O Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Mondoñedo mediante Acordo do 16 de outubro de 2003. Mediante Resolución do 3 de novembro, da Dirección Xeral de Urbanismo (DOG núm. 225, do 19 de novembro) fíxose pública a devandita aprobación.
O 1.6.2004 o Instituto Galego da Vivenda e Solo, o Concello de Mondoñedo e Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. asinaron un convenio polo que Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. asumía a promoción do parque empresarial de Mondoñedo.
O proxecto sectorial sufriu unha modificación puntual aprobada polo Acordo do Consello da Xunta do 29 de outubro de 2009 (DOG núm. 238, do 4 de decembro). Con posterioridade, e mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de xuño de 2018, aprobouse unha segunda modificación do proxecto sectorial (DOG núm. 123, do 28 de xuño).
O Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (en diante, PSOAEG), aprobado o 30.4.2014 (DOG núm. 101. do 28 de maio), recolleu este ámbito como actuación en funcionamento (código da área 27030011).
O parque empresarial de Mondoñedo conta con 70.268,45 m2 de superficie total, e unha superficie neta de parcelas lucrativas de 40.646,41 m2, de acordo coa información recollida no PSOAEG. O parque empresarial non chegou a vender todas as súas parcelas.
Neste contexto, o Concello de Mondoñedo insta a realizar unha terceira modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal co obxectivo de flexibilizar as condicións de volume e altura das edificacións previstas para o uso de solo industrial, co obxecto de acomodar as ordenanzas reguladoras do planeamento urbanístico á demanda existente de solo no ámbito. Conta coa autorización de Suelo Empresarial del Atlántico, S.L.
De acordo co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, as modificacións dos proxectos sectoriais rexeranse polo réxime xurídico anteriormente aplicable.
En consecuencia, a tramitación desta modificación puntual rexeuse polo previsto nos artigos 56 e 57 e na disposición transitoria terceira da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
Así, o 26.6.2024 a Dirección Xeral de Urbanismo emite informe en que se resolve que a modificación proposta é de carácter non substancial. En consecuencia, séguese o procedemento de modificación de instrumentos de ordenación do territorio previsto no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
O 2.8.2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emite informe ambiental estratéxico. Infórmase que non se prevé que a «Modificación puntual núm. 3 do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo» teña efectos adversos significativos sobre o ambiente, e que se deberán atender as condicións que se indican no citado informe.
Mediante Anuncio do 6 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, dáse publicidade no DOG núm. 163, do 26 de agosto, ao informe ambiental estratéxico relativo á modificación puntual número 3 do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo (expediente 2024AAE2892).
O 6.2.2025 a modificación puntual número 3 do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo foi aprobada inicialmente pola Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial e someteuse a información pública polo prazo dun mes mediante Anuncio do 6 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 36, do 21 de febreiro.
Deuse audiencia ao Concello de Mondoñedo mediante escrito do 21.2.2025 e recadáronse os seguintes informes sectoriais:
– Informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.
– Informe do Instituto de Estudos do Territorio.
– Informe de Augas de Galicia.
– Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
– Informe do servizo de Montes.
– Informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.
O 22.9.2025, a directora xeral de Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación provisional da modificación puntual terceira do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo.
En cumprimento do previsto na Lei 1/2021, de 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o 2.10.2025 a conselleira de Economía e Industria aproba provisionalmente a modificación puntual terceira do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo.
Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do seis de outubro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación da modificación puntual número tres do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo
1. Apróbase definitivamente a modificación puntual número tres do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo na provincia de Lugo.
2. Esta modificación puntual afecta a ordenanza reguladora do uso industrial.
3. A normativa modificada incorpórase como anexo a este decreto.
4. O contido íntegro da modificación está dispoñible no seguinte enderezo electrónico: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
5. De conformidade co previsto no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que, mediante o Anuncio do 6 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade (DOG núm. 163, do 26 de agosto), fíxose público o informe ambiental estratéxico relativo á modificación puntual número tres do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo, que se pode consultar, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada, no seguinte enderezo electrónico: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave introducindo o código 2024AAE2892.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto e a modificación puntual terceira do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo entrarán en vigor de conformidade co previsto nos artigos 60 e 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.S. (Decreto 82/2025, do 3 de outubro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
ANEXO
Normativa da modificación puntual número 3 do proxecto sectorial
do parque empresarial de Mondoñedo
Modifícase o documento núm. 6 «Ordenanzas reguladoras» do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo.
Modifícase o punto 3.2 «Condicións das edificacións» (comúns a todas as zonas), que queda redactado como segue:
3. Normas de edificación.
3.2. Condicións da edificación (comúns a todas as zonas).
No caso de edificios independentes dentro dunha parcela, a separación mínima entre eles será de 3 m.
Permítense patios abertos ou pechados. A dimensión mínima destes patios fíxase coa condición de que, en planta, se poida inscribir un círculo de diámetro igual á altura da máis alta das edificacións, se estas teñen locais susceptibles de estancia habitual de persoas; ou a metade do diámetro se os ocos ao patio pertencen a zona de paso, almacéns ou outras que non reúnan as condicións para a estancia habitual de persoas.
Permítense semisotos cando se xustifiquen debidamente, de acordo coas necesidades.
Poderanse dedicar a locais de traballo cando os ocos teñan unha superficie non menor a 1/8 da superficie útil do local.
Permítense sotos cando se xustifique debidamente.
Queda prohibido utilizar os sotos como lugar de traballo.
Permítese que as construcións e elementos accesorios necesarias para o adecuado funcionamento dos almacéns e industrias, tales como depósitos elevados, silos, torres de refrixeración, chemineas... excedan a altura máxima permitida nas edificacións.
Para determinar a superficie de ocupación en planta e a superficie construída terase en conta o exposto no punto 1.2 destas ordenanzas.
– Peches de parcela.
O límite das parcelas nas aliñacións a vías e nas liñas medianeiras, obxecto de recuamentos, materializarase cun cerramento tipo que se fixe para o parque ou, no seu caso, resolverase respectando un deseño adecuado que deberá someterse a aprobación municipal. O peche reflectirase no proxecto construtivo.
Dado que o parque está incluído dentro da delimitación do territorio histórico asociado ao Camiño de Santiago, terase en conta o disposto na «Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago», no que respecta a materiais e cores de cerramentos, así como das especies vexetais para plantar. Así, os materiais non previstos para quedar á vista deberán revestirse con morteiros ou con outros materiais adecuados e pintarse. No que respecta á cor dos materiais de acabado, deben evitaranse as cores puras ou intensas, en especial as ocres amarelas, ocres vermellas, laranxas e granates, e optar máis ben polos tons claros e neutros.
As cores brancas e grises poden ser adecuados.
Os peches das aliñacións a espazos públicos (non a vías), realizaranse cunha banda opaca de 0,60 m de altura máxima e poderase chegar ata 1,80 m con sebes vexetais ou proteccións diáfanas.
No caso dos peches traseiros das parcelas que lindan coa estrada N-634, poderase eliminar a banda opaca e substituíla por un peche diáfano con sebes vexetais, de maneira que se formen pantallas que oculten as edificacións desde determinados puntos de vista ou para romper o seu perfil, de forma que o seu impacto se vexa atenuado.
As sebes vexetais realizaranse con especies autóctonas, preferentemente de especies xa existentes na zona.
En todo caso, deberá manterse a barreira vexetal existente no bordo perimetral sueste do parque, de cara a matizar a visibilidade das construcións desde o Camiño e aumentar, cando sexa posible, a vexetación e masas ou exemplares de arboredo autóctono nas bacías visuais do Camiño de Santiago.
A construción do cerramento común de dúas parcelas correrá a cargo da industria que primeiro se estableza debendo abonarlle a segunda o custo que correspondería á metade do cerramento tipo antes citado, e deberá realizar este aboamento antes do comezo da construción.
No suposto de parcelas lindeiras con grandes diferenzas entre as cotas de terreo, construiranse muros seguindo o límite das parcelas, para a contención de terras, que se sufragará por partes iguais entre os propietarios das dúas parcelas. Así mesmo, no caso de que se establecese unha delas en primeiro lugar, e realizase pola súa conta o muro de contención, a segunda que se establecese deberá realizar o aboamento correspondente a esta.
Modifícase o punto 4.1 Solo Industrial da Normativa do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo, que queda redactado como segue:
4. Normas particulares de cada zona.
4.1 Solo Industrial.
– Uso industrial.
Ámbito de aplicación:
Comprende as áreas delimitadas e grafadas no plano de Zonificación.
Condicións de edificación:
Tipoloxía: acaroada, entre medianeiras, agrupada e pareada, e illada; neste caso, proxéctase acaroada a un dos lindeiros.
A superficie mínima de parcela é: 400 m2.
A fronte mínima de parcela segundo establece a ordenanza: 10 m.
Altura máxima da edificación: 12,5 m.
Número máximo de plantas: 2.
Recuamentos mínimos a aliñacións: os establecidos no plano de aliñacións e implantación.
Recuamentos mínimos a lindeiros: permítese edificar acaroado, no caso de que non se chegue coa edificación ao lindeiro, o recuamento mínimo será de 3 m. Na parte frontal á vía o recuamento ten que ser de 5 m.
A ocupación máxima de parcela: resulta ser a establecida polos propios recuamentos de parcela.
Edificabilidade máxima: 1 m2/m2.
Condicións de uso:
Admítese calquera actividade industrial, así como os seus usos compatibles, que cumpran coa lexislación vixente.
O uso industrial é o correspondente aos establecementos destinados á obtencións de materias primas ou derivadas destas, incluíndo o almacenaxe, envasado, reparación, transporte e distribución dos ditos produtos, ou a exposición, reparación e garda de maquinaria, así como ás funcións que complementan a actividade industrial propiamente dita.
Considéranse usos compatibles co industrial aquelas actividades non especificamente industriais como oficinas, laboratorios, centros informáticos, empresas de servizos, garaxe-aparcadoiro e talleres de automóbil.
En tipoloxía illada considéranse tamén usos compatibles os hipermercados e establecementos de hostalaría.
A admisibilidade destes usos compatibles queda supeditada á existencia ou implantación simultánea do uso industrial principal na parcela considerada. Polo que, previa ou simultaneamente á solicitude de usos compatibles, será obrigatorio a autorización da actividade industrial principal.
Non obstante o anterior, nas parcelas industriais lucrativas lindeiras ao sur da chamada vía principal de distribución (toda a banda de parcelas que vai desde a S-1 a S-14, con vista directa a estrada N-634), así como nas situadas ao norte da vía e lindeiras co equipamento comercial lucrativo (parcelas S-19 e S-20), os usos previstos como compatibles tamén poderán ser considerados como uso principal, sen que a súa autorización estea vinculada á implantación dunha actividade industrial.
