DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 4 de novembro de 2025 Páx. 57154

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de outubro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Portela e D’Arriba, e mais o de Corro do Mouro ou Coto de Maus, no concello de Muíños.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Portela e D’Arriba, pertencente á CMVMC de Xermeade, e mais o MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, pertencente á CMVMC de Corro do Mouro ou Coto de Maus, no concello de Muíños, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 5 de maio de 2025 a CMVMC de Xermeade presentou un escrito (Rexel 2025/1233460) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia das Maus de Salas.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Muíños.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria de deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 14 de maio de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Portela e D’Arriba, pertencente á CMVMC de Xermeade, e mais o MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, pertencente á CMVMC da parroquia das Maus de Salas, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata a o vértice 9 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• No punto inicial da liña conflúe tamén o MVMC Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela o cal non participa da avinza, de xeito que o dito punto ten a consideración, de acordo coa propia acta de deslindamento, de punto auxiliar que permite determinar a dirección da liña no tramo inicial.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de maio de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 6 de outubro de 2025:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Portela e D’Arriba, pertencente á CMVMC de Xermeade, e mais o MVMC Corro do Mouro ou Coto de Maus, pertencente á CMVMC de Corro do Mouro ou Coto de Maus, no concello de Muíños.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de outubro de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense