I
A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, creou un tributo ambiental denominado canon eólico, que somete a gravame a xeración de afeccións e impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e sobre o territorio, como consecuencia da instalación en parques eólicos de aeroxeradores afectos á produción de enerxía eléctrica e situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
O capítulo II do título II da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, dedicado á enerxía eólica, aborda unha modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que afecta o canon eólico e que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026.
A Lei 5/2024, do 27 de decembro, como indica a súa exposición de motivos, modifica a base impoñible e o tipo de gravame do canon atendendo á redución do número de aeroxeradores e, en especial, ás afeccións visuais derivadas da súa altura, todo iso co obxectivo de contribuír a preservar o ambiente e de velar polo mantemento das necesarias actuacións de compensación e de reequilibrio ambiental e territorial a que están afectos os ingresos xerados por aquel. Así mesmo, a Lei 5/2024, do 27 de decembro, regula determinados supostos de exención e suprime o artigo 16 da Lei 8/2009 relativo ás bonificacións na cota por repotenciación e, polo tanto, elimínase o contido do artigo 10 da Orde do 27 de xaneiro de 2014, que establecía o procedemento para a modificación por repotenciación do parque eólico, e regúlase neste artigo o procedemento para a modificación do carácter de parque eólico exento.
Consonte o artigo 17 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, os suxeitos pasivos están obrigados a declarar inicialmente os datos, as características e as circunstancias necesarias para a cuantificación do tributo, así como as modificacións dos datos previamente declarados, nos prazos e lugar e mediante os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellería competente en materia de facenda mediante orde. Así mesmo, estarán obrigados a presentar unha declaración de baixa, no suposto de desmantelamento do parque eólico. Ademais, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar a autoliquidación do canon eólico, determinando a débeda tributaria correspondente, e a ingresar o seu importe na forma, prazos e lugar, mediante os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellería competente en materia de facenda mediante orde.
Por outra banda, consonte a Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Administración establecerá un rexistro obrigatorio de parques eólicos, dos aeroxeradores neles existentes e das características destes. A estrutura, contido e sede do rexistro, así como os procedementos para a súa formación e mantemento, determinaranse mediante orde da consellería competente en materia de facenda.
O artigo 19 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece que a consellería competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do canon se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben e, igualmente, dispón que poderá establecer a obrigatoriedade da súa presentación e pagamento mediante medios electrónicos.
Por último, o artigo 20 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, determina que a consellería competente en materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo e que o exercicio das funcións de aplicación e de revisión do canon, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderán aos órganos competentes da Administración tributaria da consellería competente en materia de facenda, segundo a norma de organización da Administración tributaria.
No exercicio destas facultades, aprobouse a Orde do 27 de xaneiro de 2014, que cómpre modificar para adaptar as normas de aplicación do canon eólico establecidas nela, como consecuencia das modificacións introducidas pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas na regulación do canon eólico. Así, modifícanse os artigos que regulan a declaración censual e a autoliquidación, coa obriga de declarar todos os aeroxeradores e a súa altura, regúlase o procedemento para a modificación do carácter de exento dos parques eólicos, e incorpórase un novo anexo IV coas especificacións técnicas do arquivo en que se deben declarar as características do parque.
II
Esta orde está composta dun artigo único e dunha disposición derradeira.
Esta norma responde aos principios de boa regulación previstos na normativa vixente. Así, a orde atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1 da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa, e adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e aos principios de simplicidade e accesibilidade recollidos tamén no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Deste xeito, en aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma persegue un interese xeral por canto desenvolve a modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 5/2024, do 27 de decembro. En cumprimento, ademais, dos principios de accesibilidade, de transparencia e de proporcionalidade, identifícanse claramente os obxectivos perseguidos coa norma e esta é o instrumento máis adecuado para conseguilos, pois contén a regulación imprescindible para atender a necesidade referida. En aplicación do principio de eficiencia, a norma racionaliza a xestión dos recursos públicos e, en virtude dos principios de simplicidade e de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico, xa que recolle as modificacións necesarias, é a canle adecuada para facelo e xera un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e certo, co obxectivo de que sexan fáciles o seu coñecemento e a súa comprensión.
Esta orde expúxose no Portal de transparencia e Goberno aberto e tamén foi sometida ao trámite de audiencia pública coa Asociación Eólica de Galicia, na súa condición de asociación representativa dos intereses xerais do sector eólico de Galicia, nos termos do disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, conta con todos os informes preceptivos, incluídos o informe de sustentabilidade económico-financeira emitido pola Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico e o informe da Asesoría Xurídica.
Por todo isto, conforme o exposto, de acordo co establecido no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e en virtude das habilitacións establecidas nos artigos 17, 19 e 20.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,
ACORDO:
Artigo único. Modificación da Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico
Modifícase a Orde da Consellería de Facenda, do 27 de xaneiro de 2014, pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o número 4 do artigo 6, coa seguinte redacción:
«4. Os prazos establecidos neste artigo entenderanse prorrogados ata o primeiro día hábil seguinte, no caso de que o último día do período fose inhábil».
Dous. O artigo 8 queda redactado da seguinte forma:
«Artigo 8. Procedemento para a realización da declaración inicial
1. Os suxeitos pasivos deberán presentar electronicamente ante a Atriga, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á data de deivindicación e, en calquera caso, antes do pagamento e presentación electrónica da autoliquidación, unha declaración inicial dos datos do parque e dos aeroxeradores consignados no modelo 007.
Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán coa aplicación informática que a Atriga poña á súa disposición na OVT, de acordo coas instrucións recollidas a este respecto no propio modelo e nas condicións e de acordo co procedemento previsto neste artigo.
Para cumprir as obrigas de presentación da declaración dos datos dos aeroxeradores, os suxeitos pasivos incorporarán na OVT un arquivo, que terá as especificacións técnicas que se detallan no anexo IV.
Unha vez transmitido o arquivo, aparecerá unha mensaxe informativa do resultado da carga. O arquivo poderá ser enviado as veces que sexan necesarias, prevalecendo sempre os datos contidos no último arquivo remitido.
Unha vez incorporados os datos tras a transmisión do arquivo, a aplicación amosará o modelo 007 debidamente cuberto. O suxeito pasivo deberá confirmar o modelo cuberto e neste momento a aplicación asignará un número identificativo ao modelo.
2. Unha vez confirmado o modelo 007, o suxeito pasivo deberá proceder á súa presentación telemática, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.
3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao suxeito pasivo en pantalla:
a) Un código de identificación, que se denominará código do parque, formado por cinco caracteres numéricos, que deberá ser empregado polo suxeito pasivo en todas as actuacións que teña coa Atriga na aplicación deste tributo. A asignación deste código supoñerá a inscrición no CEPEG.
b) O modelo 007 debidamente cuberto cos datos do parque e dos aeroxeradores declarados e co código de identificación anterior. O modelo estará validado cun código seguro de verificación (en diante, CSV) formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración inicial na data sinalada no propio modelo.
4. No caso de que a presentación fose rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o suxeito pasivo deberá emendalos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación fose orixinado por un motivo non emendable, o suxeito pasivo deberá repetir a presentación.
5. O suxeito pasivo deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente CSV».
Tres. Modifícase o número 1 do artigo 9, que queda redactado como segue:
«1. Cando se produza algunha variación nos datos rexistrados no CEPEG, diferente das recollidas nos artigos 10, 11 e 12 desta orde, os suxeitos pasivos deberán presentar a comunicación electrónica daquela ante a Atriga, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á data da autorización da modificación, no caso de que fose preceptiva ou, noutro caso, desde o día seguinte á data en que se produza a dita modificación.
Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán de acordo coas instrucións recollidas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática a que fai referencia o artigo 8 anterior nas condicións e de acordo co procedemento previsto nel, coa excepción da incorporación na OVT do arquivo se non fose necesario modificar os datos dos aeroxeradores do parque».
Catro. Modifícase o artigo 10, que queda redactado como segue:
«Artigo 10. Procedemento para a modificación do carácter de parque eólico exento
1. Cando durante o período impositivo un parque cambie a súa condición de exento ou non exento, o suxeito pasivo deberá presentar a comunicación electrónica desta modificación ante a Atriga, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á data da autorización que determine a modificación.
Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán coa aplicación informática que a Atriga poña á súa disposición na OVT, de acordo coas instrucións recollidas a este respecto no propio modelo e nas condicións e de acordo co procedemento previsto no artigo 8, coa excepción da incorporación na OVT do arquivo se non fose necesario modificar os datos dos aeroxeradores do parque.
2. Unha vez confirmado o modelo 007, o suxeito pasivo deberá proceder á súa presentación telemática, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.
3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao suxeito pasivo en pantalla o modelo 007 debidamente cuberto cos datos declarados, e validado cun CSV formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. A comunicación referida determinará, no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a modificación provisional dos datos a que se refira.
4. O suxeito pasivo deberá xustificar documentalmente ante a Atriga, no prazo máximo de 10 días, a modificación dos datos a que se refire este artigo. Sen prexuízo do disposto no artigo 13, a Atriga, unha vez recibida a documentación xustificativa da modificación e verificada, procederá á modificación definitiva dos datos que correspondan.
5. No caso de que a modificación do carácter de exento ou non exento se produza como consecuencia da modificación do suxeito pasivo, procederase consonte o disposto no artigo 11».
Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 11, que queda redactado como segue:
«1. Cando por calquera operación ou título xurídico se produza a modificación do suxeito pasivo do canon eólico por un parque inscrito no CEPEG, quen fose o suxeito pasivo con anterioridade á modificación deberá comunicar electronicamente á Atriga, mediante o modelo 007, unha baixa por modificación do suxeito pasivo, identificando o novo suxeito pasivo. Este último deberá presentar electronicamente unha declaración de alta por modificación do suxeito pasivo.
Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán de acordo coas instrucións recollidas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática a que fai referencia o artigo 8 nas condicións e de acordo co procedemento previsto nel, coa excepción da incorporación na OVT do arquivo se non fose necesario modificar os datos dos aeroxeradores do parque, e deberán proceder da maneira que se sinala a continuación».
Seis. Modifícase o número 6 do artigo 14, que queda redactado como segue:
«6. Se, presentada a autoliquidación correspondente a un período impositivo, se presenta un modelo 007 de acordo co sinalado nos artigos 9 ou 12, os suxeitos pasivos deberán presentar un modelo 012 para axustar a débeda tributaria do período impositivo. Para estes efectos, o usuario deberá confeccionar electronicamente, no prazo sinalado no artigo 6.3, o modelo 012, no cal efectuará a autoliquidación do canon, determinará a débeda tributaria correspondente ao período impositivo da cal descontará o importe ingresado na/s autoliquidación/s precedente/s, determinando o importe para ingresar ou o importe para devolver derivado da normativa, de acordo co sinalado neste artigo. Unha vez confirmado o modelo 012, no mesmo prazo e previamente á súa presentación, o usuario deberá seleccionar a/as forma/s de pagamento conforme ás instrucións do modelo no anexo de datos de pagamento da cantidade positiva resultante da autoliquidación, de acordo co disposto no número anterior. No mesmo prazo establecido no artigo 6.3 e, de ser o caso, tras a operación de pagamento, deberá proceder á presentación electrónica do modelo 012, de acordo co disposto no artigo 16».
Sete. Modifícase o número 5 do artigo 17, que queda redactado como segue:
«5. Unha vez que a aplicación informática acepte a presentación de calquera declaración realizada mediante o modelo 007 polo usuario, xerarase o modelo 007 debidamente cuberto cos datos declarados e validado cun CSV formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración de alta ou da declaración de modificación, segundo corresponda. O obrigado tributario deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente CSV».
Oito. Modifícase a disposición adicional sexta, que queda redactada como segue:
«Autorízase a dirección da Atriga a modificar ou actualizar, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos desta orde, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos devanditos anexos».
Nove. Engádese unha disposición adicional sétima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional sétima. Declaración dos datos do parque e dos aeroxeradores
1. Desde a entrada en vigor desta disposición ata o 15 de decembro de 2025, os suxeitos pasivos deberán presentar electronicamente ante a Atriga unha declaración consignando no modelo 007 os datos do parque e dos aeroxeradores.
Para isto, os suxeitos pasivos incorporarán na OVT un arquivo que terá as especificacións técnicas que se detallan no anexo IV.
Unha vez transmitido o arquivo, aparecerá unha mensaxe informativa do resultado da carga. O arquivo poderá ser enviado as veces que sexan necesarias, prevalecerán sempre os datos contidos no último arquivo remitido.
Unha vez incorporados os datos tras a transmisión do arquivo, mostrarase o modelo 007 debidamente cuberto, que deberá ser confirmado polo suxeito pasivo, momento en que se lle asignará un número identificativo ao modelo.
2. Unha vez confirmado o modelo 007, o suxeito pasivo deberá proceder á súa presentación telemática, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.
3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao suxeito pasivo en pantalla o modelo 007 debidamente cuberto cos datos do parque e dos aeroxeradores declarados e validado cun CSV formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración dos datos do parque e dos aeroxeradores declarados na data sinalada no propio modelo.
4. No caso de que a presentación fose rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o suxeito pasivo deberá emendalos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación fose orixinado por un motivo non emendable, o suxeito pasivo deberá repetir a presentación.
5. O suxeito pasivo deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente CSV.
6. Os datos do parque e dos aeroxeradores declarados consonte o disposto nesta disposición producirán efectos a partir do 1 de xaneiro de 2026».
Dez. Incorpórase un novo anexo co contido que se reproduce a seguir e que se numera como anexo IV e reenumérase o actual anexo IV da orde, que pasa a ser o anexo V:
ANEXO IV
Especificacións técnicas do/dos arquivo/s informático/s
para confeccionar a declaración 007
A) Características dos arquivos informáticos que se deben remitir electronicamente:
Os arquivos informáticos que se deben remitir electronicamente a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT) deberán cumprir as seguintes características:
• Nome do arquivo: 007_NNNNNNNNN_AAAA_DDMMAAAA, onde os valores seguintes serán:
– NNNNNNNNN: o NIF da empresa (9 caracteres ou díxitos).
– AAAA: os 4 díxitos correspondentes ao exercicio fiscal a que se refire a declaración.
– DDMMAAAA: a data de efectos.
• Extensión do arquivo: TXT.
• O ficheiro que conteña os datos para a confección do modelo 007 será de formato texto plano codificación ISO 8859-1.
• Todos os campos alfanuméricos e alfabéticos se presentarán aliñados á esquerda e recheos de brancos pola dereita, en maiúsculas sen caracteres especiais, e sen vogais acentuadas. Todos os campos numéricos se presentarán aliñados á dereita e recheos a ceros pola esquerda sen signos e sen empaquetar. Todos os campos terán contido, a non ser que se especifique o contrario na descrición do campo. Se non o tivesen, os campos numéricos encheranse a ceros e tanto os alfanuméricos coma os alfabéticos a brancos.
B) Deseños lóxicos: descrición dos rexistros dos datos do arquivo:
Para cada parque eólico incluiranse catro tipos diferentes de rexistro, que se distinguen pola primeira posición, de acordo cos seguintes criterios:
• Tipo 1: rexistro único da declaración: datos de identificación da declaración. Deseño de tipo de rexistro 1 dos recollidos máis adiante nestas mesmas epígrafes.
• Tipo 2: rexistro dos datos para a declaración. Recolle a información correspondente á relación de aeroxeradores instalados no territorio galego. Deseño de tipo de rexistro 2 dos recollidos máis adiante nestas mesmas epígrafes.
• Tipo 3: rexistro dos datos para a declaración. Recolle a información correspondente á relación do número de aeroxeradores de cada modelo instalados no territorio galego. Deseño de tipo de rexistro 3 dos recollidos máis adiante nestas mesmas epígrafes.
• Tipo 4: rexistro dos datos para a declaración. Recolle a información correspondente de maneira acumulada dos aeroxeradores instalados no territorio galego. Deseño de tipo de rexistro 4 dos recollidos máis adiante nestas mesmas epígrafes.
A orde de presentación será a do tipo de rexistro, existindo
• Para o tipo 1: un rexistro.
• Para o tipo 2: un rexistro por cada aeroxerador instalado no territorio galego.
• Para o tipo 3: un rexistro por cada modelo de aeroxerador instalado no territorio galego.
• Para o tipo 4: un rexistro acumulado dos aeroxeradores instalados no territorio galego.
Tipo de rexistro 1: rexistro da declaración: datos da declaración (posicións, natureza e descrición dos campos).
Para o tipo 1: un rexistro.
|
Posicións |
Natureza |
Descrición dos campos |
|
1 |
Numérica |
Tipo de rexistro: Constante número «1». |
|
2-4 |
Numérica |
Modelo declaración: Constante «007». |
|
5-9 |
Numérica |
Código do parque: No caso de parques eólicos que estean dados de alta no CEPEG, consignarase o código do parque. No caso de declaración de alta dun novo parque, o código cubrirase a ceros. |
|
10-18 |
Alfanumérica |
NIF: NIF do suxeito pasivo. |
|
19-26 |
Numérica |
Data de efectos: No caso de declaración dos datos do parque e dos aeroxeradores, de acordo co establecido na disposición adicional sétima, a data será o 01.01.2026. Cando se trate dunha declaración de alta dun parque eólico (primeira declaración), a data será a do outorgamento da autorización do parque. Cando se trate dunha modificación dos datos declarados con anterioridade correspondentes ao parque, a data que se deberá consignar é a data da autorización da modificación, no caso de que sexa unha modificación que precisase autorización e, en caso contrario, consignarase a data da modificación. Consignarase a data que corresponda, en formato ddmmaaaa, onde: – dd: díxitos correspondentes ao día. – mm: díxitos correspondentes ao mes. – aaaa: díxitos correspondentes ao ano. |
Para o tipo 2: un rexistro por cada aeroxerador instalado no territorio galego.
|
Posicións |
Natureza |
Descrición dos campos |
|
1 |
Numérica |
Tipo de rexistro: Constante número «2». |
|
2-21 |
Alfanumérica |
Número de serie do aeroxerador: Consignarase o número de serie do aeroxerador. Só no caso de non dispor deste número de serie encherase con espazos en branco. |
|
22-100 |
Alfanumérica |
Modelo do aeroxerador: Consignarase o modelo do aeroxerador instalado no territorio galego. |
|
101-105 |
Numérica |
Altura: Consignarase a altura medida en metros, expresada con dous decimais, desde a base ata o eixe de buxa, de cada aeroxerador instalado no territorio galego. |
|
106-110 |
Numérica |
Diámetro: Consignarase o diámetro do rotor medido en metros, expresado con dous decimais, de cada aeroxerador instalado no territorio galego. |
Para o tipo 3: un rexistro por cada modelo de aeroxerador instalado no territorio galego.
|
Posicións |
Natureza |
Descrición dos campos |
|
1 |
Numérica |
Tipo de rexistro: Constante número «3». |
|
2-80 |
Alfanumérica |
Modelo do aeroxerador: Consignarase o modelo dos aeroxeradores instalados no territorio galego. |
|
81-83 |
Numérica |
Número de aeroxeradores de cada modelo: Consignarase o número de aeroxeradores de cada modelo instalados no territorio galego. |
|
84-88 |
Numérica |
Altura: Consignarase a altura medida en metros, expresada con dous decimais, desde a base ata o eixe de buxa, de cada modelo de aeroxerador instalado no territorio galego. |
|
89-93 |
Numérica |
Diámetro: Consignarase o diámetro do rotor medido en metros, expresado con dous decimais, de cada modelo de aeroxerador instalado no territorio galego. |
Para o tipo 4: un rexistro acumulado dos aeroxeradores instalados no territorio galego.
|
Posicións |
Natureza |
Descrición dos campos |
|
1 |
Numérica |
Tipo de rexistro: Constante número «4». |
|
2-4 |
Numérica |
Número de aeroxeradores: Consignarase o número total dos aeroxeradores instalados no territorio galego. |
|
5-12 |
Numérica |
Base impoñible: Consignarase a suma total da altura medida en metros, expresada con dous decimais, desde a superficie do terreo en que se sitúa o aeroxerador ata a punta da pa cando esta se atope no punto máis alto, de todos os aeroxeradores instalados no territorio galego. |
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026. No entanto, a disposición adicional sétima, regulada no número nove do artigo único, e o contido do anexo IV, que figura no número dez do artigo único, entrarán en vigor o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
