Examinado o expediente iniciado por solicitude de Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, S. Coop. Gallega en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 20.2.2023, a Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, S. Coop. Gallega (F09753195) solicita autorización administrativa previa e de construción para unha instalación solar fotovoltaica eléctrica de 1.41 MW de potencia instalada, no concello de Arteixo (A Coruña). Xunto coa solicitude achegou documentación xustificativa da capacidade legal, técnica e económica, proxecto de execución da instalación solar fotovoltaica, o permiso de acceso e conexión, resolución de Augas de Galicia e separatas para UFD Distribución S.A., e para o Concello de Arteixo.
Segundo. O 30.10.2023 e o 1.4.2024, os servicios técnicos da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Innovación e Industria (órgano competente na data indicada) requiriron ao promotor documentación para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 31.10.2023 e o 1.4.2024, o promotor presentou a documentación requirida. Entre a documentación achegada consta a declaración responsable asinada en que indica que o proxecto non se atopa no anexo I nin no anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Terceiro. Mediante o Acordo do 6 de agosto de 2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da instalación de produción fotovoltaica no concello de Arteixo (A Coruña), promovido pola Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, S. Coop. Gallega (expediente IN408A 2023/001-1). O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 186, do 26.9.2024, no Boletín Oficial da provincia (BOP) núm. 186, do 26.9.2024, e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente non constan presentacións de alegacións.
Cuarto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, de 2 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Xefatura Territorial da Coruña remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia , Concello de Arteixo e UFD Distribución, S.A.
A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Arteixo (28.3.2023) e UFD Distribución, S.A. (16.3.2023). O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos. No que respecta a Augas de Galicia, este organismo non emitiu condicionado, pero, o 30.10.2022, o promotor achega autorización de Augas de Galicia para a realización das obras da instalación fotovoltaica.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibir estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
Quinto. O 14.11.2024, os servicios técnicos do Departamento Territorial de Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático requiriron ao promotor declaración responsable respecto a que dispón de acordo con todas as persoas titulares de bens e dereitos afectados. O 20.11.2024, o promotor presentou a documentación requirida.
Sexto. O 22.11.2024, o Departamento Territorial, como unidade responsable da tramitación, remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, xunto co informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, do proxecto de execución denominado «Instalación fotovoltaica de 1,41 MWn en Arteixo (A Coruña) xaneiro 2023» emitido na mesma data, para que procedese a ditar a correspondente resolución, segundo o establecido no artigo 47.5 da antedita Lei 9/2021.
Sétimo. O 14.1.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriu ao promotor arquivo shape coa configuración do proxecto para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 14.1.2025, o promotor presentou a documentación requirida.
Oitavo. O 14.1.2025, a Dirección Xeral remitiu a UFD Distribución, S.A., a resposta (4.10.2023) do promotor ao condicionado de UFD Distribución S.A. emitido o 16.3.2023. O 25.4.2025, o promotor presentou nova documentación en relación co dito condicionado en que fai referencia á resposta do 1.4.2025 da distribuidora, e acepta a súa proposta.
Noveno. O 7.7.2025, o promotor presentou na Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un proxecto modificado onde dá resposta ás consideracións técnicas realizadas pola distribuidora o 1.4.2025, documentación xustificativa da capacidade técnica e legal, e un escrito asinado o 7.2.2025 en que o promotor declara ter acordos coas persoas titulares dos bens e dereitos afectados. O 14.7.2025, o proxecto modificado foi remitido ao Departamento Territorial de Coruña para os efectos da emisión dun novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.
Décimo. O 15.7.2025, o solicitante achegou documentación adicional para xustificar a capacidade legal.
Décimo primeiro. En resposta a un requirimento do Departamento Territorial, o promotor presenta nas datas do 10.9.2025 e do 9.10.2025 unha nova versión do proxecto (proxecto técnico modificado de instalación fotovoltaica de 1,41 MWn no polígono 45, parcela 20, Fonte de Millo, Arteixo (A Coruña), abril 2025), asinado polo enxeñeiro industrial Jacobo Guillén Pérez o 3.9.2025, a declaración responsable exixida no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e declaración responsable do técnico proxectista en que indica que o proxecto non xera afeccións novas ou diferentes ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, respecto das xa recollidas no proxecto anteriormente presentado.
Décimo segundo. O 10.10.2025, o Departamento Territorial da Coruña remitiu á Dirección Xeral o informe técnico sobre a normativa de instalacións industriais e eléctricas relativo á instalación fotovoltaica para o proxecto denominado Proxecto técnico modificado de instalación fotovoltaica de 1,41 MWn no polígono 45, parcela 20, Fonte de Millo, Arteixo (A Coruña), abril 2025 (asinado o 3.9.2025), xunto co resto de documentación.
Décimo terceiro. A instalación fotovoltaica conta co permiso de acceso e conexión do 15.12.2022 por parte do xestor da rede para unha potencia de 1.410,00 kW.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e correspónde o seu outorgamento á Administración autonómica.
Terceiro. A instalación solar fotovoltaica de produción non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse entre os supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Quinto. No expediente administrativo, e polo que respecta á tramitación realizada polo actual Departamento Territorial da Coruña, o 10.10.2025 emite informe favorable sobre o cumprimento da normativa analizada co alcance establecido co obxecto de obter as autorizacións administrativa previa e de construción.
De acordo con todo o que acontece,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, S. Coop. Gallega (F09753195) para unha instalación solar fotovoltaica de produción situada no concello de Arteixo (A Coruña), segundo o correspondente proxecto (expediente IN408A 2023/001-1).
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para a instalación solar fotovoltaica de produción situada no concello de Arteixo (A Coruña) segundo o proxecto de execución denominado Proxecto técnico modificado de instalación fotovoltaica de 1,41 MWn no polígono 45, parcela 20, Fonte de Millo, Arteixo (A Coruña), abril 2025, asinado polo enxeñeiro industrial Jacobo Guillén Pérez o 3.9.2025.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante/promotor: Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, S. Coop. Gallega (F09753195).
Domicilio social: camiño de Fontemaior-A Chamusqueira, s/n, Larín, 15144 Arteixo, A Coruña.
Denominación do proxecto: proxecto técnico modificado de instalación fotovoltaica de 1,41 MWn no polígono 45, parcela 20, Fonte de Millo, Arteixo (A Coruña).
Orzamento de execución material (sen IVE): 1.550.391 €.
Localización: coordenadas ETRS89 UTM fuso 29; X: 538.354; Y: 4.790.829.
– Parcela catastral da instalación: 15005A045000200000PM, polígono 45, parcela 20, cunha superficie de 21.057 m2.
– Tipo de instalación: instalación de produción.
– Módulos fotovoltaicos: 3.000 uds. de 545 Wp/mod, Longi modelo LR5-72HPH-545M.
– Inversores: 4 uds. de 352 kVA, Sungrow modelo SG350HX.
– Potencia instalada (artigo 3 do Real decreto 413/2014): 1,408 MW.
– Potencia evacuable segundo o permiso de acceso e conexión: 1.410,00 kW.
– Centro de transformación en envolvente prefabricada de formigón, con celas de AT, transformador de 1.600 kVA e relación de transformación 0,8/15 kV, cadros de BT, armario de telexestión e comunicación, interconexión celas AT-transformador, interconexión transformador-cadros de BT e instalación de posta a terra.
– Cable de string tipo ZZ-F/H1Z2Z2-K/PV.
– Cables de corrente alterna de baixa tensión tipo RV-K 0.6/1 kV, en configuracións adecuadas para cada uso.
– Cable de corrente alterna de media tensión tipo HEPRZ1 de 150 mm2.
– Rede de terras do campo fotovoltaico en cables subterráneos, espidos, de Cu de 50 mm2.
A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto décimo primeiro da parte dispositiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa vixente que sexa de aplicación.
3. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
4. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
5. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación xunto co certificado de final de obra subscrito polo técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, S. Coop. Gallega, e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, e no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación.
6. De conformidade co artigo 131.10 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para solicitar a correspondente autorización de explotación será o menor dos seguintes: a) o prazo de vinte e catro meses contados a partir da data da notificación ao promotor da presente resolución, ou b) o prazo que para este proxecto resulta de aplicar o período establecido para a obtención da autorización de explotación no artigo 1 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e en outros ámbitos para a reactivación económica.
7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
