A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario establece, no seu artigo 6.3, o seguinte «A innovación nas formas de ensinar e aprender debe ser un principio fundamental no desenvolvemento das actividades docentes e formativas universitarias». Así mesmo, o seu artigo 56.4 dispón o seguinte «Adicionalmente, as administracións públicas fomentarán programas competitivos de financiamento para o fortalecemento da capacidade investigadora e a innovación docente».
Pola súa vez, o Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de aseguramento da súa calidade, recolle no artigo 21.2: «...as universidades, no exercicio da súa autonomía de planificación e xestión da docencia e co obxectivo de mellora permanente da calidade do ensino e da aprendizaxe, poderán desenvolver unhas estratexias metodolóxicas de innovación docente específicas e diferenciadas que vehiculicen a globalidade dun título universitario oficial -e, polo tanto, afecten o conxunto de materias que configuran o plan de estudos-. Estas poderán reflectirse no Suplemento Europeo ao Título, e deberán ser recollidas na memoria do plan de estudos do título».
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 53, outorga á Xunta de Galicia a competencia de coordinación das universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), que exercerá a través da consellería competente en materia de universidades. Así mesmo, o artigo 54 do texto legal establece como un dos fins da coordinación universitaria a planificación do SUG, para acadar a mellora da calidade da docencia, a investigación e a xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, así como a coordinación do sistema universitario, en virtude do disposto no Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
En concreto, o seu artigo 12 define a Secretaría Xeral de Universidades como o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería, determinando, entre as súas competencias e funcións, a planificación da oferta de ensino universitario na Comunidade Autónoma de Galicia, en coordinación coas universidades galegas, incidindo na mellora continua do SUG e na súa conexión e adaptación ao contorno, para dar resposta ás necesidades da sociedade actual e promover a xestión eficiente e integradora dos recursos e capacidades de investigación do SUG para a súa posta en valor no marco do Sistema de innovación.
A distinción do Selo de grao de excelencia que promove a Secretaría Xeral de Universidades ten por obxectivo continuar coa senda iniciada no pasado trienio baseada na estratexia do Plan de excelencia académica do SUG que se iniciou coa concesión do Selo de excelencia de máster universitario.
Estas distincións suporán unha mellora progresiva na calidade da oferta académica dos graos do SUG, a dous niveis: nas universidades, como enriquecemento e mellora da calidade da súa oferta pola incorporación de programas disruptivos e novas tendencias para dar resposta mais efectiva ás necesidades da sociedade e do sector produtivo; no estudantado, ao preparalo para liderar o cambio de paradigma da sociedade actual asegurando a súa empregabilidade e o desenvolvemento e crecemento persoal.
Os graos que obteñan este selo recibirán un recoñecemento especial que permitirá diferencialos e posicionalos como titulacións de calidade e prestixio, non só a nivel galego se non tamén a nivel estatal e internacional.
Deste xeito, preténdese:
– Sensibilizar a comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación educativa para adaptarse as transformacións que a nivel de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos exixe a sociedade do coñecemento, para acadar a excelencia.
– Impulsar a innovación no SUG e, en particular, no ensino de graos.
– Aliñar o deseño das titulacións de grao do SUG coas novas tendencias internacionais neste ámbito, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade.
– Facer visibles as iniciativas e apoiar o labor dos que desenvolven propostas de excelencia na formación de grao.
En consecuencia, o seu outorgamento dará resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as nosas universidades e permitirá a estas titulacións contar cunha diferenciación e identificación coa calidade e o prestixio, potenciar a actividade docente e investigadora e incrementar o seu atractivo e capacidade de retención de talento.
Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, establece os criterios e condicións e procede á convocatoria para a concesión do Selo de grao de excelencia a titulacións universitarias de grao, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2024/25.
En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron concedidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer os criterios e condicións e convocar a concesión do Selo de grao de excelencia do Sistema universitario de Galicia a un máximo de dúas titulacións universitarias oficiais de grao impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Artigo 2. Entidades destinatarias
Poderán solicitar o Selo de grao de excelencia as universidades do SUG.
Artigo 3. Requisitos
1. As titulacións para as que se solicite o Selo de grao de excelencia deberán cumprir os seguintes requisitos:
– Ser títulos de grao de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, que conten coa autorización de impartición da comunidade autónoma.
– Que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2020/21 e que continúen impartíndose na actualidade, co mesmo código RUCT polo menos desde o curso 2020/21.
2. Cada universidade poderá presentar, como máximo, dúas propostas correspondentes a outras tantas titulacións de grao oficial.
Artigo 4. Forma e prazo de presentación de propostas
1. As universidades presentarán as propostas de maneira individualizada para cada unha das titulacións.
As propostas, que irán dirixidas á Secretaría Xeral de Universidades, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades presenta a súa proposta de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez formalizada a proposta, deberá asinala o representante legal da universidade solicitante con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido, quedando así presentada a todos os efectos. Non se terán en conta aquelas propostas formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación no prazo e forma establecidos.
2. O prazo de presentación de propostas será de dous meses contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. As universidades deberán achegar con cada proposta a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva da titulación que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3 da presente orde, que deberá ir asinada pola persoa que legalmente represente a universidade correspondente (anexo I).
A memoria terá unha extensión máxima de 50 páxinas, á cal se poderá engadir anexos e/ou enlaces unicamente como achega de evidencias, aclaracións ou exemplificacións da información recollida na memoria.
b) Memoria xustificativa, acompañada da documentación acreditativa dos criterios avaliables determinados no artigo 9 da presente orde, que deberá ir asinada pola persoa responsable da titulación (anexo II).
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria en forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
3. Sempre que a documentación se presente por separado da proposta, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Tramitación
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Instrución do procedemento
A instrución do procedemento de concesión do Selo de grao de excelencia correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.
Rematado o prazo de presentación de propostas, a Secretaría Xeral de Universidades comprobará o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria. No caso de que a documentación presentada non reúna os requisitos da convocatoria, requirirase á entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento. Transcorrido este prazo sen que se achegue a documentación requirida, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Será causa de non admisión da proposta presentada, con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuacións, non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada.
Artigo 8. Comisión Avaliadora: composición e funcións
1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:
– Presidente/a:
A persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.
– Vogais:
Dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.
Un/unha representante da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
– Secretario/a:
O/a xefe/xefa do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario, que actuará con voz e voto.
2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.
3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as propostas, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que, para o efecto, se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.
4. A comisión avaliará cada unha das propostas aplicando os criterios establecidos no artigo 9 outorgándolles a puntuación correspondente.
5. Para a verificación dos criterios e a súa avaliación, a Secretaría Xeral de Universidades poderá requirir a entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para acreditar o seu cumprimento e resultados.
Artigo 9. Criterios de avaliación
1. As propostas que cumpran os requisitos exixidos avaliaranse segundo os seguintes criterios:
a) Estratexia e resultados. Máximo 25 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Taxa de ocupación (0-4 ptos.).
– Enquisas de satisfacción (0-3 ptos.):
1) Do alumnado coa docencia recibida.
2) Dos egresados coa docencia recibida.
– Taxa de graduación (0-6 ptos.).
– Taxa de cambio (0-3 ptos.).
– Taxa de abandono (0-3 ptos.).
– Proposta de plan de mellora estratéxica (0-6 ptos.).
b) Currículo. Máximo 10 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Flexibilidade do currículo (personalización do itinerario formativo e interdisciplinariedade) (0-2 ptos.).
– Colaboración co contorno e o tecido empresarial (0-2 ptos.).
– Contribución ao desenvolvemento rexional (0-3 ptos.).
– Revisións periódicas do currículo (0-1 pto.).
– Calidade (selos nacionais e internacionais e posición en ránkings) (0-2 ptos.).
c) Deseño do proceso de ensino-aprendizaxe. Máximo 10 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Metodoloxía docente (0-3 ptos.).
– Participación en proxectos aprendizaxe-servizo, ou outras propostas de innovación (0-2 ptos.).
– Formación práctica (0-3 ptos.).
– Acompañamento personalizado ao alumnado (programas de titorización/mentorización) (0-2 ptos.).
d) Profesorado. Máximo 10 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Participación do profesorado en cursos oficiais de innovación docente organizados pola propia universidade (0-2 ptos.).
– Grupos de innovación docente (0-3 ptos.).
– Excelencia docente (0-3 ptos.).
– Premios de innovación docente recibidos polo profesorado individual do grao ou proxectos colaborativos (0-2 ptos.).
e) Avaliación. Máximo 10 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Avaliación formativa (0-4 ptos.).
– Avaliación continua (0-4 ptos.).
– Outras estratexias de innovación dos procedementos/instrumentos de avaliación (0-2 ptos.).
f) Inserción laboral. Máximo 20 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Taxa de inserción laboral (0-12 ptos.).
– Relación con organizacións do entorno (0-8 ptos.).
g) Internacionalización. Máximo 10 puntos.
Nesta epígrafe valoraranse os seguintes aspectos:
– Colaboración con universidades estranxeiras (0-2 ptos.).
– PDI estranxeiro no grao (0-2 ptos.).
– Acreditación do nivel de idioma estranxeiro do PDI (0-2 ptos.).
– Mobilidade do estudantado (0-2 ptos.).
– Créditos ofertados en linguas estranxeiras (0-2 ptos.).
h) Exposición da proposta. Máximo 15 puntos.
A Comisión Avaliadora convocará as persoas responsables da coordinación do título, ou persoa en quen delegue, para a realización dunha exposición explicativa da súa proposta, cun tempo máximo de exposición de 20 minutos, que versará sobre os seguintes aspectos:
– Claridade de obxectivos acadados e futuros (0-5 ptos.).
– Compromiso coas estratexias de innovación docente (implicación persoal e institucional) (0-3 ptos.).
– Proposta e planificación de actuacións de mellora continua (0-5 ptos.).
– Identificación de fortalezas e debilidades no momento actual (0-2 ptos.).
2. Para obter o Selo de grao de excelencia requirirase obter unha puntuación igual ou superior aos 90 puntos.
Artigo 10. Proposta de resolución
Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para a concesión do Selo de grao de excelencia mediante a correspondente resolución.
Artigo 11. Resolución
1. A resolución incluirá a listaxe das titulacións de grao que resulten distinguidas coa concesión do Selo de grao de excelencia.
2. O prazo máximo para resolver as propostas presentadas en relación coas accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación de propostas establecido nesta convocatoria. Transcorrido dito prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades participantes poderán entender desestimadas as súas propostas por silencio administrativo.
3. A resolución de concesión do Selo de grao de excelencia publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, https://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 12. Obrigas e dereitos das universidades beneficiarias
1. A presentación dunha proposta implica a aceptación dos termos establecidos na convocatoria.
2. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar o Selo de grao de excelencia ou, de ser o caso, notificar á Secretaría Xeral de Universidades calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.
3. Anualmente, a Secretaría Xeral de Universidades poderá realizar por si mesma, a través do seu persoal, ou por medio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) cantas comprobacións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión do Selo de grao de excelencia, e poderá solicitar para iso canta información sexa necesaria.
4. A Xunta de Galicia e as universidades cuxos títulos obteñan o Selo de grao de excelencia poderán utilizalo nas súas accións de comunicación e publicidade mediante a expresión «Grao en ... con Selo de grao de excelencia do Sistema universitario de Galicia», con indicación expresa dos cursos académicos para os que foi concedida e o logo oficial da Xunta de Galicia.
5. O Selo de grao de excelencia poderá ser valorado para os efectos de obtención de financiamento específico procedente das partidas orzamentarias vinculadas ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026.
Artigo 13. Extinción e renuncia
1. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá deixar sen efecto, mediante resolución motivada, o Selo de grao de excelencia no caso de perda das condicións que motivaron o seu outorgamento ou no suposto de interrupción da súa oferta durante o período de vixencia do selo.
2. A universidade responsable do título poderá renunciar ao dereito ao uso do selo notificándoo á Secretaría Xeral de Universidades.
3. En ambos os casos a universidade responsable do título non poderá facer uso do selo a partir da data de resolución a que se fai referencia no punto 1 ou da comunicación da renuncia.
Artigo 14. Vixencia e renovación
1. O recoñecemento do Selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos á fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.
2. Para a renovación do Selo de grao de excelencia, a universidade responsable do título deberá presentar a proposta correspondente ante a Secretaría Xeral de Universidades cunha antelación mínima de seis meses á finalización da súa vixencia. A proposta de renovación deberá acompañarse dunha memoria de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión. No caso de non solicitar a renovación no prazo indicado, o Selo de grao de excelencia quedará sen efecto transcorrido o seu período de validez.
3. Se, transcorrido o período de validez, a consellería competente en materia de universidades non resolve a proposta de renovación, poderá entenderse decaído o Selo de grao de excelencia.
Disposición derradeira primeira. Remisión normativa
En todo aquilo que non se prevexa nesta convocatoria é de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Disposición derradeira segunda. Impugnación da orde
Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional
ANEXO I
Memoria descritiva
|
DENOMINACIÓN DO TÍTULO |
|
RESPONSABLE DO TÍTULO (coordinador/a) |
|
|
1º apelido |
|
|
2º apelido |
|
|
Nome |
|
|
DNI |
|
|
Categoría profesional |
|
|
Datos de contacto |
Email: |
|
Tlf. |
|
|
Universidade solicitante |
|
|
Nome da universidade |
|
|
CIF |
|
|
Centro responsable do título |
|
|
Representante legal |
|
|
Requisitos para solicitar o selo (art. 3) |
|||||
|
Denominación do grao |
|||||
|
Centro/s onde se imparte o título |
|||||
|
Natureza do centro universitario |
Propio Adscrito |
||||
|
Data publicación DOG |
|||||
|
Código RUCT |
|||||
|
Rama/ambito de coñecemento |
|||||
|
Curso inicio impartición do grao |
|||||
|
Impartición ininterrompida desde o curso 2020/21 |
Si Non |
||||
|
Alumnos matriculados |
2020/21 2021/22 2022/23 2023/24 |
||||
|
Sinatura do representante legal (reitor/a) Lugar e data , de de |
|
Dirixido a: secretario xeral de Universidades |
ANEXO II
Memoria xustificativa
|
Documentación acreditativa dos criterios avaliables do artigo 9 |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
A) Estratexia e resultados (máximo 25 puntos) |
|
|
A-1. Taxa de ocupación (0-4 ptos.) |
Indicador SIIU. Tomarase como referencia para o cálculo os datos do último curso académico. |
|
A-2. Enquisas de satisfacción (0-3 ptos.): |
|
|
a) Do alumnado coa docencia recibida |
Tomaranse os datos das enquisas do alumnado dos 4 últimos cursos académicos. |
|
b) Dos egresados coa docencia recibida |
Estudio de inserción laboral do Informe ACSUG (Volvería cursar a mesma titulación na mesma universidade despois de 5 anos?). |
|
A-3. Taxa de graduación (0-6 ptos.) |
Indicador SIIU: porcentaxe de estudantes dunha cohorte de novo ingreso que finalizan a titulación no tempo teórico previsto no plan de estudos máis un curso ou antes. – Taxa comparativa da posición da taxa en relación coa rama de coñecemento no SUG. |
|
A-4. Taxa cambio (0-3 ptos.) |
Indicador SIIU: porcentaxe de estudantes dunha cohorte de novo ingreso nun estudo, que non se matriculou nese estudo durante dous cursos seguidos, nin se titulou, e matriculáronse nalgún outro título universitario oficial nalgún deses dous cursos. – Taxa individual. – Taxa comparativa da posición da taxa en relación coa rama de coñecemento no SUG. |
|
A-5. Taxa abandono (0-3 ptos.) |
Indicador SIIU: porcentaxe de estudantes dunha cohorte de novo ingreso nun estudo, que sen titularse non se matricularon no devandito estudo durante dous cursos seguidos. – Taxa individual. – Taxa comparativa da posición da taxa en relación coa rama de coñecemento no SUG. |
|
A-6. Proposta de plan de mellora estratéxica (0-6 ptos.) |
Extensión máxima dunha páxina. Recollerá os obxectivos coas súas correspondentes accións de mellora aliñados cos criterios marcados polo Selo de grao de excelencia co obxecto de garantir a mellora continua da titulación no tempo. |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
B) Currículo (máximo 10 puntos) |
|
|
B-1. Flexibilidade do currículo (Personalización do itinerario formativo e interdisciplinariedade) (0-2 ptos.) |
Opcións de organización modular dos contidos nunha ou varias materias Definición de competencias contextualizadas no contorno laboral. Formatos híbridos (en liña, presencial ou mixtos). Incorporación no currículo da intersección de saberes que facilite a comprensión e resolución colaborativa de problemas sociais reais. |
|
B-2. Colaboración co contorno e o tecido empresarial (0-2 ptos.) |
Codeseño e participación activa na docencia, elaboración do plan de estudos e/ou desenvolvemento de proxectos. Identificación colaborativa de competencias. Asesoramento, impartición de seminarios. Bolsas ou colaboración económica... |
|
B-3. Contribución ao desenvolvemento rexional (0-3 ptos.) |
Indicador institucional do ránking CyD do ámbito de coñecemento no que se sitúe a titulación (Resultados por ámbitos ou ránking por ámbitos de coñecemento). |
|
B-4. Revisións periódicas do currículo (0-1 pto.) |
Evidencias das actuacións en relación con procedementos de avaliación, seguimento e/ou revisións periódicas do currículo Actualización e mellora de acordo coa empregabilidade, evolución técnica, obxectivos estratéxicos... |
|
B-5. Calidade (0-2 ptos.) |
Recoñecementos da calidade da titulación (selos de calidade nacionais e internacionais). Posición da titulación en ránkings. |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
C) Deseño do proceso de ensino-aprendizaxe (máximo 10 puntos) |
|
|
C-1. Metodoloxía docente (0-3 ptos.) |
Xustificación de propostas educativas de calidade relevantes. Evidencias da incorporación de metodoloxías activas que melloran a comprensión, motivación e participación do estudantado. Evidencias da incorporación de metodoloxía híbrida e/ou virtual. |
|
C-2. Participación en proxectos aprendizaxe-servizo ou outras propostas de innovación (0-2 ptos.) |
Descrición dos proxectos, obxectivos formativos, actividades de aprendizaxe e xustificación da súa aportación á calidade da formación. Indicar se está no plan de estudos ou é unha actividade complementaria. |
|
C-3. Formación práctica (0-3 ptos.) |
Porcentaxe de ECTS de prácticas externas curriculares do plan de estudos. Porcentaxe de ECTS prácticos no plan de estudos, excluídas as prácticas externas obrigatorias. Porcentaxe de estudantes que realizan prácticas externas curriculares. |
|
C-4. Acompañamento personalizado ao alumnado (programas de titorización/mentorización) (0-2 ptos.) |
Evidencias dos procedementos de acompañamento e asesoramento no proceso de aprendizaxe e orientación profesional. Persoas do equipo docente que o desenvolven. Satisfacción do estudantado. |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
D) Profesorado (máximo 10 puntos) |
|
|
D-1. Participación do profesorado en cursos oficiais de innovación docente organizados pola propia universidade (0-2 ptos.) |
Certificación da porcentaxe de PDI participante respecto do profesorado total do título, nos últimos 5 anos. |
|
D-2. Grupos de innovación docente (0-3 ptos.) |
Descrición das liñas prioritarias coas súas correspondentes accións. Profesorado do grao participante no GID activo (porcentaxe respecto do profesorado total do título). |
|
D-3. Excelencia docente (0-3 ptos.) |
Porcentaxe de profesorado avaliado no programa Docentia do total do título. |
|
D-4. Premios de innovación docente (0-2 ptos.) |
Premios de innovación docente (de ámbito autonómico, nacional ou internacional) acadados polo profesorado do grao a nivel individual ou proxectos colaborativos. |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
E) Avaliación (máximo 10 puntos) |
|
|
E-1. Avaliación formativa (0-4 ptos.) |
Evidencias de actividades de avaliación formativa empregadas (por proxectos, casos, problemas, outras...). Evidencias de avaliación das competencias técnicas e transversais mediante rúbricas, portafolios do estudante, diarios de aprendizaxe ou similares. Porcentaxe de materias que introducen estratexias de avaliación formativa respecto do total do título. |
|
E-2. Avaliación continua (0-4 ptos.) |
Existencia dun sistema alternativo, sen necesidade de proba final, ou compromiso da súa incorporación nalgunhas materias, no curso seguinte ao da obtención do selo. |
|
E-3. Outras estratexias de innovación dos procedementos/instrumentos de avaliación (0-2 ptos.) |
Descrición de ferramentas de avaliación que faciliten a reflexión do alumno/a sobre o propio proceso de aprendizaxe e a súa mellora. |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
F) Inserción laboral (máximo 20 puntos) |
|
|
F-1. Taxa de inserción laboral (0-12 ptos.) |
Último indicador publicado de inserción laboral do Informe ACSUG. Último indicador publicado do estudo de afiliación á Seguridade Social (SIIU). |
|
F-2. Relación con organizacións do entorno (0-8 ptos.) |
Existencia dun comité (Grupo de persoas expertas pertencentes ao ámbito universitario, e ao mercado laboral, industria e/ou organizacións sectoriais) ou compromiso de implantación no curso académico seguinte á obtención do selo (2027/28) Breve descrición da composición, funcións e accións prioritarias Actividades sobre emprego e emprendemento organizadas polo grao. |
|
Criterio |
Descrición e fonte |
|
G) Internacionalización (máximo 10 puntos) |
|
|
G-1. Colaboración con universidades estranxeiras (0-2 ptos.) |
Evidencias da colaboración con universidades estranxeiras na organización curricular, a coordinación docente e a avaliación. |
|
G-2. PDI estranxeiro no grao (0-2 ptos.) |
Profesorado estranxeiro do cadro de persoal da universidade que participa na docencia do grao. |
|
G-3. Acreditación do nivel de idioma estranxeiro do PDI do grao (0-2 ptos.) |
Evidencias do nivel de coñecemento de linguas estranxeiras que permita impartir docencia do grao nelas. |
|
G-4. Mobilidade do estudantado (0-2 ptos.) |
Mobilidade internacional do estudantado: porcentaxe de alumnado, tanto de entrada como de saída, en relación co total matriculado no título. |
|
G-5. Créditos ofertados en linguas estranxeiras (0-2 ptos.) |
Porcentaxe de créditos do grao ofertados en inglés ou outras linguas estranxeiras para favorecer a orientación internacional. |
|
Sinatura do responsable do título (coordinador/a) Lugar e data , de de |
|
Dirixido a: secretario xeral de Universidades |
