O 5 de marzo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D).
No artigo 67.2 da devandita orde prevese un crédito de catro millóns novecentos corenta e catro mil euros (4.944.000,00 €) para a concesión das axudas a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de desenvolvemento rural 2014-2022, con cargo aos orzamentos do Fogga na aplicación orzamentaria 15.80.712B.772.1, co código de proxecto 2016.00002, submedida 13.20.
Na disposición adicional primeira da citada orde prevese que as dotacións orzamentarias se poderán incrementar, sen necesidade dunha nova convocatoria, cando se produza un incremento dos créditos derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este incremento de crédito, na devandita aplicación orzamentaria, produciuse como consecuencia dunha xeración de crédito, circunstancia prevista no artigo 31.2, letra a), da Lei 9/2007; deste xeito, existe crédito dispoñible para tramitar esta orde de incremento de crédito.
Coa finalidade de realizar unha xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2022, e tendo en conta que se produciu unha xeración de crédito, cómpre ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das axudas a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de desenvolvemento rural 2014-2022.
Segundo se establece no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazos para resolver.
De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Ampliar a dotación orzamentaria determinada na Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e a gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR239Q, MR240D, MR241C e MR241D), na aplicación orzamentaria 15.80.712B.772.1, código de proxecto 2016 00002, por un importe de 9.207.020,76 €, para a concesión das axudas a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de desenvolvemento rural 2014-2022.
Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total do crédito orzamentario para a concesión destas axudas é de 14.151.020,76 euros.
A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición adicional única. Modificación do PDR 2014-2022
O pagamento das axudas con cargo á ampliación orzamentaria do Feader da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, está condicionada á aprobación pola Comisión Europea da modificación do PDR 2014-2022, que permita dotar a submedida 13.20 dos fondos adicionais necesarios para facer fronte á totalidade dos compromisos derivados da convocatoria.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
