Asunto: eliminación parcial do ámbito código 15036011 denominado Plataforma loxística empresarial e portuaria de Ferrol-fase I.
Concello: Ferrol.
Antecedentes:
Primeiro. O Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais (en diante, PSOAEG) é o instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto analizar, diagnosticar, planificar e ordenar a implantación territorial de áreas empresariais de interese autonómico na Comunidade Autónoma de Galicia, e foi aprobado definitivamente polo Acordo do Consello da Xunta do 30 de abril de 2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio).
Segundo. Dentro dos ámbitos recollidos no PSOAEG encóntrase o ámbito denominado Plataforma loxística empresarial e portuaria de Ferrol-fase I (código de área 15036011). A superficie bruta do ámbito previsto é de 939.755,28 m². O ámbito está sen desenvolver e a promotora prevista para esta actuación é Xestión do Solo, S.A. (en diante, Xestur).
Terceiro. O 2.4.2025 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, con destino á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, un escrito do Concello de Ferrol en que se solicita a eliminación dun ámbito empresarial para destinalo a un uso dotacional deportivo da parcela con referencia catastral 15037A092050010000PB, situada no lugar do Muíño do Vento, parroquia de Mandiá.
A solicitude inclúe un informe técnico elaborado polos servizos técnicos de Urbanismo do Concello. No citado informe inclúese unha epígrafe en que se xustifica a necesidade de excluír a parcela con referencia catastral 15037A092050010000PB do ámbito recollido no PSOAEG e, entre outros asuntos, exponse a conveniencia e oportunidade de excluír a parcela para proceder á implantación dun equipamento deportivo, a conveniencia da implantación do citado equipamento e a xustificación da localización.
Consideracións legais:
Primeira. De acordo co disposto no artigo 26.4.c) da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, non se considera modificación do PSOAEG: «eliminación de ámbitos cuxa superficie total supoña menos do 20 por cento da superficie total das áreas empresariais incluídas no plan. Cando se propoña a eliminación de ámbitos do plan, a consellería competente en materia de solo empresarial solicitará un informe, que terá carácter preceptivo e non vinculante, ao concello ou concellos en que se sitúa a área ou áreas que se pretende eliminar, que deberá emitirse no prazo máximo de dez días».
Segunda. A Consellería de Economía e Industria ten atribuídas competencias en xestión do solo empresarial, de conformidade co Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
Concretamente, de acordo co artigo 20 do Decreto 140/2024, do 20 de maio, correspóndenlle á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial exercer as competencias relativas ao solo empresarial.
Terceira. O 11.6.2025 solicitouse o informe preceptivo e non vinculante previsto no artigo 26.4.c) da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia. Indícase que o informe deberá mostrar a conformidade da propia entidade local co reaxuste do ámbito pretendido, así como xustificar que se deu traslado aos titulares do terreo e á promotora prevista para a actuación pretendida, dándolles un prazo para alegacións; no caso de que se presenten alegacións, faranse chegar xunto co informe. Igualmente, deberá incluírse xustificación de que a actuación pretendida se expuxo no taboleiro de edictos do Concello e se deu un prazo de información pública para que a cidadanía puidese alegar respecto do citado reaxuste. De haber alegacións, xuntaranse ao informe que a entidade local emita.
Cuarta. O 17.9.2025 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o informe do Concello de Ferrol. De acordo co informe remitido polo Concello, déuselle audiencia ao propietario do terreo Fundación Racing Club Ferrol e a Xestión do Solo de Galicia, S.A. como promotora prevista para esta actuación no PSOAEG.
De acordo co citado informe, o xerente de Xestur informa que o Consello de Administración de Xestur, celebrado o 9 de setembro de 2025, acordou, por unanimidade, mostrar conformidade co trámite de audiencia.
Igualmente, infórmase que estivo publicado no taboleiro de edictos do Concello de Ferrol o trámite de audiencia sobre o asunto de referencia desde o 17.7.2025 ata o 24.8.2025.
Con base no exposto, e por proposta da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial,
RESOLVO:
Aprobar o reaxuste do ámbito previsto no PSOAEG denominado Plataforma loxística empresarial e portuaria de Ferrol-fase I (código de área 15036011), eliminando del a parcela con referencia catastral 15037A092050010000PB, de acordo co artigo 26.4.c) da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia. A resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.
Actualizar o catálogo de solo empresarial do PSOAEG onde figuran as actuacións delimitadas do PSOAEG, recollendo o reaxuste do ámbito. Darase traslado á Dirección Xeral de Urbanismo para a debida publicidade.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
