DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 7 de novembro de 2025 Páx. 57596

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 5 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas á destilación voluntaria de viño en época de crise e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MR446B).

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 922/72, (CE) 1037/2001 e (CE) 1234/2007, no seu artigo 216 establece a posibilidade de pagamentos nacionais para a destilación de viño en casos de crise.

Ao abeiro desta normativa, os Estados membros poderán efectuar pagamentos nacionais ás persoas produtoras de viño para a destilación voluntaria ou obrigatoria en casos xustificados de crise. A aplicación desta medida comporta que o alcohol resultante da destilación se utilizará exclusivamente para fins industriais ou enerxéticos co obxectivo de evitar calquera falseamento da competencia.

Estes pagamentos serán proporcionados e permitirán facer fronte á crise, sinalando que o importe total dispoñible nun Estado membro para eses pagamentos nun ano non poderá ser superior ao 15 % dos fondos anuais totais dispoñibles por ese Estado membro.

O goberno de España, por petición de varias comunidades autónomas, entre elas Galicia, presentou á Comisión Europea unha notificación debidamente xustificada para a aplicación desta medida.

O día 14 de abril de 2025, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comunicou ás comunidades autónomas interesadas a posibilidade de participar nos pagamentos nacionais para a destilación voluntaria de viño para época de crise para o ano 2025.

En todo caso, a intervención de destilación require de autorización previa por parte da Comisión Europea a España para conceder axudas nacionais respecto ao ano 2025, de conformidade co artigo 216 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

O día 20 de outubro de 2025, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación comunicou ás comunidades autónomas a autorización por parte da Comisión Europea para realizar a destilación de crise.

Esta orde prevé as axudas en concorrencia non competitiva para o apoio á destilación voluntaria de crise de viños tintos amparados polas DO Ribeiro e DO Monterrei co fin de equilibrar o mercado e para facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da colleita da campaña 2025/2026.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras xerais e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para a destilación voluntaria de viño amparado polas DO Ribeiro e DO Monterrei en casos de crise, prevista no artigo 216 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios.

2. A súa finalidade é facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da próxima colleita e reducir o exceso de existencias de viño tinto no sector vitivinícola dos viños amparados polas DO Ribeiro e DO Monterrei.

3. O código de procedemento administrativo é o MR446B.

Artigo 2. Crédito orzamentario e axuda financeira

1. As subvencións outórganse con cargo á aplicación orzamentaria 15.80.713F.779.0 proxecto contable 2024 00001 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025.

2. As axudas reguladas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A axuda financeira para a destilación voluntaria de crise será de 66,00 €/hl de viño tinto destilado para a DO Ribeiro e 96,5 €/hl de viño tinto destilado para a DO Monterrei.

4. O importe máximo destinado ao pagamento das axudas ascenderá a seiscentos sesenta e tres mil cincocentos oitenta e nove euros con corenta e sete céntimos (663.589,47 €).

5. Esta cantidade poderase incrementar sen necesidade de nova convocatoria en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Dunha transferencia de crédito.

6. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

7. Nestes casos, publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas vitivinícolas elaboradoras que no momento da solicitude cumpran todos os seguintes requisitos:

a) Ser elaboradoras de viño tinto amparado nas DO Ribeiro e DO Monterrei.

b) Que asuman as obrigas establecidas nos artigos 4 e 5 desta orde.

c) Que compren ou comprasen uva amparada polas DO Ribeiro e DO Monterrei a persoas viticultoras na campaña vitivinícola 2025/2026 e;

d) Cumpran, ademais, algún destes requisitos:

1º. Ter comprado uva de variedade tinta amparada polas DO Ribeiro e DO Monterrei na campaña vitícola 2024/2025 a persoas viticultoras.

2º. Ter utilizado uvas de variedade tinta amparada polas DO Ribeiro e DO Monterrei dos seus propios viñedos na campaña vitícola 2024/2025, actuando como persoas viticultoras.

Artigo 4. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente que sexa de aplicación.

2. As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberán dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

d) Comunicarlle ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

e) Comunicarlle ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

Artigo 5. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

1. Ademais, as persoas beneficiarias deberán presentar antes do 31 de xullo de 2026 unha declaración do destino do alcohol obtido, mencionando, polo menos, os seguintes datos:

a) Datos do destinatario do alcohol, indicando, como mínimo, o nome, NIF, enderezo social, correo electrónico e teléfono de contacto.

b) Relación de documentos de acompañamento do alcohol entregado indicando o seu código de referencia administrativo (ARC).

c) Cantidade e grao volumétrico.

d) Declaración de traballo (modelo 520), que certifique a desnaturalización.

2. Xunto coas obrigas anteriores, as persoas beneficiarias deberán permanecer na actividade de produción vinícola durante os 5 anos seguintes á data da concesión da axuda.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Aquelas persoas que se atopen en calquera das situacións seguintes:

1º. Situación de crise, segundo se define nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

2º. Que levasen a cabo actuacións de creación artificial das condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos nesta orde, demostrado mediante o correspondente procedemento.

3º. Que fosen sancionadas pola comisión dunha infracción grave ou moi grave firme en vía administrativa ou xudicial no referente á Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, nos dous últimos anos.

Artigo 6. Actuacións subvencionables

1. Poderán ser obxecto da axuda de destilación de crise voluntaria os viños tintos a granel que estean amparados polas DO Ribeiro e DO Monterrei baixo a titularidade dunha empresa vitivinícola que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde.

2. O viño será entregado pola persoa beneficiaria a unha destilaría autorizada para a destilación de subprodutos da Intervención Sectorial do Viño 2024/2027 para a campaña 2024/2025.

3. O viño debe ter un grao alcohólico adquirido non inferior ao 4,5 % vol., de acordo coa definición recollida na letra b) do punto 1 da parte II do anexo VII do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 922/72, (CEE) 234/79, (CE) 1037/2001 e (CE) 1234/2007.

4. O dato de elaboración da última vendima corresponderá ao volume elaborado na campaña vitivinícola 2024/2025 por cada persoa solicitante con uvas de variedades tintas producidas por persoas viticultoras e será achegado polo Consello Regulador das DO Ribeiro e DO Monterrei.

5. A destilación poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de decembro de 2025.

Artigo 7. Destino do alcohol

1. O alcohol obtido da destilación de viño para o que se concedeu a axuda destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, incluída a fabricación de desinfectantes e produtos farmacéuticos ou enerxéticos, co fin de evitar distorsións da libre competencia.

2. Considerarase que o alcohol obtido se destinou a un proceso industrial ou enerxético se o dito alcohol foi desnaturalizado, de acordo co establecido no Regulamento dos impostos especiais aprobado mediante o Real de decreto 1165/1995, do 7 de xullo, coas substancias aprobadas que o fagan impropio para o consumo humano por inxestión.

3. En calquera caso, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) poderá solicitar da destilaría autorizada información adicional sobre o destino final deste alcohol para comprobar o cumprimento dos requisitos para obter a axuda.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes que empezará a computarse a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde e establécese como hora de inicio do prazo de presentación ás 8.00 horas. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos da presentación da solicitude, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes.

3. Unicamente será posible presentar unha solicitude por persoa solicitante. En caso de presentar varias solicitudes, só será válida a última.

Artigo 10. Contido da solicitude

A solicitude (anexo I) contén as seguintes declaracións das persoas solicitantes:

a) Declaración responsable de que non recibe ningunha outra axuda económica para o mesmo produto e finalidade.

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración responsable de non acharse en situación de crise, de acordo coa definición das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise.

d) Declaración responsable da veracidade da información consignada e dos documentos presentados exixidos nesta axuda, asegurando ser copia fiel do orixinal, que deberá estar en poder do beneficiario.

e) Compromiso de permanencia na actividade de produción vinícola durante os 5 anos seguintes á concesión da axuda.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I) debidamente cuberta, onde se fagan constar os datos solicitados. Ademais, xunto con esta solicitude deberá presentar:

a) Acordo asinado cunha destilaría autorizada para recibir o volume de viño para o que se solicita a axuda á destilación co compromiso de ser destilado dentro do prazo establecido e destinar o alcohol obtido a uso industrial ou enerxético. Neste acordo constará o compromiso da empresa destiladora respecto á obriga de presentar á persoa beneficiaria o certificado cos datos da destilación e as declaracións de traballo (modelo 520) do Regulamento dos impostos especiais, resumo das entradas de viño e do alcohol obtido, segundo consta no artigo 20 desta orde.

b) Certificado do Consello Regulador das DO Ribeiro e DO Monterrei co dato de elaboración da última vendima (campaña vitivinícola 2024/2025).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente coa solicitude.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) NIF da entidade representante ou o DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións obtida da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

h) Consulta de que cada persoa solicitante non fose sancionada pola comisión dunha infracción grave ou moi grave firme en vía administrativa ou xudicial no referente á Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, nos dous últimos anos.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

Artigo 15. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as solicitudes resolveranse do seguinte xeito:

a) No suposto de que o volume solicitado de viño destinado a destilación non supere os 700.000 litros de viño da DO Ribeiro e 208.901 litros de viño da DO Monterrei, subvencionaranse a totalidade dos litros destinados a destilación de cada DO.

b) No suposto de que o volume solicitado de viño destinado a destilación supere os 700.000 litros da DO Ribeiro e/ou os 208.901 litros da DO Monterrei, a resolución de concesión establecerá os litros de viño que se poderán subvencionar na contía de 66,00 €/hl de viño tinto destilado para a DO Ribeiro e 96,5 €/hl de viño tinto destilado para a DO Monterrei, distribuíndo o crédito existente de xeito proporcional ao volume solicitado entre as persoas beneficiarias.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde de convocatoria, a Subdirección Xeral da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de cinco días, indicándolle que, se non o fai, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, en calquera fase do procedemento poderá ser requirida a persoa solicitante para que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

5. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou da desestimación, de ser o caso, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e arquivaranse sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria. Así mesmo, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 16. Resolución

1. As resolucións de concesión, denegación e/ou inadmisión das subvencións, tras a fiscalización das propostas do órgano instrutor, de ser o caso, correspóndenlle á persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

2. O prazo de resolución e notificación será de 1 mes contado a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Na resolución de outorgamento da subvención constará a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos, as obrigas das persoas beneficiarias e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa para a concesión destas axudas.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a persoa beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As persoas beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

6. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada nesta orde.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuarase mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

1. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 20. Pagamento

1. O período temporal da xustificación comprenderá desde a data de resolución ata o 15 de decembro de 2025.

2. O prazo límite para a presentación da documentación xustificativa remata o 20 de decembro de 2025.

3. A solicitude de pagamento realizarase a través da presentación do anexo II debidamente asinada pola persoa que exerza a representación da entidade xunto coa seguinte documentación:

a) Certificado da persoa destiladora autorizada que conteña a información sobre o alcohol obtido a partir do viño entregado, indicando, polo menos:

1º. Viño entregado pola persoa beneficiaria, mencionando a cantidade, o grao volumétrico e documento de acompañamento (núm. ARC).

2º. Alcohol obtido a partir do viño entregado, mencionando a cantidade, o grao volumétrico e o número de declaración de traballo (modelo 520) do Regulamento de impostos especiais que ampara a fabricación.

3º. Compromiso da persoa destiladora de presentar ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) unha declaración do destino do alcohol para uso industrial ou enerxético, xunto co seu certificado de desnaturalización.

b) Copia das declaracións de traballo (modelo 520) do Regulamento dos impostos especiais, e resumo das entradas de viño en fabricación e do alcohol obtido polas cantidades reflectidas nas declaracións de traballo.

4. A destilación deberá ser realizada e xustificada no exercicio orzamentario 2025, salvo causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, que deberán ser comunicadas ao Fogga para que, de ser o caso, manifeste a súa conformidade de maneira expresa.

5. Os pagamentos calcularanse en función do volume destilado. No caso de que o volume xustificado subvencionable sexa igual ou superior ao volume concedido, o importe para pagar axustarase á cantidade concedida. Cando o importe xustificado subvencionable sexa inferior ao concedido, o importe para pagar reducirase proporcionalmente.

6. No caso de que non se destilase un volume superior ao 60 % do inicialmente aprobado, tramitarase un expediente de perda total de dereito ao cobramento das axudas, salvo por causa de forza maior ou circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.

7. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas (tributarias, estatais e autonómicas) e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

8. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a documentación xustificativa, o órgano instrutor requirirá a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días, a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola persoa beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, de conformidade co disposto nos artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

9. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

Artigo 21. Controis

1. O Fondo Galego de Garantía Agraria poderán realizar cantos controis administrativos e inspeccións in situ considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda.

2. En todo caso, antes do pagamento efectivo da axuda, o Fondo Galego de Garantía Agraria poderá realizar os controis administrativos e sobre o terreo necesarios para comprobar a efectiva realización da destilación solicitada.

3. Realizarase un control administrativo ao 100 % dos expedientes para comprobar o destino do alcohol.

4. Ademais, de maneira complementaria, realizarase control sobre o terreo a un 5 % dos expedientes, de acordo co determinado no plan de controis anual que se aprobe para o efecto. No caso de ter un número de persoas beneficiarias igual ou inferior a 5, faráselles este control a todos. Estes controis in situ poderán realizarse tanto nas instalacións das persoas beneficiarias como nas das destilarías con que se formalizou o contrato.

As persoas beneficiarias desta axuda serán priorizadas na selección da mostra do Plan anual de control da cadea alimentaria, respecto ao cumprimento da Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria.

5. A través dun plan de control procederase á verificación do cumprimento de compromiso de mantemento da actividade de 5 anos, adquirido polas persoas beneficiarias.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lles será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concédente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 25. Publicidade da subvención concedida

1. En virtude do disposto non artigo 18.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Base de datos nacional de subvencións operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

2. Para tales efectos, deberase remitir á Base de datos nacional de subvencións a información pertinente sobre cada axuda individual concedida ao abeiro deste réxime, no prazo de doce meses desde o momento da súa concesión e nos termos previstos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas son incompatibles con calquera outra para a mesma finalidade.

Artigo 27. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional primeira. Convocatoria 2025

Apróbase o gasto e convócanse as axudas para a destilación voluntaria de crise 2025 por un importe de seiscentos sesenta e tres mil cincocentos oitenta e nove euros con corenta e sete céntimos (663.589,47 €), de acordo coa seguinte distribución orzamentaria:

– Exercicio orzamentario: 2025.

– Aplicación orzamentaria: 15.80.713F.779.0 proxecto contable 2024 00001. Importe/euros 663.589,47 €.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) para actuar, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Certificación de non inicio

Con carácter xeral, a destilación non poderá estar iniciada antes da resolución de concesión de axuda.

Se for necesario iniciar a destilación despois da publicación da orde de axudas e antes da resolución das solicitudes, de forma excepcional, poderase solicitar unha certificación de non inicio con carácter previo á destilación.

A adega que pretenda facer a destilación deberá solicitar, ao Servicio provincial do Fondo Galego de Garantía Agraria onde radique a adega, utilizando o modelo do anexo III desta orde, a emisión dun certificado de non inicio da destilación.

O certificado de non inicio deberá indicar, como mínimo, a data de visita a adega, o nome e localización da adega, os litros de viño que se pretenden destilar, así como a identificación das cubas ou lugar de almacenamento do viño que se vai destilar.

Esta certificación de non inicio formará parte do expediente administrativo da solicitude e quedará incluída no mesmo procedemento administrativo.

A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito para a concesión da axuda.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

A Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file