DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56428

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 16 de outubro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2025 e 2026 (código de procedemento TR301V).

BDNS (Identif.): 864594.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/864594

Primeiro. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación

1. A orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións, por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, financiadas por esta consellería.

Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego, nas accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia ou con fondos provenientes da Unión Europea.

2. Por medio desta orde convócanse as ditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025, día da entrada en vigor desta orde, e o 31 de outubro de 2026 (ambos incluídos).

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto desta convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos para cada tipo de bolsa ou axuda.

2. Para os efectos desta orde, terá a consideración de persoa traballadora desempregada aquela inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada na data de inicio da acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas, adquiran posteriormente a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada durante o período de desenvolvemento da acción formativa.

Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estaría obrigada a comunicarllo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

Terceiro. Tipoloxía de bolsas e axudas

As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas por esta orde son as seguintes:

• Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

– Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.

– Membros integrantes dunha familia numerosa.

– Membros integrantes dunha familia monoparental.

– Vítimas de violencia de xénero.

• Axudas por participar na acción formativa:

– Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.

– Para manutención.

– Para aloxamento e manutención.

– Para conciliación.

Cuarto. Financiamento

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito total de dez millóns sesenta mil euros (10.060.000,00 €), distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias, códigos de proxecto e anualidades que se especifican na seguinte táboa:

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2025

Anualidade 2026

14.03.323A.480.0

2013 00545

49.900,00 €

500.000,00 €

2021 00149

510.100,00 €

9.000.000,00 €

Total

560.000,00 €

9.500.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites.

Sexto. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do anexo I, procedemento TR301V, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sétimo. Data de entrada en vigor da orde

A orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 2025.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración