I
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme o artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).
A LPCG no seu artigo 8.2 establece que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».
O artigo 10.1.a) da LPCG define monumento como: «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».
Segundo o artigo 83.1 da LPCG «[...] integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia».
II
A documentación e os informes técnicos que se encontran no expediente administrativo do Servizo de Inventario conclúen que o conxunto de pinturas murais realizadas por Urbano Lugrís no antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos, sito na cidade da Coruña, posúe un valor cultural sobranceiro, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que xustifica a súa declaración como ben de interese cultural pola alta calidade artística das obras, que, ademais, foron realizadas por unha das personalidades máis destacadas da arte galega.
Este conxunto de murais ten dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís González un carácter excepcional, pois estamos ante unha composición na cal a pintura e a arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística: panos de parede, arcos, linteis, integración de elementos decorativos como os espellos e as vieiras coa torre de Hércules.
As composicións e os deseños dos diferentes motivos e escenas sitúanse nas paredes do inmoble procurando diferentes efectos e impactos na persoa espectadora. Así, as escenas principais, a Mariña con torre de Hércules e a Vista da Coruña 1684-1788, ambas as dúas relacionadas coa cidade da Coruña, instálanse na entrada do local no comedor, co fin de crear un importante impacto visual. Deste xeito, a obra artística esta concibida para a convivencia dos usos sociais coa arte, por tanto, moito máis aló da peza artística como obra de adorno doméstico ou puro obxecto artístico, per se, para o gozo de coleccionistas ou museos.
O resto dos elementos decorativos, coma os ollos de boi, crean a sensación dunha viaxe submarina, procurando en todo o conxunto ese modelo temático e iconográfico entre o real e onírico, que é propio da obra de Lugrís.
Tendo en conta a calidade e o contexto artístico, este conxunto de doce (12) pinturas murais, integradas nun espazo arquitectónico, merece formar parte do patrimonio cultural máis senlleiro de Galicia e gozar do maior grao de protección para garantir a súa conservación e a súa proxección cara ás futuras xeracións.
III
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia, número 46, do 5 de marzo, a Resolución do 1 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o conxunto de pinturas murais do antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos, sito na cidade da Coruña.
O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Neste sentido solicitouse un informe ao Consello da Cultura Galega, á Real Academia de Belas Artes do Rosario e á facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Logo de realizado este trámite, constan no expediente administrativo tres informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro do ben precisos para proceder á declaración de ben de interese cultural do conxunto de pinturas murais do antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos, sito na cidade da Coruña.
No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo presentáronse dúas alegacións, que, nos seus termos globais e despois do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, non foron consideradas, xa que a determinación do obxecto da declaración de ben de interese cultural se considera plenamente xustificado no expediente administrativo.
Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Primeiro. Declaración de ben de interese cultural
Declarar ben de interese cultural o conxunto de pinturas murais do antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos, sitos na rúa Olmos números 25 e 27, da cidade da Coruña, conforme o descrito no anexo I deste decreto.
Segundo. Anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia
Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.
Terceiro. Publicación
Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Notificación
Notificarlles este decreto ás persoas e ás asociacións interesadas e ao Concello da Coruña.
Quinto. Recurso
Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira. Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Celanova (Ourense), vinte de outubro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación.
Conxunto de pinturas murais do antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos
2. Localización.
Enderezo: rúa Olmos, números 25 e 27, CP 15003, concello da Coruña.
Referencias catastrais: edificio da rúa Olmos número 25. 8522403NJ4082S0001RY e edifico da rúa Olmos número 27. 8522402NJ4082S0001KY.
Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29) do inmoble: X: 548426, Y: 4802003.
Os murais están situados na zona de acceso do antigo restaurante Fornos, formado por dous edificios unidos por outras tantas portas interiores, rematadas en arcos policromados cada unha delas. O primeiro deles, preto da rúa, unía os dous portais e daba acceso desde a entrada polo número 25; o outro, situado na metade do local, une as dúas estancias principais do que foi o restaurante, e dá acceso ao principal mural de todo o conxunto, desde o número 27 da rúa Olmos, única entrada actualmente.
O antigo restaurante Fornos figuraba nunha guía de finais do século XIX como o único restaurante á carta da Coruña. Hoxe é un edificio abandonado no centro histórico da cidade, que atesoura un conxunto de pinturas dun enorme valor artístico. Posteriormente, o local sufriu dúas remodelacións, unha en 1995 e outra en 2015, e pasou a chamarse, primeiro, A Bottega e, finalmente, restaurante Brasa e Viño, e como tal pechou definitivamente durante a pandemia da Covid-19.
O edificio do antigo restaurante Fornos, do cal o pintor dos seus murais, Lugrís, era cliente habitual, atópase formando parte do que podiamos chamar a «milla de ouro lugrisiana», lugar onde vivía e onde pintou varios murais distribuídos por bares, cafetarías e establecementos de diversa natureza.
3. Descrición xeral.
• Natureza: inmoble.
• Categoría: monumento.
• Interese cultural: histórico, artístico e etnolóxico.
4. Descrición do ben.
4.1. O pintor.
O pintor dos murais de restaurante Fornos, Urbano Lugrís González, naceu na Coruña en 1908, nun ambiente familiar pequenoburgués, culto e galeguista, e aínda que xa desde neno demostrou unha grande habilidade e capacidade creativa no debuxo, non recibiu unha formación artística. Resulta imposible clasificar a pintura de Lugrís nunha corrente artística, debido a que é produto dunha traxectoria completamente autodidacta e única, que construíu a partir de experiencias de moi distinta natureza, mesmo alleas á arte, dun gran potencial imaxinativo e creativo, e ata lúdico, do neno que levaba dentro.
O dominio prodixioso do debuxo e a sensibilidade cromática excepcional caracterizan a Lugrís e convérteo nun unicum. Con el nace, resplandece e morre o «lugrisianismo».
4.2. A técnica pictórica.
A técnica pictórica do artista é de muralista autodidacta, sen unha técnica estudada en profundidade, nunha cidade sen tradición pictórica, pois Lugrís non emprega a técnica ao fresco habitual na pintura mural, senón que emprega unha técnica pictórica ao seco, cunha preparación previa do soporte a base de dúas capas de morteiro, unha imprimación e unha capa de pintura preparatoria. Sobre a preparación aplicou a capa pictórica con pintura ao óleo mediante brochas e pinceis, con superposición de capas de cor densas e cubrintes.
A paleta está composta de tonalidades terrosas, azuis, vermellos, verdes, sombras e siena. Con cores brillantes, con moita forza, escurecidas pola acumulación de sucidade.
Nestes murais a secco prepárase todo o muro cun morteiro de cal e area e aplícase en toda a superficie do muro. Unha vez seco, aplícase a pintura «ao aceite» nas capas que sexan necesarias.
No mesmo conxunto podemos diferenciar dúas técnicas dentro do conxunto, que demostran a adaptación do pintor ao orzamento e ás condicións concretas:
Nos murais da zona de entrada principal (mural nº 1, nº 4, nº 5, nº 6 e nº 7) pinta directamente sobre o soporte tradicional de xeso xa existente.
Nos arcos da zona abovedada (mural nº 9 e nº 10) aplica unha preparación con morteiro de cal e area sobre o soporte de madeira.
O resultado é espectacular, converténdose na «Capela Sixtina» dos murais de Lugrís, de extraordinaria riqueza cromática e luminosidade. Esta técnica permite aplicar a película pictórica en varias capas e permite, así mesmo, realizar detalles minuciosos, aínda sendo unha obra de gran formato que tanto caracterizan o autor.
4.3. Os murais.
Os murais do restaurante Fornos están conformados por un conxunto de doce (12) pinturas murais que compoñen un estudado e ben articulado proxecto decorativo onde pintura, estruturas arquitectónicas e elementos decorativos se integran formando unha obra de arte única e espacialmente unitaria.
Desde a entrada accédese directamente ao comedor principal onde se atopan a gran Mariña con torre de Hércules (pintura 1) e catro tondos con fondos mariños (pinturas 2 , 3, 4 e 5). Neste espazo as pinturas articúlanse con catro espellos enmarcados con voluminosas molduras de escaiola, inspiradas no estilo barroco.
No mesmo espazo ábrense dous arcos, que dan acceso a espazos contiguos (pinturas 6, 7 e 8) e un motivo pintado sobre o lintel do van de acceso á cociña (pintura 8).
Un dos arcos (pintura 9) dá paso ao comedor interior cunha das súas paredes ocupada integramente por un gran arcosolio decorado, que enmarca unha impoñente vista da Coruña (10). Completa a decoración deste espazo, na parede ao lado esquerdo, unha pintura independente do conxunto, con perfís recortados sobre a parede, onde se representa unha esfera celeste, unha copa, uns anteollos e dúas bandeiras cun fondo mariño (pintura 11).
Catro vieiras de escaiola cun relevo no centro da torre de Hércules, realizadas todas co mesmo molde e pintadas imitando a cor da madeira, completan a decoración da contorna dos dous arcos transitables e do arco solio.
No comedor da primeira planta consérvase unha pintura mural de pequenas dimensións con marco de madeira (pintura 12), na cal se representa unha embarcación semellante a unha nao.
• Mariña con torre de Hércules (mural nº 1).
Desde a porta de entrada ao local accédese directamente ao comedor principal e na parede da dereita atópase o mural da Mariña con torre de Hércules. Nun dos seus extremos queda integrado un espello cunha gran moldura de inspiración barroca.
Estamos ante unha interpretación realista que se encamiña cara a unha nova etapa máis sintética na pintura de Lugrís, na que abandona a acumulación de elementos para deixar espazo á evocación, á melancolía e á soidade.
Este gran mural concibiuse para integrarse nun conxunto decorativo preexistente no cal empregou o recurso arriscado de incorporar na composición pictórica un elemento real e tridimensional: o espello coa moldura barroca. Este elemento real atopa o seu contrapunto nun elemento irreal pintado no extremo contrario: un pano recollido que descobre a pintura e sitúa a persoa espectadora fronte a un escenario. Estes dous recursos, perfectamente resoltos, remítennos á artificialidade das escenografías teatrais e ao efecto enganoso dos trampantollos barrocos.
As tonalidades ocres, que se poden apreciar na actualidade como dominantes, son produto da deterioración provocada pola exposición á luz natural, ao fume das cociñas e do tabaco propios do ambiente dun establecemento hostaleiro, así como á humidade do ambiente actual.
Sinatura: Lugrís.
Dimensións: alto: 173 cm. Ancho 462 cm.
• Catro tondos con fondos submarinos (pinturas: 2, 3, 4 e 5).
Forman un conxunto de catro tondos de forma circular, que decoran o comedor principal, integrados nun proxecto decorativo co mural de Mariña con torre de Hércules e os cinco espellos barroquizantes da estancia principal. Os ditos tondos simulan «ollos de boi» dun barco e representan fondos submarinos. Repartidos dous no muro dereito e dous no muro esquerdo, á mesma altura, pero en distinta profundidade na sala (non enfrontados), a pesar de formar un conxunto.
Os catro tondos están asinados coa súa habitual áncora, nalgúns con dúas áncoras e as siglas que van entre comiñas: «KROMO», palabra en que latín e grego antigo significa COR.
Diámetro: entre 1 m e 98 cm.
Na parede da dereita:
Cabaliño de mar e algas (pintura núm. 2).
Peixe grande e algas (pintura núm. 3).
Na parede da esquerda, detrás da barra e á beira dos aseos:
Peixe grande e medusa (pintura núm. 4).
Medusa (pintura núm. 5).
Golfiño (pintura núm. 6) parcialmente oculto coa modificación do espazo para a incorporación dos baños.
Arcos (2 unidades similares).
Arco policromado coa lenda: «QUE BEN CHE PRESTE» (pintura núm. 7). Localizado a entrada, no muro da esquerda, tras da porta dun baño de nova construción, cuxo tabique de pladur tapou parte da filacteria que enmarca o arco en ambas as caras e deixa practicamente oculta unha figura de balea ou golfiño.
O intradós decórase todo ao longo cunha filacteria, un medallón central e a lenda: «QUE BEN CHE PRESTE», rematada en cada extremo do arranque do arco cunha gran vieira. Nas caras exteriores do arco as filacterias decóranse con motivos mariños e obxectos de antigüidades náuticas.
Dimensións: distancia entre os arranques do arco: 199 cm. Ancho do intradós: 81 cm.
Arco co intradós decorado cun medallón central e unha ampla filacteria que o percorre todo ao longo coa lenda: «FUNDOSE ESTA CASA O ANO DE 1870» (pintura núm. 8). Localizado no mesmo muro da esquerda, alén da barra do bar, desde o que se accede ao comedor interior onde se atopa a obra mestra deste conxunto.
Os extradoses decóranse tamén con filacterias nas cales se representan motivos mariños e antigüidades náuticas. Nun extremo da filacteria que decora a cara exterior do arco, do lado do comedor interior, podemos ver a lenda: «FORNOS/A CORUÑA», inserida dentro dun dos motivos que representa un salvavidas.
Dimensións: distancia entre os arranques do arco: 198 cm. Ancho do intradós 81 cm.
Decoración no lintel do van de acceso á cociña (pintura núm. 9).
Motivo decorativo con perfís recortados sobre o fondo da parede, que representa as ondas do mar e nun extremo un navío. Dúas baleas flanquean un oco central, que podería reservarse para colocar un letreiro. É un debuxo moi estilizado, que segue o estilo das ilustracións dos inicios da imprenta e das pinturas tardo medievais.
Sen sinatura.
Vista Histórica da Coruña 1684-1788 (pintura núm. 10).
No comedor preséntase un conxunto mural composto no seu plano vertical principal por unha vista panorámica, que cobre o fondo do arcosolio e se estende sen solución de continuidade polo intradós para rematar no exterior do arco cunha filacteria cos versos de Alberte García Ferreiro: «SE ME DERAN A ESCOLLER EU NON SEI QUE ESCOLLERIA SE ENTRAR NA CORUÑA DE NOITE OU ENTRAR NON CEO DE DIA».
No mural principal represéntase unha panorámica da cidade da Coruña, que data entre 1684 e 1788 co castelo de San Antón, a cidade amurallada e, por suposto, a torre de Hércules co remate que presentaba nesa época.
Destaca o exquisito dominio do debuxo, elegante, preciso e con moitos detalles, e a gama cromática rica e moi luminosa, así como o desexo de recrear o estilo pictórico tardo medieval e catrocentista do norte de Europa desde unha perspectiva contemporánea. O efecto resultante é unha obra completamente novidosa e de extraordinaria delicadeza, na que o dominio da técnica, a creatividade e a finalidade decorativa se conxugan á perfección.
O ceo estrelado, con grandes nubes, que teñen a consistencia do algodón, unha Lúa e un Sol animados con expresións retranqueiras, e o mar «habitado» por figuras fantásticas e naves, asumen un maior protagonismo que a propia vista da cidade.
Dimensións: alto 134 cm. Ancho 523 cm.
Rosa dos ventos coa coñecida lenda, que apareceu nunha taberna da antiga Pompeia: «HIC HABITAT FELICITAS», situada no centro do intradós do arco solio. Polos extremos da parte baixa do intradós do arco esténdese sen solución de continuidade a panorámica celeste e marítima. Nun recadro situado no extremo inferior dereito, á beira dunha sirena, no arranque do arco e incorporado á composición mural, a lenda: «URBANO LUGRIS. PINTOR DA CORUÑA FINÓ AQUESTA OBRA NO DIA VINTE E CATRO DE FEBREIRO DE MCMLI. LAUS DEO LAU».
Na zona inferior, a ambos os dous lados do arco, no encontro coa cara frontal do conxunto pictórico, o artista consegue o efecto óptico dunha liña do horizonte continua paralela á persoa espectadora, distorsionado actualmente polo estado de conservación, que non permite unha lectura correcta da imaxe.
Dimensións: distancia entre os arranques do arco 523 cm. Alto: 134 cm. Ancho do intradós: 40 cm.
Esfera celeste, anteollos e copa (pintura núm. 11).
No mesmo espazo do comedor interior, no pano da parede lateral dereito, pinta unha especie de natureza morta con perfís recortados e un fondo mariño, que crean a ilusión de estar ante unha colaxe: unha esfera celeste, uns anteollos e unha copa coas bandeiras de España e da antiga Comandancia de Mariña da Coruña. Ao fondo, sobre as ondas do mar, un barco e unha montaña coas formas estilizadas, que nos remiten á iconografía dos mapas ou ás ilustracións e ás pinturas tardo medievais.
Dimensións aproximadas: alto: 100 cm x ancho: 70 cm.
Nao (pintura núm. 12).
No comedor do primeiro andar, un único mural en formato cadrado representa o mar de xeito moi estilizado seguindo o estilo tardo medieval que vemos nas outras representacións mariñas do conxunto mural. Tamén utiliza o recurso do «recorte» sobre o fondo da parede, aínda que neste caso se trata dun fondo con cor e efecto descolorido.
Atopámonos aquí ante outro exemplo dos habituais divertimentos lugrisianos, que consiste en poñernos ante imaxes equívocas e desconcertantes do que parece e non é. Neste caso máis que coa evocación dunha colaxe, xoga, por unha banda, coa ilusión de situarnos ante o que parecen ser os restos dunha pintura mural antiga recuperada, como as que podemos ver nas paredes das igrexas e dos palacios, e á vez, ao enmarcala e convertela aparentemente nun cadro, provoca unha sensación dobremente contraditoria.
Sinatura: Lugrís e unha áncora.
Dimensións: 110 x 102 cm.
5. Estado de conservación.
A técnica pictórica empregada por Lugrís adoita presentar a patoloxía de falta de adhesión entre o morteiro de preparación e o soporte portante dos murais, coa inevitable perda de policromía. Como contrapunto a este problema para a conservación dos murais, a película pictórica de aceite de rícino deshidratado é resistente a métodos de limpeza acuosos e achega moi boa resistencia co transcorrer do tempo.
O uso histórico do local destinado a hostalaría condiciona moitas das patoloxías principais que presentan actualmente os murais: os vapores, a graxa e o fume do tabaco producen a aparición dunha capa que escurece a película pictórica, outorgándolle rixidez e favorecendo que sexa quebradiza; aspecto este último visible nos craquelados que levan á formación de escamas.
Por outra banda, ao tratarse dun local de uso público, con acceso directo á rúa de portas abertas e con moita actividade e movemento de entrada e saída constante de xente, favorecéronse os constantes cambios de temperatura e humidade. Actualmente, co peche do local prodúcese a baixada da temperatura interior, concentración de humidade e a falta de ventilación.
Así mesmo, ao estar preto do mar, o vapor de auga e vento traslada sal aos muros e, por tanto, ás pinturas murais.
Nas condicións actuais do inmoble, os axentes que están a agravar e acelerar os procesos de deterioración que se poden considerar de maior gravidade son, a nivel estrutural, en paredes e teito: humidades, filtracións, pingueiras, deformacións dos muros, gretas, risco de incendio, provocado polo estado ruinoso do edificio e que representa un perigo permanente para o local onde se sitúan os murais. As malas condicións nas cales se atopan os espazos do local e a negativa influencia ambiental e física que rodea as obras.
O estado de conservación crítico con alteracións moi graves que poñen en risco a conservación das pinturas Mariña con torre de Hércules e Vista histórica da Coruña 1684-1788.
6. Valoración cultural.
Tendo en conta a calidade e o contexto artístico, este conxunto de doce (12) pinturas murais, integradas nun espazo arquitectónico, merece entrar a formar parte do noso patrimonio cultural máis significativo e gozar do maior grao de protección para garantir a súa conservación e a súa proxección cara ás futuras xeracións.
A alta calidade artística das obras realizadas por unha das personalidades máis destacadas da arte galega, que, a diferenza doutros autores e autoras contemporáneas, pasou a formar parte do imaxinario colectivo. Esta conexión explícase porque logrou coma ninguén crear un vínculo entre experiencia estética e experiencia emocional a través dunha pintura moi atraente, sedutora e inquietante, para chegar a fixar a imaxe dunha Galicia marítima e máxica.
Trátase dunha obra de arte complexa, xa que estamos ante un proxecto decorativo vinculado a un espazo arquitectónico. A diferenza doutros proxectos decorativos do mesmo autor, neste caso estamos ante unha composición na que pintura e arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística: panos de parede, arcos, linteis, integración de elementos decorativos coma os espellos e as vieiras coa torre de Hércules. En especial, cabe destacar a estrutura do arcosolio e o espazo para o que foi concibida a Vista histórica da Coruña.
Este proxecto ten, dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís González, un carácter excepcional. Non conservamos ningún conxunto desta natureza que dea testemuño do nivel que chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.
O conxunto constitúese como o testemuño máis evidente das experiencias persoais e culturais que marcaron a definición dun estilo propio e único. Aquí están todos os seus mundos nos cales podemos rastrexar a xénese do universo lugrisiano autodidacta, anteriores a outras influencias aprendidas: o teatro de monicreques, os seus anos de inmersión nas coleccións da biblioteca Massó, a atracción polo fondo mariño e as panorámicas costeiras galegas.
O edificio localízase nunha contorna urbana no cal o autor foi deixando, máis que en ningún outro, anacos da súa vida nas paredes de distintos edificios moi próximos. Concretamente, nun establecemento hostaleiro emblemático para a cidade da Coruña, fundado no ano 1870 e referenciado nunha guía de finais do século XIX como o único restaurante á carta da cidade.
De feito, o grao de popularidade e recoñecemento que a nivel cidadán alcanzou a obra mural de Lugrís resulta completamente insólita. Precisamente por atoparse en lugares públicos de cidades como Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, en establecementos que forman parte da vida social de varias xeracións de galegas e galegos, chegaron a converterse nun fenómeno cultural que, como tal, desemboca na creación de colectivos e asociacións cidadás como O Mural e In Nave Civitas. A súa obra non só é recoñecida a nivel académico e pola crítica de arte, senón que alcanza un recoñecemento a nivel popular desde o que se reivindica a súa obra mural como parte da nosa cultura urbana, e chégase a cuñar o termo «lugrisiano».
7. Réxime de protección.
O nivel de protección dos bens inmobles declarados bens de interese cultural debe ser conducente a garantir a súa integridade e a salvagarda dos seus valores culturais, mantendo o seu estado orixinal para que o ben perdure e poida transmitirse ás xeracións futuras.
As pinturas murais como elemento singular do patrimonio artístico protexido rexeranse polos ditados do réxime de nivel de protección integral, que implican a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo. Ademais, é de aplicación á obra o réxime de protección e conservación que definen os títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:
Autorización: a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.
Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens declarados de interese cultural están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural. Este deber corresponderalles tamén aos concellos no territorio dos cales se encontren os bens no momento en que teñan constancia de tal estado.
Calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela, e incluirá a identidade da persoa adquirinte, coa finalidade de que a Xunta de Galicia poida exercer o dereito de tenteo, para si ou para outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro.
Proxectos de intervención e habilitación técnica: as intervencións que se realicen sobre bens integrantes do patrimonio artístico declarados ben de interese cultural, autorizadas pola consellería competente, deberán ser dirixidas e, de ser o caso, executadas por persoas coa oportuna capacitación ou habilitación técnica ou profesional, segundo proxectos de intervención.
7.1. Delimitación do contorno de protección.
A característica fundamental da pintura mural é a relación que se establece entre a pintura e o espazo en que se atopa, estreitamente ligada á arquitectura na cal se representa e a forma dos seus espazos.
O conxunto de pinturas murais do antigo restaurante Fornos ou murais do Fornos están localizadas nos edificios situados na rúa Olmos, números 25 e 27, da cidade da Coruña, e preséntanse como un conxunto escenográfico formado por doce (12) pinturas murais de diferente tamaño.
Por tanto, o contorno de protección das ditas pinturas murais tituladas é a propia parede, que soporta cada unha das pinturas e a estancia na que se atopan.
