva dos créditos que estes veñan xerar.

2. Será requisito necesario para a incorporación dos proxectos de carbono ao sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia, así como para o recoñecemento e comercialización dos créditos de carbono derivados deles, o seu axuste a unha metodoloxía aprobada no marco do sistema.

3. As metodoloxías poderán contabilizar a adicionalidade do carbono bioxénico secuestrado, o almacenamento de carbono en produtos de longa duración ou a redución ou supresión de emisións como consecuencia da posta en marcha dun proxecto.

4. As metodoloxías de carbono deben ter por base as orientacións do Panel Intergubernamental para o Cambio Climático (IPCC), as orientacións de boas prácticas utilizadas para o desenvolvemento do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro e as mellores probas científicas dispoñibles, aproveitando os sistemas e as metodoloxías públicas e privadas existentes, tendo en conta as normas e regras pertinentes adoptadas a nivel autonómico, estatal e europeo.

5. As metodoloxías deben garantir unha certificación sólida e transparente do beneficio neto de captura de carbono xerado pola actividade, e deben evitar ao mesmo tempo unha carga económica e administrativa desproporcionada para as persoas axentes do sistema.

6. Na Plataforma de créditos de carbono de Galicia publicarase a relación das metodoloxías existentes e o contido destas, unha vez que as aprobe o Consello da Xunta de Galicia.

7. No anexo I do decreto relaciónanse as tipoloxías das actividades sobre as que desenvolver as distintas metodoloxías, sen prexuízo da inclusión de novas actividades dentro das tipoloxías mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia. Aquelas novas propostas de metodoloxías que non conten cunha tipoloxía de actividade indicada no anexo I, deberán seguir o procedemento de aprobación do seu contido establecido no artigo 11. O acordo do Consello da Xunta incluirá, xunto coa devandita aprobación, a actualización do anexo I para recoller a nova tipoloxía de actividade.

Artigo 9. Contido das metodoloxías

1. As metodoloxías deben incluír, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Criterios de elixibilidade e orientacións sobre a avaliación da adicionalidade do proxecto, incluída a determinación dos escenarios de referencia e de proxecto.

b) O método de validación (ex ante) e verificación (ex post) para a cuantificación do carbono capturado asociado ao proxecto, con base no tempo de duración do proxecto.

c) Duración do proxecto de carbono, incluída a duración mínima e a duración máxima para a cuantificación do carbono.

d) O alcance de referencia do proxecto e o alcance para a avaliación de fugas do escenario base e pola aplicación do proxecto.

e) As orientacións para a determinación de potenciais cobeneficios ou externalidades positivas, neutras ou negativas, así como os indicadores cualitativos ou cuantitativos que permitan a súa avaliación no decorrer do proxecto.

f) A información relevante para a determinación e a xestión dos riscos, incluída a reversión de emisións e medidas de resposta aos riscos que permitan elaborar o Plan de xestión de riscos do proxecto.

g) A información relevante para os organismos de certificación.

h) Os requisitos e, de ser o caso, os elementos de deseño para a monitoraxe e verificación, en particular, os contidos mínimos do plan e do informe de monitoraxe.

i) Posible información relevante para a implementación das actividades do proxecto, de ser o caso.

2. As distintas metodoloxías deberán velar para que os proxectos de carbono non causen un prexuízo significativo ao ambiente e fomentarán a xeración de beneficios secundarios, a xeito de servizos ecosistémicos ou servizos económico-sociais, como son a mitigación ou adaptación ao cambio climático, o uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños, a transición cara a unha economía circular, incluído o uso eficiente de biomateriais de orixe sostible, a prevención e o control da contaminación, a protección e restauración da biodiversidade e os ecosistemas, incluídas a saúde do solo e a prevención da degradación das terras, ou ao aumento da calidade de vida da poboación rural e á creación de emprego endóxeno.

3. As metodoloxías deberán recoller, sempre que sexa posible, a posibilidade de presentación dun proxecto de carbono por un grupo de persoas operadoras, procurando deste xeito a cooperación e sinerxías positivas. As persoas operadoras deberán acreditar ante o organismo de certificación a súa condición como tales.

Artigo 10. Proposta, tramitación e aprobación das metodoloxías para proxectos de carbono

1. As metodoloxías para proxectos de carbono poderán ser propostas de oficio polo Comité Técnico ou ben poderán ser propostas polas persoas interesadas. Neste último caso, as persoas interesadas poderán presentar propostas de metodoloxías para proxectos de carbono empregando o modelo xenérico PR004A que se atopa na sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixindo a súa solicitude ao centro directivo competente en materia de cambio climático.

2. As propostas de metodoloxías de carbono estarán suxeitas a un proceso previo de exposición pública na Plataforma de créditos de carbono de Galicia durante o período de tempo que determine o Comité Técnico, que, en calquera caso, non será inferior a vinte (20) días.

3. Logo da exposición pública da metodoloxía, o Comité Técnico estudará e, de ser o caso, completará esa metodoloxía, sen prexuízo do apoio externo doutras persoas ou entidades públicas ou privadas con coñecemento específico relevante.

4. O Comité Técnico emitirá unha proposta de aprobación en que se valore a metodoloxía e remitiraa á consellería competente en materia de cambio climático.

5. A consellería competente en materia de cambio climático elevará a proposta para a aprobación por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

6. Cando a metodoloxía teña sido desenvolvida ou recoñecida pola Comisión Europea, o Comité Técnico, de oficio, informará da dita circunstancia a consellería competente en materia de cambio climático para que a incorpore ao sistema voluntario.

7. As metodoloxías aprobadas poden ser obxecto de revisión, actualización ou revogación, seguindo o mesmo procedemento que para a súa aprobación. Estas modificacións non afectarán os proxectos que se atopen incorporados ao sistema ou en proceso de incorporación.

8. A Plataforma de créditos de carbono de Galicia incluirá, en relación coas metodoloxías:

a) Unha listaxe actualizada das metodoloxías de carbono elixibles para o coñecemento das persoas interesadas.

b) A documentación técnica das metodoloxías aprobadas, xunto cos respectivos e necesarios materiais e ferramentas de apoio.

c) Os requisitos pormenorizados dos proxectos para a súa tramitación dentro dunha metodoloxía aprobada.

Sección 2ª. Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono

Artigo 11. Creación e composición do Comité Técnico

1. Créase o Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono, como órgano colexiado de análise, dirixido a mellorar o desenvolvemento e a operación do sistema voluntario de créditos de carbono, así como de elevar propostas de aprobación ou revisión das metodoloxías do sistema, e queda adscrito á consellería con competencias en materia de cambio climático.

2. O Comité Técnico estará composto pola Presidencia, 14 persoas vogais e unha secretaría. Esta composición atenderá aos criterios de equilibrio efectivo entre homes e mulleres de conformidade co previsto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e á demais normativa de aplicación á materia.

Artigo 12. Presidencia

1. A Presidencia do Comité Técnico corresponde á persoa titular do centro directivo con competencias en materia de cambio climático.

2. As funcións da persoa titular da presidencia son:

a) Desempeñar a representación do Comité Técnico.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, para o que terá en conta, se for o caso, as peticións das demais persoas membro formuladas con quince (15)días de antelación á realización da reunión.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Asegurar o cumprimento da normativa en vigor que resulte de aplicación ao caso concreto.

e) Visar as actas e certificacións expedidas pola Secretaría do Comité Técnico.

f) Nomear, entre o persoal do centro directivo con competencias en materia de cambio climático, unha persoa titular da secretaría.

g) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de chegar a acordos.

h) Cantas outras sexan inherentes á súa condición de persoa titular da presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as funcións da presidencia serán exercidas pola persoa membro da consellería competente en materia de cambio climático designada previamente pola súa persoa titular.

Artigo 13. Vogais

1. O Comité Técnico estará integrado polas seguintes persoas coa condición de vogais:

a) Nove persoas en representación da Administración autonómica:

a.1) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de industrias forestais.

a.2) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de montes e aproveitamentos forestais.

a.3) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de patrimonio natural.

a.4) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de agricultura e gandaría.

a.5) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de enerxía e minas.

a.6) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de industria.

a.7) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia de mar.

a.8) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia da ordenación do territorio.

a.9) A persoa titular do centro directivo ou dirección xeral competente en materia do desenvolvemento rural.

b) Cinco persoas representantes doutras administracións públicas ou entidades do sector privado e organizacións sociais con relevancia no desenvolvemento deste tipo de proxectos, así como persoas expertas nesta materia, por proposta da persoa titular da presidencia.

2. As funcións das persoas vogais son as seguintes:

a) Participar nos debates das sesións.

b) Formular suxestións e preguntas.

c) Cantas outras sexan inherentes á súa condición.

3. No exercicio das súas funcións, as persoas vogais teñen dereito a recibir, cunha antelación mínima de 48 horas previas á realización da sesión, a documentación da convocatoria, e tamén teñen dereito a obter toda a información sobre os temas que figuren na orde do día e dispor de toda a información precisa para cumprir as súas funcións, en igual prazo.

4. As persoas vogais, en caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, poderán ser substituídas polas súas persoas suplentes, que deberán ser designadas ao mesmo tempo que se designa a persoa titular. Correspóndelle á persoa titular a comunicación da convocatoria á súa persoa suplente nos supostos en que non poida asistir á sesión a que foi convocada.

5. A persoa titular da presidencia poderá propoñerlle ao Comité Técnico o apoio doutras persoas ou entidades públicas ou privadas con coñecemento específico relevante, como persoas asesoras, co fin de achegar o soporte necesario, de así estimalo, na análise das metodoloxías obxecto de informe.

Artigo 14. Secretaría

1. A persoa titular da secretaría será nomeada pola persoa titular da presidencia entre o persoal funcionario do centro directivo con competencias en materia de cambio climático, e actuará con voz, pero sen voto.

2. Correspóndelle á persoa titular da Secretaría do Comité Técnico:

a) Efectuar a convocatoria das sesións do Comité Técnico por orde da presidencia, así como as citacións ás súas persoas membro.

b) Recibir os actos de comunicacións das persoas membro do Comité Técnico e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

c) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Custodiar a documentación do Comité Técnico.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

3. A persoa titular da Secretaría do Comité Técnico poderá dispoñer da asistencia de persoal técnico de apoio, pertencente á consellería competente en materia de cambio climático, para o desenvolvemento das súas funcións.

4. No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outras causas que imposibiliten a súa asistencia, a persoa titular da secretaría será substituída por unha persoa que teña a condición de persoal funcionario do centro directivo con competencias en materia de cambio climático, designada pola Presidencia do Comité Técnico.

Artigo 15. Réxime de reunións

O Comité Técnico reunirase como mínimo dúas veces ao ano, en sesión ordinaria, e con carácter extraordinario sempre que a persoa titular da presidencia o considere oportuno ou tres quintas partes (3/5) da totalidade das súas persoas membro así o soliciten.

Artigo 16. Convocatorias

1. As sesións serán convocadas polo/a secretario/a por orde da persoa titular da presidencia. As sesións ordinarias convocaranse nun prazo mínimo de quince (15) días naturais de antelación.

2. No caso de reunións extraordinarias, estas poderán ser solicitadas por un mínimo de tres quintas partes (3/5) da totalidade das persoas membro do Comité Técnico, e a convocatoria realizarase dentro dos sete (7) días naturais seguintes á solicitude e formalizarase cunha antelación de dous (2) días naturais á realización da sesión. No caso de urxencia, as reunións extraordinarias pódense convocar cunha antelación de corenta e oito (48) horas.

3. As convocatorias serán remitidas ás persoas membro do órgano colexiado a través de correo electrónico, facendo constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando for posible, sen prexuízo do establecido no artigo 13.3; as condicións en que se vai realizar a sesión, o sistema de conexión e, se for o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión e sinalando se a convocatoria é urxente.

Artigo 17. Sesións

1. As sesións do Comité Técnico realizaranse na data, na hora e no lugar indicados na comunicación de convocatoria.

2. Para a válida constitución do órgano para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa titular da presidencia e da secretaría ou, se é o caso, daqueles que a/as substitúa/n, e da metade, cando menos, das persoas membro.

3. Non será obxecto de deliberación ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todas as persoas membro do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 18. Funcións do Comité Técnico

O Comité Técnico terá como funcións:

a) Realizar propostas de mellora do sistema voluntario de créditos de carbono.

b) Propor de oficio metodoloxías do sistema de créditos de carbono.

c) Recibir metodoloxías propostas por persoas terceiras, debatelas e, de ser o caso, tomalas en consideración para o seu estudo.

d) Enviar as metodoloxías en estudo á Plataforma de créditos de carbono de Galicia para a súa exposición pública.

e) Revisar, incorporar, mellorar e completar as metodoloxías recibidas co fin de incorporar os contidos necesarios para dar cumprimento ás exixencias dispostas en materia de metodoloxías neste decreto.

f) Propoñerlle á consellería competente en materia de cambio climático para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, a aprobación, revisión, actualización ou revogación das metodoloxías do sistema de créditos de carbono.

Artigo 19. Réxime subsidiario

Nos aspectos non contidos neste decreto respecto do funcionamento do Comité Técnico aplicarase o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os órganos colexiados e na subsección 1ª da sección 3ª do capítulo II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

CAPÍTULO V

Dos proxectos e créditos de carbono

Sección 1ª. Actuacións previas á presentación da declaración responsable relativa a un proxecto de carbono. Validación previa

Artigo 20. Obrigatoriedade da validación ex ante

1. Para a súa incorporación ao sistema voluntario de crédito de carbono, os proxectos de carbono estarán suxeitos a un proceso de validación inicial realizado polos organismos de certificación, debidamente acreditados.

2. A validación deberá certificar que o proxecto cumpre cos requirimentos do sistema voluntario de créditos de carbono e da metodoloxía específica a que se adhire. De dar cumprimento, o organismo de certificación emitirá un certificado de cumprimento.

3. Para a validación inicial ou certificación ex ante deberán revisarse, entre outros, os seguintes elementos:

a) A adicionalidade do proxecto coa estimación de créditos de carbono por xerar.

b) O escenario de referencia.

c) As potenciais fugas no seu alcance de referencia.

d) As externalidades positivas, neutras ou negativas.

e) Os indicadores que permitan a súa avaliación.

f) A definición do inicio do proxecto e a súa duración.

g) Os riscos, incluídos os de reversións.

h) As medidas de respostas deses riscos segundo os requirimentos da metodoloxía específica.

Artigo 21. Organismos de certificación

1. A certificación inicial ou validación ex ante, así como as verificacións continuadas ex post levaranse a cabo por organismos de certificación independentes e acreditados.

2. Para tal efecto, os ditos organismos deberán estar acreditados por un organismo nacional de acreditación consonte o Regulamento (CE) nº 765/2008 do Parlamento Europeo e do Consello.

3. Os organismos de certificación deberán ser xurídica e financeiramente independentes dunha persoa operadora ou grupo de persoas operadoras, para tal efecto non poderán ser persoas operadoras ou grupos delas, nin ser persoas propietarias ou propiedade destas persoas. Tampouco poderán manter relacións con persoas operadoras ou grupos delas de xeito tal que poidan afectar a súa independencia e imparcialidade.

4. Na Plataforma de créditos de carbono de Galicia manterase unha listaxe actualizada dos organismos de certificación.

5. Os organismos de certificación presentarán ante o centro directivo con competencias en cambio climático toda a información pertinente necesaria para supervisar o seu funcionamento, incluída a data, a hora e o lugar da auditoría de validación ex ante ou das auditorías de verificación continuada ex post dos proxectos inscritos no sistema. Cando o centro directivo con competencias en cambio climático detecte problemas de non conformidade, informará o organismo de certificación e publicará esta circunstancia na Plataforma de créditos de carbono de Galicia.

Sección 2ª. Proxectos de carbono

Artigo 22. Principios fundamentais e criterios dos proxectos de carbono

1. Para ser incorporados ao sistema voluntario, os proxectos de carbono deben cumprir os principios fundamentais e criterios de elixibilidade definidos na metodoloxía específica a que o proxecto se adhire.

2. As persoas operadoras ou grupo delas que pretendan desenvolver un proxecto de carbono nos termos da metodoloxía específica aplicable e ver recoñecidos os créditos de carbono deberán presentar unha solicitude de inscrición do proxecto e da incorporación ao sistema voluntario de créditos de carbono, xunto coa seguinte documentación:

a) Declaración responsable de que o proxecto cumpre a metodoloxía a que se adhire.

b) Proxecto de carbono.

c) Certificado de validación inicial emitido por organismo certificador.

Artigo 23. Forma de presentación da solicitude de inscrición do proxecto de carbono

1. A solicitude de inscrición presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado que se habilitará na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Só se poderá presentar unha solicitude para un determinado proxecto de carbono por persoa solicitante, sexa unha persoa operadora ou grupo delas.

3. No formulario de solicitude declararase o cumprimento da legalidade vixente.

Artigo 24. Inscrición no rexistro e incorporación do proxecto de carbono ao sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia

1. No prazo de tres (3) meses a partir da data en que a solicitude tivese entrada no rexistro electrónico da Administración, a persoa titular do centro directivo con competencias en materia de cambio climático resolverá e notificará de acordo co establecido no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sobre a inscrición no rexistro e incorporación do proxecto de carbono ao sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia.

2. A resolución estará baseada na comprobación de que o proxecto de carbono foi validado de acordo co establecido neste decreto por un organismo de certificación debidamente acreditado e que figura na documentación presentada o certificado de cumprimento estendido por este que acredita que o proxecto cumpre cos requirimentos do sistema voluntario de créditos de carbono e da metodoloxía específica a que se adhire.

3. Transcorrido o prazo indicado no número 1 sen que se teña resolto e notificado o correspondente acto administrativo, entenderase estimada a solicitude en virtude do establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A persoa operadora solicitante deberá cumprir todas as obrigas que exixa a normativa sectorial aplicable ás actividades que se realicen na execución do proxecto, polo que a inscrición do proxecto no Rexistro do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia estará sempre condicionada a que a persoa operadora respecte a normativa en vigor.

Sección 3ª. Verificación dos proxectos

Artigo 25. Obrigatoriedade da verificación

1. Os proxectos de carbono estarán suxeitos a un proceso de verificación continua ou verificación ex post de acordo coas especificacións da metodoloxía específica a que o proxecto se adhira.

2. As verificacións continuas ou ex post serán realizadas por organismos de certificación de acordo co artigo 21.

3. Para a verificación continua ou verificación ex post revisarase, entre outros, o efectivo cumprimento das actividades levadas a cabo no proxecto, así como a correcta cuantificación e monitoraxe da captura de carbono xerado polos proxectos, tendo como referencia o plan e o informe de monitoraxe e os requirimentos da metodoloxía a que o proxecto se adheriu.

4. Ademais do procedemento de verificación periódica, o proxecto poderá estar suxeito a controis aleatorios que, de ser o caso, realizará a persoa xestora co fin de asegurar a conformidade dos certificados de verificación emitidos polos organismos de certificación en relación co plan e o informe de monitoraxe e cos requirimentos da metodoloxía.

5. No caso de detectar desviacións ou omisións intencionadas, iniciarase o procedemento de baixa no rexistro, que garantirá a audiencia do interesado, conforme o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. No prazo máximo de tres (3) meses a partir do acordo de iniciación do procedemento de baixa, a persoa titular do centro directivo con competencias en materia de cambio climático resolverá e notificará, por medios electrónicos, sobre a baixa e levará a cabo, se é o caso, a dita baixa no rexistro e a cancelación do proxecto no sistema voluntario de créditos de carbono.

Sección 4ª. Créditos de carbono

Artigo 26. Comercialización de créditos de carbono

1. Cada crédito de carbono representa unha unidade comercializable igual a unha tonelada de CO2 equivalente capturada derivada dunha actividade desenvolvida polo proxecto.

2. Soamente poderán ser obxecto de comercialización no marco do sistema voluntario de créditos de carbono os créditos efectivamente xerados que sexan rexistrados no sistema.

3. Os créditos xerados polo sistema terán un número de serie único, de forma que permita a súa rastrexabilidade.

Artigo 27. Tipos de créditos de carbono

1. O crédito de carbono pode asumir dúas formas: crédito de carbono estimado (en diante, CCE) e crédito de carbono verificado (en diante, CCV).

2. Os CCE derivan do carbono capturado como do carbono evitado que foi calculado e que ou ben aínda non foi xerado ou aínda non foi verificado, e non poderán ser obxecto de transacción monetaria, no marco do sistema voluntario de créditos de carbono.

3. Os CCE converteranse en CCV unha vez sexan debidamente verificados.

4. As persoas compensadoras non poderán revender os créditos adquiridos no marco do sistema.

Artigo 28. Créditos de carbono Ecosoc

1. Poderán ser comercializados como créditos de carbono Ecosoc os créditos de carbono de proxectos que incorporen significativos beneficios en materia de servizos ecosistémicos ou económico-sociais.

2. Será a propia metodoloxía a que determine se un proxecto pode considerarse Ecosoc e defina os condicionantes específicos para tal consideración, así como aqueles proxectos que demostren beneficios secundarios que vaian máis aló dos requisitos mínimos de sostibilidade definidos no artigo 7 do Regulamento (UE) 2024/3012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de novembro, polo que se establece un marco de certificación da Unión para as absorcións permanentes de carbono, a carbonocultura e o almacenamento de carbono en produtos.

Artigo 29. Estatísticas en materia de prezos

As estatísticas en materia de prezos ofreceranse de forma agregada e nunca de xeito individualizado para un proxecto concreto, preservando deste xeito a confidencialidade entre as partes.

CAPÍTULO VI

Transacción de créditos, rexistro e monitoraxe e cancelación dos proxectos

Sección 1ª. Plataforma de créditos de carbono de Galicia

Artigo 30. Plataforma de créditos de carbono de Galicia

1. A Plataforma de créditos de carbono de Galicia servirá como nexo de unión entre as persoas operadoras ou grupos delas e as persoas beneficiarias, co fin de facilitar a súa posta en contacto, e os demais aspectos previstos neste decreto.

2. A Plataforma de créditos de carbono de Galicia incluirá modelos tipo de proxectos para o seu acceso por parte das persoas interesadas, e documentos de apoio sobre os seus contidos, cálculo de carbono e forma de presentación.

3. A plataforma incluirá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Normas e procedementos asociados ao funcionamento do sistema voluntario de créditos de carbono.

b) Relación e documentación técnica das metodoloxías aprobadas.

c) Descrición dos proxectos inscritos na plataforma, que pode incluír entre outros aspectos:

i. Nome, tipo de proxecto e metodoloxía.

ii. Persoa certificadora.

iii. Certificados de cumprimento.

d) Créditos xerados por cada proxecto.

e) Créditos transaccionados, incluídos os prezos medios pagados segundo a tipoloxía de crédito.

f) Créditos cancelados, incluída unha descrición do motivo.

g) Información actualizada da bolsa de garantía.

h) Persoas beneficiarias.

i) Organismos de certificación.

Artigo 31. Confidencialidade

As persoas operadoras e beneficiarias na transacción de créditos de carbono poden solicitarlle á persoa xestora que determinados documentos ou información sexan omitidos en aplicación dun criterio de confidencialidade de acordo coas normas legais aplicables.

Artigo 32. Responsabilidade da actualización de documentación

As persoas operadoras serán responsables de manter actualizados os datos do proxecto de carbono, e os documentos necesarios, na Plataforma de créditos de carbono de Galicia segundo a metodoloxía a que o proxecto se adhira.

Sección 2ª. Transacción de créditos de carbono

Artigo 33. Transacción dos créditos de carbono

1. A transacción dos créditos de carbono farase no ámbito privado entre as persoas operadoras do proxecto e as persoas beneficiarias a través de contratos de compravenda.

2. A plataforma recollerá as transaccións realizadas de acordo co dereito aplicable entre as persoas operadoras e as persoas beneficiarias.

3. A Xunta de Galicia estará exenta de calquera responsabilidade legal que poida derivar destes negocios xurídicos que se produzan nestas transaccións, de ámbito exclusivamente privado.

4. Realizada a venda de créditos de carbono, a persoa operadora ou grupo delas deberá comunicarlle á persoa xestora do sistema a transacción dos créditos de carbono para o seu rexistro, constancia e publicidade na plataforma.

5. A información que deberá facilitarse será a seguinte:

a) O nome da persoa intermediaria ou compensadora que actuou na transacción.

b) O importe total e unitario da venda realizada, desagregando, se for o caso, aqueles créditos Ecosoc dos restantes.

6. Co fin de evitar unha dobre contabilidade, os proxectos rexistrados neste sistema voluntario de créditos de carbono non poden ser rexistrados noutros sistemas de mercado análogos, sexan de ámbito estatal ou internacional.

7. A plataforma deseñarase de xeito que sexa, na medida do posible, interoperable con outras plataformas ou rexistros tanto a nivel autonómico, estatal ou internacional.

Artigo 34. Forma de presentación da comunicación da transacción

A comunicación da transacción presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado que se habilitará na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sección 3ª. Execución da monitoraxe

Artigo 35. Execución do Plan de monitoraxe

1. As persoas operadoras están obrigadas a executar o Plan de monitoraxe que se inclúe co proxecto de carbono, nos termos previstos na metodoloxía a que o proxecto se adhira.

2. En execución dese Plan de monitoraxe, as persoas operadoras deberán comunicar o informe de monitoraxe consonte o formulario normalizado que se habilitará na sede electrónica da Xunta de Galicia ao cal deberá xuntarse como documentación complementaria o certificado de cumprimento emitido polo organismo de certificación.

3. Polo menos cada cinco (5) anos, ou con maior frecuencia cando así se especifique na metodoloxía de certificación aplicable baseada nas características da actividade correspondente, o organismo de certificación realizará as auditorías de verificación (ex post).

Artigo 36. Puntos de mostraxe

1. Cando a metodoloxía así o requira, o Plan de monitoraxe poderá definir os seguintes elementos de deseño para cada mecanismo e proxecto:

a) Ámbito territorial tanto do escenario do proxecto como do escenario base ou escenario de referencia.

b) Deseño da mostraxe, entendendo este como a forma de selección dos elementos da mostra que se empregarán para a monitoraxe do proxecto tanto no escenario do proxecto como no escenario base ou escenario de referencia. Sempre que sexa posible, optarase por deseños de mostraxe probabilísticos (sistemáticos, aleatorios ou outros con probabilidade de selección coñecida).

c) Deseño observacional, entendendo este como a información recollida, observada ou estimada en cada un dos elementos da mostra recollida tanto no escenario do proxecto como do escenario base ou escenario de referencia.

d) Deseño estimacional, entendendo este como os estimadores estatísticos que se van empregar para a realización da inferencia, sendo en todo caso a variable obxectivo a diferenza de carbono entre o escenario do proxecto e o escenario base ou escenario de referencia.

2. Co fin de reducir os custos inherentes ao proxecto de carbono, o Inventario forestal continuo de Galicia poderá establecer o escenario de referencia ou escenario base sobre o que establecer a adicionalidade das metodoloxías desenvolvidas que así o permitan.

Artigo 37. Forma de presentación da comunicación da monitoraxe

1. A comunicación da monitoraxe presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado que se habilitará na sede electrónica da Xunta de Galicia a través de orde da consellería con competencias en materia de cambio climático.

2. Xunto coa comunicación da transacción, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) Informe/s de monitoraxe.

b) Certificado de cumprimento da verificación ex post do proxecto, emitido por un organismo de certificación.

Artigo 38. Responsabilidade do cumprimento do Plan de monitoraxe

A persoa operadora do proxecto de carbono é a responsable do desenvolvemento correcto e do cumprimento do Plan de monitoraxe nos termos previstos na metodoloxía de aplicación.

Artigo 39. Consecuencias das constatacións derivadas da monitoraxe

En vista da dita comunicación de monitoraxe, logo da súa análise, notificaránselle á persoa operadora aqueles créditos de carbono coa condición de verificados de que dispón, para os efectos previstos neste decreto.

Sección 4ª. Reversión do carbono capturado e cancelación do proxecto inscrito

Artigo 40. Desconto dos créditos

1. Sempre que se verifique nun proxecto unha reversión de emisións secuestradas non prevista na metodoloxía asociada á respectiva tipoloxía de proxecto, descontaranse os créditos xerados polo proxecto na proporción da reversión ocorrida.

2. Cando a reversión sexa intencional, a persoa operadora do proxecto ou grupo delas, no prazo máximo dun ano, será a responsable de repor o número de créditos de carbono equivalente ao volume de emisións revertidas, e debe provisionarse de novos créditos mediante a súa compra ou realizar unha derrama desde outros proxectos de absorción de carbono que tiver rexistrados no sistema.

3. Cando a reversión de emisións secuestradas se verifique que non é intencional, a persoa operadora deberá:

a) No caso de que dispoña no proxecto de créditos xerados e non transaccionados, cancelalos pola cantidade determinada na reversión.

b) No caso de que non dispoña no proxecto de suficientes créditos xerados e non transaccionados, acudir á bolsa de garantía.

4. Para a salvagarda das situacións en que ocorra unha reversión non intencional das emisións secuestradas durante o período de duración do proxecto, constituírase unha bolsa de garantía co 10 % dos CCE xerados polos proxectos de secuestro de carbono.

5. Os créditos dispostos na bolsa de garantía servirán como bolsa comunitaria, co fin de cubrir reversións non intencionais de calquera proxecto rexistrado no sistema e, por tanto, estes créditos non poderán ser obxecto de transacción e non serán obxecto de devolución ao remate do proxecto.

Artigo 41. Cancelación do proxecto de carbono inscrito no sistema

1. Serán causas de cancelación e baixa rexistral do proxecto de carbono as seguintes:

a) A non comunicación dos créditos transaccionados.

b) A non comunicación no tempo e na forma da monitoraxe do proxecto nos termos descritos pola metodoloxía de aplicación.

c) A non reposición, transcorrido o prazo máximo dun ano, daquelas reversións de carácter intencional realizadas pola persoa operadora do proxecto.

d) Calquera actuación de responsabilidade da persoa operadora ou grupo delas que teña como resultado un acaparamento indebido de créditos de carbono por parte das persoas intermediarias nos termos establecidos no artigo 4.4.

e) A non aplicación do Plan de xestión de riscos do proxecto.

2. A resolución de cancelación ditaraa o centro directivo competente en materia de cambio climático e procederase logo de audiencia á persoa operadora ou grupo delas por un período non inferior a dez (10) días hábiles, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As resolucións notificaránselles ás persoas interesadas nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos.

4. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de cambio climático, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 42. Inhabilitación para actuar como persoa intermediaria

1. Será causa de inhabilitación para actuar como persoa intermediaria o acaparamento indebido de créditos de carbono nos termos establecidos no artigo 4.4. ou calquera incumprimento das normas establecidas neste decreto.

2. A resolución de inhabilitación ditaraa o centro directivo competente en materia de cambio climático e procederase logo de audiencia á persoa intermediaria por un período non inferior a dez (10) días hábiles.

3. As resolucións notificaránselles ás persoas interesadas nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos.

4. Contra as resolucións ditadas poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo ante a persoa titular da consellería competente en materia de cambio climático, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. O período de inhabilitación durante o cal a persoa intermediaria non poderá realizar ningunha transacción será de cinco (5) anos.

CAPÍTULO VII

Medidas de fomento

Artigo 43. Fomento dos proxectos de carbono

1. Nas bases reguladoras e convocatorias de axudas e subvencións que realice a Administración autonómica para o desenvolvemento de proxectos ou actividades que sexan susceptibles de absorber carbono ou eliminar a emisión de gases de efecto invernadoiro, poderán establecerse criterios que teñan en conta os créditos de carbono xerados mediante as ditas actuacións e recoñecidos no marco do sistema voluntario de créditos de carbono, así como a propia participación dos axentes no dito sistema.

2. A Xunta de Galicia poderá establecer mecanismos de fomento para incentivar a elaboración e inscrición de proxectos de carbono no sistema regulado no presente decreto, en particular, poderán recibir un tratamento especial aqueles créditos de carbono asociados a proxectos e actividades que comporten beneficios adicionais a nivel ambiental e social no ámbito da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional primeira. Coordinación e xestión dos elementos do sistema

1. A coordinación e xestión dos elementos previstos neste decreto desenvolverase a través do órgano que se determine na estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, baixo a dependencia do centro directivo con competencias en materia de cambio climático.

2. Este órgano constituirá a oficina ou o punto de contacto centralizado e singular da Xunta de Galicia para o asesoramento e a información do mercado de créditos de carbono e encargarase da xestión dos procedementos previstos neste decreto coas demais consellerías que poidan ter competencias e ás que, por razóns de especialidade, se lles requira a súa participación.

3. O órgano estará dotado dos medios materiais e do persoal técnico necesario para o desenvolvemento das anteditas funcións.

Disposición adicional segunda. Entrada en operación da Plataforma de créditos de carbono de Galicia

A Plataforma de créditos de carbono de Galicia estará dispoñible para o sistema no prazo máximo de nove (9) meses contados desde o día seguinte á entrada en vigor do decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de cambio climático para ditar cantos actos sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de setembro de dos mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Relación de tipoloxías de actividade das metodoloxías de carbono

Entre outras, poderán ser obxecto de desenvolvemento en materia de metodoloxías de carbono as seguintes:

A) Agricultura, sector forestal e cambio de uso de solo (AFOLU):

– Forestacións ou primeiras repoboacións.

– Restauración forestal de áreas degradadas por perturbacións.

– Xestión/restauración/rehumedecemento de turbeiras.

– Xestión forestal sustentable.

– Sistemas agroforestais.

– Agricultura rexenerativa.

– Entrecollas: conversión de montes baixos en montes altos.

– Melloras na xestión do gando.

– Xestión para a non conversión de pasteiros e matogueiras.

– Aproveitamento da biomasa forestal residual procedente da silvicultura.

B) Transición e/ou eficiencia na industria enerxética:

– Biomasa.

– Solar.

– Xeotermia.

– Biocarbón.

– Aerotermia.

– Biogás.

– Metanol verde.

– Hidróxeno verde.

C) Construción/edificación:

– Elementos de madeira na construción.

– Elementos carbonatados na construción.

D) Redución de emisións por deforestación e degradación:

– Prevención contra incendios forestais.

– Restauración hidrolóxica forestal de bacías e control da erosión.

– Xestión integrada de pragas e doenzas.

E) Outros:

– Arborización de áreas urbanas.

– Xestión de residuos. Recuperación e reciclaxe.

– Xestión eficiente da auga.

– Captura de carbono directa do aire (DAC, polas súas siglas en inglés).

– Bioenerxía con captura e almacenamento de carbono (BECCS).

– Biomasa e sedimentos aéreos e subterráneos de ambientes costeiros e mariños.

– Acuicultura para biofixación de carbón.

– Alteración incentivada de rochas pulverizadas (Enhanced rock weathering).