Mediante a Orde do 16 de maio de 2025, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 109, do 10 de xuño de 2025, establecéronse as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e procedeuse á súa convocatoria para a anualidade 2025.
A citada Orde do 16 de maio de 2025 establece no seu artigo 16.3 que a concesión das subvencións se realizará en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Pola súa parte, o artigo 28.2 da Orde do 16 de maio de 2025 establece que no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.
Unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 16 de maio de 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025, nas aplicacións orzamentarias 14.04.324C.471.0, a que se imputan os conceptos subvencionables establecidos nos números 1, 2, 3, 4 e 5 do artigo 6 das bases reguladoras, así como os incrementos regulados no seu artigo 7.2, e na aplicación orzamentaria 14.04.324C.771.0, a que se imputan os conceptos subvencionables establecidos nos números 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13 e 14 do artigo 6 das bases reguladoras,
DISPOÑO:
Primeiro. Facer público que o crédito orzamentario asignado ao financiamento das axudas recollidas na devandita Orde do 16 de maio de 2025 quedou esgotado na aplicación orzamentaria 14.04.324C.471.0 o 20 de xuño de 2025, coa solicitude presentada ás 4.04.05 horas, e na aplicación orzamentaria 14.04.324C.771.0 o 20 de xuño de 2025, coa solicitude presentada ás 4.04.22 horas.
Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde a mesma data. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
Marta Mariño Regueiro
Directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
