Advertida a omisión do anexo na páxina 57393 da referida disposición, publicada no Diario Oficial de Galicia número 215, do xoves 6 de novembro de 2025, cómpre proceder á súa publicación.
ANEXO
Estatutos sociais de Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A.
CAPÍTULO II
Capital social. Accións e obrigas
Artigo 6. Capital social
O capital social é de cento oito millóns corenta e seis mil douscentos nove euros con oito céntimos (108.046.209,08 €), totalmente subscrito e desembolsado.
A participación directa ou indirecta na sociedade da Administración xeral da Xunta de Galicia e das demais entidades instrumentais reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, deberá ser, en todo momento, maioritaria. En todo caso, a totalidade do capital da sociedade será de titularidade pública.
Artigo 7. Accións
1. O capital social estará representado por cento setenta e seis mil sesenta e nove (176.069) accións nominativas, de 613,658333 € de valor nominal cada unha delas.
2. As accións estenderanse en libros talonarios, estarán numeradas correlativamente e todas se anotarán nun rexistro especial da Sociedade, no cal se farán constar, igualmente, as sucesivas transmisións e a constitución de dereitos reais sobre aquelas. A inscrición neste rexistro é condición necesaria para acreditar a condición de socio ou a titularidade das accións.
3. Os títulos das accións contarán cos requisitos que determina o artigo 114 da LSC e levarán as sinaturas dos membros do Consello de Administración, que poderán figurar timbradas.
4. Analogamente, coa sinatura, timbrada ou non, de dous conselleiros ou conselleiras, poderán estenderse extractos de inscrición ou xustificantes da titularidade das accións, mesmo mediante un só documento para cada accionista.
