De acordo co Protocolo de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,
RESOLVO:
Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Primeira. Requisitos do persoal participante
Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as veterinarios/as da Consellería do Medio Rural e os veterinarios/as colexiados/as no exercicio libre da profesión. Todas as persoas solicitantes deben estar en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e reunir os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>
Terceira. Solicitudes e prazos
1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 6 de novembro de 2025.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.
6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), de acordo cos criterios de selección, deben cubrir na súa área de matrícula todos os campos, marcando no recadro de verificación que están nalgunha destas situacións específicas, e remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.
7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53, 981 54 62 73, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).
Cuarta. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@ xunta.gal>
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Quinta. Criterios de selección
1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas, 25 prazas serán para veterinarios/as da Consellería do Medio Rural e outras 25 para veterinarios/as colexiados/as no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo. No caso de quedaren prazas vacantes admitiranse veterinarios/as colexiados/as nas outras provincias galegas. No suposto de que non se cubran as prazas no grupo dos veterinarios da Consellería do Medio Rural esas prazas pasarían ao grupo de veterinario/as colexiados/as no exercicio libre da profesión.
Todo isto sen prexuízo da aplicación dos criterios de reserva de prazas para persoas con discapacidade, así como das medidas de promoción da igualdade e da conciliación establecidas na normativa autonómica vixente.
2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.
Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado
A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento das actividades
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. A renuncia.
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
Para formalizar a renuncia poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>
O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas, en reserva e excluídas e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. Seguimento das actividades presenciais:
a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.
c) As faltas de asistencia:
1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contado a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Oitava. Superación da actividade formativa
Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá cumprir coa porcentaxe de asistencia indicada no punto 3.1, alínea c), e superar a proba de avaliación que se realizará ao final delas.
Novena. Certificados
Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.
Décima. Facultades da EGAP e do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo
1. A EGAP e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.
2. No suposto de que o número de admitidos/as a algunha actividade sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
3. A EGAP e o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
ANEXO II
Código: CV25104.
Visitas zoosanitarias nas explotacións de gando vacún e avaliación do cumprimento dos requisitos sanitarios establecidos no anexo III do Real decreto 346/2025.
Área de formación: Consellería do Medio Rural.
1. Obxectivos.
O obxectivo deste curso e dar a formación adecuada, tanto aos/ás veterinarios/as da Consellería do Medio Rural coma aos veterinarios de campo que van realizar o traballo nas visitas zoosanitarias das granxas de vacún. Por mor do cambio lexislativo que implicou a derrogación do real decreto que recollía a obriga do veterinario de explotación e a entrada do novo Real decreto 346/2025, que implica modificacións con respecto ao derrogado en canto ás actuacións dos/das veterinarios/as nas explotacións de vacún, vemos a necesidade de realizar este novo curso para a adecuada formación destes profesionais.
2. Destinatarios/as.
Veterinarios/as da Consellería do Medio Rural e veterinarios/as colexiados/as no exercicio libre da profesión.
3. Desenvolvemento.
Modalidade: presencial.
Duración: 11 horas.
Prazas: 50.
Edicións: unha.
Datas: 17 e 18 de novembro de 2025, das 16.30 ás 20.00 horas e 19 de novembro, das 16.30 ás 20.30 horas.
Lugar: salón de actos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.
Rúa Ramón y Cajal, 2, Lugo.
Data do exame: 19 de novembro de 2025 ás 20.00 horas.
Lugar de realización do exame: salón de actos do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.
Rúa Ramón y Cajal, 2, Lugo.
4. Contido.
– Introdución ao Real decreto 346/2025. Visitas zoosanitarias. Veterinario de explotación.
– Medidas de hixiene e bioseguridade.
– Control de parasitos.
– Vixilancia e control das enfermidades de declaración obrigatoria.
– Programa actualizado da ADSG en Galicia.
– Programa de cumprimento e control de hixiene do leite.
– Uso racional de medicamentos veterinarios. Receita veterinaria.
– Plan de benestar animal en vacún.
