En Galicia a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) é o órgano interuniversitario que ten a delegación de competencias propias das universidades do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso á universidade.
A consellería competente en materia de educación nomeará os membros da CiUG, en virtude do disposto no convenio asinado, o 12 de marzo de 2001, polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e na Orde do 24 de marzo de 2011.
Por outra banda, o Real decreto 534/2024, do 11 de xuño, polo que se regulan os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, as características básicas da proba de acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión, determina no artigo 25, entre outros, que as universidades públicas farán públicos os criterios de valoración e a súa ponderación.
As universidades públicas do SUG, tendo en conta o dito anteriormente, aprobaron nos seus respectivos consellos de goberno os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG no curso 2026/27, a Universidade da Coruña no Consello de Goberno do 7 de novembro de 2024, a Universidade de Santiago de Compostela no Consello de Goberno do 27 de decembro de 2024, e a Universidade de Vigo no Consello de Goberno do 26 de maio de 2025.
De conformidade co exposto,
DISPOÑO:
Artigo 1. Nomeamento dos membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia
Noméanse membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) para o curso 2025/26:
Presidente:
Iván Carlos Area Carracedo (delegado do reitor da Universidade de Vigo).
Vicepresidentas:
Elisa Barreiro González (delegada do reitor da Universidade da Coruña).
María Teresa Flores Arias (delegada do reitor da Universidade de Santiago de Compostela).
Vogais en representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional:
Manuel Enrique Prado Cueva
Manuel Calaza Cabanas
Sonia Torres Cancela
Artigo 2. Publicidade dos parámetros de ponderación
Fanse públicos, no anexo desta resolución, os parámetros de ponderación de materias da proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2026/27, aprobados polas universidades públicas do SUG.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
