DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56451

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2025 pola que se convocan cursos de formación continua para os/as responsables das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010, publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2025 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos ás/aos responsables das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2025, cuxas bases e características se especifican no anexo desta resolución:

A Estrada, 27 de outubro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Denominación

Modalidade

Edicións

Horas lectivas

Prazas

Datas

A comunicación coa prensa nos servizos de emerxencias

Presencial

1

8

20

20 de novembro

Xestión operativa e mando (nivel 1)

Presencial

1

24

24

19, 20, 21 de novembro

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal) na epígrafe «Formación de colectivos».

Terceira. Destinatarios/as

Xefes/as, subxefes/as e mandos das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Ter superado o curso básico de protección civil.

b) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

c) Os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

Todo/a solicitante deberá acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos para participar nos cursos convocados na presente convocatoria, mediante un informe emitido pola agrupación ou asociación de voluntarios á cal pertenza. A dita agrupación ou asociación deberá remitir á Academia Galega de Seguridade Pública, dentro do prazo de presentación de solicitudes, un informe en que se indiquen todas as persoas responsables da súa asociación ou agrupación de voluntarios. O mencionado informe será remitido por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

A agrupación/asociación de voluntarios de protección civil á cal pertenza o solicitante deberá estar inscrita regulamentariamente no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

a) Lugar e data: realizarase presencialmente nas instalacións da Agasp nas datas establecidas no calendario do curso, sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos destas se poidan facer fóra das súas instalacións.

b) Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

O alumnado deberá superar unha proba final.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se o número de solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % por riba das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será ata o 10 de novembro de 2025 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1º. De acordo co artigo 155 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas en que as mulleres estean infrarrepresentadas, organizados ou financiados pola Administración xeral ou unha entidade do sector público autonómico de Galicia, reservarase un 50 % das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. As mulleres só accederán a esta quenda reservada unha vez cubertas todas as prazas da quenda non reservada.

2º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

3º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

4º. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos e, se o empate persiste, terán preferencia as persoas que cronoloxicamente solicitasen a realización dos cursos con anterioridade.

5º. No suposto de que, de conformidade coa base décimo segunda, haxa dous o máis cursos susceptibles de poder solapar a súa realización, nas devanditas actividades formativas terán preferencia aquelas persoas que non estean admitidas en ningún outro curso.

6º. Os solicitantes que realizasen anteriormente o curso nos últimos catro anos só poderán ser seleccionados para realizalo no suposto de existiren vacantes. De non existiren vacantes, poderán figurar na lista de reserva despois dos solicitantes que non tivesen o curso.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante. De non comunicar a renuncia, a persoa seleccionada será penalizada coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de doce (12) meses.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Aloxamento

A Agasp proporcionaralles, sempre que sexa posible, aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

Todo isto condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.

Décimo segunda. Coincidencia de datas nos cursos

Non está permitida a realización simultánea de cursos, tanto na modalidade presencial, semipresencial ou de telepresenza, sempre que exixan a presencia física do alumnado ao mesmo tempo nalgún curso en que a persoa solicitante foi seleccionada.

Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria nunha ou varias sesións presenciais con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Décimo terceira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo cuarta. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria, a non realización destas deberá xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A asistencia á formación presencial ou telepresencial, tanto na parte teórica como na parte práctica, é obrigatoria para o alumnado durante toda a carga horaria, que non se poderá ausentar se non é por unha causa de forza maior e xustificada documentalmente.

3. As faltas de asistencia por unha causa de forza maior non poderán superar en ningún caso o 10 % das horas presenciais e/ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa da Agasp, nun prazo máximo de quince (15) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o dito anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

4. O alumnado que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo quinta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e que superasen as partes obrigatorias e a proba final do curso.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas e o lugar da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia; especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data do seu inicio non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.