DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56365

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se aproba a revisión da composición e dos votos dos departamentos de transporte de viaxeiros e mercadorías que integran o Comité Galego de Transporte por Estrada.

Antecedentes:

O Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas Auxiliares e Complementarias do Transporte, establece as funcións, a estrutura, o funcionamento e a revisión periódica da composición das distintas seccións que conforman este comité.

Tendo en conta que a última revisión da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada se realizou no ano 2020, era necesario convocar de novo as asociacións que actualmente forman parte de cada sección do Comité, así como as que desexasen entrar a formar parte dalgunha destas, co obxecto de que xustificasen a súa representatividade e estivesen correctamente representadas no Comité Galego de Transporte por Estrada.

Co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transporte por Estrada, mediante a Resolución do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade (DOG núm. 70, do 10 de abril), convocáronse as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para acreditaren a súa representatividade. Nesta resolución recóllense os requisitos e os criterios que deben cumprir as entidades interesadas para presentar a documentación e os datos, e obter representación. A información e os datos deben ser válidos na data de finalización do prazo de presentación establecido para acreditar a participación no Comité Galego de Transporte por Estrada.

Logo de rematado o prazo de presentación de solicitudes e realizados os requirimentos pertinentes para a emenda das deficiencias advertidas na documentación presentada, analizáronse os datos recibidos.

Consideracións:

Unha vez efectuado o reconto das autorizacións de transporte público e das actividades auxiliares e complementarias do transporte, e das empresas titulares de tales autorizacións indicadas polas federacións e asociacións presentadas, fixéronse as comprobacións oportunas para a constatación da veracidade dos datos achegados polas ditas federacións e asociacións, tendo en conta, neste senso, os seguintes parámetros:

1) Departamento de Transporte de Viaxeiros:

1.a) Na sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús computáronse as empresas presentadas para esta sección polas federacións e asociacións interesadas en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, con autorización de transporte VD, con razón social en Galicia (ou para as que se presentara RNT de centro de traballo en Galicia) e que contasen con vehículos adscritos a contratos de xestión de servizo público de transporte de viaxeiros da Comunidade Autónoma galega, de acordo cos datos que constan na Oficina de Proxectos de Transporte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Para os efectos de establecer o número de autorizacións, consideráronse os vehículos adscritos a contratos de xestión de servizo público de transporte de viaxeiros da Comunidade Autónoma galega, de acordo cos datos que constan na Oficina de Proxectos de Transporte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), así como o número de traballadores adscritos a centros de traballo en Galicia no caso de empresas domiciliadas fóra de Galicia para as que se presentara a documentación correspondente.

Non se tiveron en conta aquelas empresas presentadas por varias federacións ou asociacións cuxa afiliación non se acreditou correctamente.

Constatouse que todas as entidades interesadas en formar parte desta sección cumpren cos requisitos de implantación e representatividade establecidos no artigo 6 do Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada.

1.b) Na sección de transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús computáronse as empresas presentadas para esta sección polas federacións e asociacións interesadas en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, con autorización de transporte VD, con razón social en Galicia (ou para as que se presentase RNT de centro de traballo en Galicia) e que o número de autorizacións VD fose superior ao número de vehículos adscritos a contratos de xestión de servizo público de transporte de viaxeiros da Comunidade Autónoma galega.

O número de autorizacións é o resultado de restar o número de vehículos adscritos a contratos de xestión de servizo público de transporte de viaxeiros da Comunidade Autónoma galega ao número total de autorizacións VD de cada empresa computada.

Non se tiveron en conta aquelas empresas presentadas por varias federacións ou asociacións cuxa afiliación non se acreditou correctamente.

Constatouse que a Federación Galega de Servicios de Transportes en Autobús (Fegabús) non cumpre cos requisitos de implantación e representatividade establecidos no artigo 6 do referido Decreto 251/1998.

1.c) Na sección de transporte urbano de viaxeiros en autobús computáronse as empresas xestoras presentadas e os vehículos adscritos para a prestación do servizo de transporte urbano conforme a certificación expedida pola correspondente entidade local.

Constatouse que a entidade interesada en formar parte desta sección cumpre cos requisitos de implantación e representatividade establecidos no artigo 6 do referido Decreto 251/1998.

1.d) Na sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o condutor, computáronse as empresas en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, con autorización VT ou VTC e con razón social en Galicia (ou para as que se presentara RNT de centro de traballo en Galicia), e os vehículos adscritos.

Non se tiveron en conta aquelas empresas presentadas por varias federacións ou asociacións cuxa afiliación non se acreditou correctamente.

Constatouse que a Asociación empresarial de aluguer de vehículos con e sen condutor de Galicia (Galeval) e que a Unión de Taxistas Galegos (Utaga) non cumpren cos requisitos establecidos no artigo 6 do referido Decreto 251/1998.

1.e) Na sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada revisouse o cumprimento dos criterios e requisitos establecidos, e computáronse as empresas de arrendamento de vehículo sen condutor para as cales se presentou a documentación relativa aos locais abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.

Constatouse que a entidade interesada en formar parte desta sección cumpre cos requisitos de implantación e representatividade establecidos no referido artigo 6 do Decreto 251/1998.

1.f) Na sección de estacións de transportes revisouse o cumprimento dos criterios e requisitos establecidos, e computáronse as empresas concesionarias de estacións de transporte da Comunidade Autónoma de Galicia presentadas, unha vez validada a información presentada.

Constatouse que a entidade interesada en formar parte desta sección cumpre cos requisitos de implantación e representatividade establecidos no referido artigo 6 do Decreto 251/1998.

2) Departamento de Transporte de Mercadorías:

2.a) Na sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e en vehículos lixeiros, computáronse as empresas presentadas para esta sección polas federacións e asociacións interesadas en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, con autorización de transporte MDL/MDP e con razón social en Galicia (ou para as que se presentara RNT de centro de traballo en Galicia).

Non se tiveron en conta aquelas empresas presentadas por varias federacións ou asociacións cuxa afiliación non se acreditou correctamente.

Constatouse que todas as entidades interesadas en formar parte desta sección cumpren cos requisitos establecidos no artigo 7 do Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada.

2.b) Na sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada de mercadorías contabilizáronse as empresas presentadas en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, con autorización OT e con razón social en Galicia (ou para as que se presentara RNT de centro de traballo en Galicia).

Unha vez efectuado o reconto das autorizacións das actividades auxiliares e complementarias do transporte, así como das empresas titulares de tales autorizacións, constatouse que a Federación Empresarial de Transportes de Mercancías por Carretera de Galicia (Fetram) non cumpre os requisitos establecidos para a súa inclusión no Comité, de acordo co artigo 7 do referido Decreto 251/1998.

Vista a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, o Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación dos transportes terrestres, e o Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar a revisión da composición e dos votos das asociacións e federacións integrantes dos departamentos de transporte de viaxeiros e de mercadorías do Comité Galego de Transporte por Estrada, de acordo co anexo I desta resolución.

Contra a presente resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe recurso de alzada perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, nun prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

ANEXO I

1. Departamento de Transporte de Viaxeiros:

1.a) Sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús (24 votos):

Entidade

Atribución votos

Fegabús

3

Fegatravi

6

Transgacar

15

1.b) Sección de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús (24 votos):

Entidade

Atribución votos

Fegatravi

8

Galibús

4

Transgacar

12

1.c) Sección de transporte urbano de viaxeiros en autobús (4 votos):

Entidade

Atribución votos

Aetcuvg

4

1.d) Sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas, incluído o condutor (10 votos):

Entidade

Atribución votos

Fegataxi

10

1.e) Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada (4 votos):

Entidade

Atribución votos

Galeval

4

1.f) Sección de estacións de transporte (4 votos):

Entidade

Atribución votos

Aceag

4

2. Departamento de Transporte de Mercadorías:

2.a) Sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros (45 votos):

Entidade

Atribución votos

Fegatramer

20

Federación Apetamcor

16

Fetram

6

Feugatrans

3

2.b) Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada de mercadorías (25 votos):

Entidade

Atribución votos

Fegatramer

13

Federación Apetamcor

8

Feugatrans

4