DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 7 de novembro de 2025 Páx. 57889

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Santiago de Compostela (expediente IN407A 2025/161-1).

Expediente: IN407A 2025/161-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: Instalación e substitución de celas CS 2 aeroporto Lavacolla-15CHCM.

Concello: Santiago de Compostela.

Feitos:

1. O día 28.8.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de dotar de axuste de barras o centro de seccionamento CS 2 aeroporto Lavacolla (15CHCM, IN407A 10/161) para mellorar a explotación da rede de media tensión das liñas de distribución SNT826, procedente da subestación Santiago, e SCY825, SCY 830 e SCY832, procedentes da subestación San Caetano, evitando cortes de subministración no CT aeroporto-Campsa (15CJTR) e ao propio CS 15CHCM, na cela que vai ao CT central Lavacolla II, proxéctase substituír as celas do dito centro de seccionamento.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Instalación e substitución de celas CS 2 aeroporto Lavacolla-15CHCM, asinado o día 6.8.2025 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Non se solicitou informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existiren afeccións.

4. O día 14.10.2025 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no aeroporto de Lavacolla (aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro), parroquia de Sabugueira, concello de Santiago de Compostela, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Reforma do CS 2 aeroporto Lavacolla (15CHCM, IN407A 10/161), en configuración 5L:

• Instalación dunha nova cela prefabricada de axuste de barras de illamento e corte en gas SF6.

• Substitución das celas existentes por celas prefabricadas telecontroladas de illamento e corte en gas SF6.

• Configuración final: 5L+1 cela con interruptor telemandado. Nas celas de liña entran as seguintes liñas: SNT826, e SCY825 (entrada que vén do CT Lavacolla (15CFA3), SCY 830 (entrada procedente do CS 1 aeroporto Lavacolla (15CJTR) e SCY832 (entrada que vén do CS 15H917) e SCY 830 (CT central Lavacolla II (15PHNY).

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

B) As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo 13.

C) Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 17 de outubro de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña