DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 10 de novembro de 2025 Páx. 58068

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2025 pola que se reaxusta a dotación orzamentaria da Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

1. O 19 de marzo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

2. O ordinal terceiro da Resolución do 17 de marzo de 2025, baixo a rúbrica crédito orzamentario, dispón o seguinte:

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 5.298.873,00 euros, con cargo ás seguintes anualidades e aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025:

Anualidade

Aplicación

Importe

2025

11.81.451A.770.1

41.145,00 euros

11.81.451A.780.0

3.216.728,00 euros

2026

11.81.451A.770.1

41.000,00 euros

11.81.451A.780.0

2.000.000,00 euros

O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados ás anualidades 2025 e 2026 do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O 28 de outubro de 2025 publicouse no DOG a Resolución do 20 de outubro de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

Mediante a dita resolución amplíase a dotación orzamentaria para a aplicación 11.81.451A.780.0 en 3.917.887,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

Aplicación

Anualidade 2025

11.81.451A.780.0

3.917.887,00 euros

A dita ampliación non implicou a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

4. Tendo en conta que existen solicitudes susceptibles de obter as axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas con cargo a aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.0, dirixida ao financiamento das solicitudes das persoas físicas e entidades sen personalidade xurídica, e que os importes das subvencións solicitadas se distribúen nas anualidades 2025 e 2026, resulta oportuno proceder ao reaxuste da dotación orzamentaria prevista na citada resolución, co fin de estimar o maior número de solicitudes presentadas.

5. O punto segundo do artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que na convocatoria deberá indicarse a contía total máxima que se vai conceder, así como a súa distribución por anualidades, dentro dos límites fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, atendendo ao momento en que se prevexa realizar o gasto derivado das subvencións que se concedan.

No seu punto terceiro engade que a modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto.

Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Reaxustar a dotación orzamentaria prevista para a convocatoria de subvencións do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025 (código de procedemento VI435B) por importe de 1.717.886,00 euros coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade

Aplicación

Importe

2025

11.81.451A.770.1

41.145,00 euros

11.81.451A.780.0

5.416.729,00 euros

2026

11.81.451A.770.1

41.000,00 euros

11.81.451A.780.0

3.717.886,00 euros

O reaxuste do crédito orzamentario da referida convocatoria non modifica o importe total da convocatoria nin implica a reapertura do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no DOG.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poderán presentar calquera outro que consideren conveniente.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo