DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 2025 Páx. 56458

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2025 pola que se amplía tanto o prazo de execución das actuacións como o de xustificación establecidos pola Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).

O Acordo do 14 de decembro de 2022, da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado mediante a Resolución do 19 de decembro de 2022, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento no marco do compoñente 14, investimento 1, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e destina 5.500.000,00 euros a Galicia para o desenvolvemento da actuación de cohesión entre destinos (ACD) aloxamentos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Neste marco, o 16 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).

O artigo 7.5 das bases reguladoras da Resolución do 4 de abril de 2024 sinala que o prazo de execución abranguerá desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 31 de outubro de 2025. O artigo 25.1 indica que as persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 31 de outubro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do investimento subvencionable en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

Á vista das dificultades existentes para que as persoas beneficiarias poidan finalizar as actuacións dentro do prazo previsto na resolución de concesión, debido á complexidade dos proxectos tractores presentados, que teñen un efecto transformador no sector turístico enogastronómico de Galicia e que leva consigo a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento ou restauración, fai que se requira máis tempo do inicialmente previsto, polo que resulta aconsellable ampliar o prazo de execución das actuacións e o de xustificación previstos na Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).

Esta ampliación é conforme co prazo de finalización do investimento 1.2 do compoñente 14, recollido tanto na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (CID) como na addenda a este. Nos devanditos documentos indícase que os proxectos destinados a promover a sustentabilidade dos destinos turísticos no marco deste investimento deberán estar terminados como moi tarde o 30 de xuño de 2026. Así mesmo, a descrición do fito 221 da C14.I1 é a seguinte: Finalización dos proxectos de promoción da sustentabilidade turística en Certificación da execución T2 2026, é dicir, prevese igualmente o segundo trimestre de 2026 como prazo de finalización dos devanditos proxectos.

Dado que, á vista da normativa antes exposta é posible e que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar os artigos 7.5 e 25.1 das bases reguladoras para ampliar o prazo de execución e xustificación ata o 30 de xuño de 2026, o que permitirá unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de execución e xustificación

1. Modificar o artigo 7.5 das bases reguladoras da Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J), que queda redactado da seguinte maneira:

«5. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto. O prazo de execución abranguerá desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 30 de xuño de 2026».

2. Modificar o artigo 25.1 das bases reguladoras da Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J), que queda redactado da seguinte maneira:

«1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 30 de xuño de 2026, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do investimento subvencionable en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificar a totalidade do investimento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 50 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas».

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Terceiro. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia