DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 11 de novembro de 2025 Páx. 58331

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ames

ANUNCIO de corrección de erros materiais do Plan xeral de ordenación municipal.

1. O Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ames foi aprobado polo Pleno o 28 de xullo de 2002, e publicado no DOG núm. 139, do 19 de xullo e no BOP da Coruña núm. 176, do 2 de agosto.

2. Con data do 17 de setembro de 2025, a arquitecta municipal emite informe en que, logo de detallar en que consiste o erro apreciado, conclúe que «Na actualidade e fronte aos antecedentes expostos, coa aprobación do Plan básico autonómico e a posta en funcionamento do visor de SIOTUGA, da consulta á web de planeamento https://siotuga.xunta.gal/siotuga/carto se extrae que as parcelas relacionadas serían solo rústico, coa eventual inquedanza xerada nos seus titulares».

• Para os efectos, os técnicos redactores do PXOM elaboran os documentos do PXOM para rectificar en consecuencia se incorporan exclusivamente a corrección do linde oeste do núcleo rural de Framán (sobre os planos da corrección de erros núm. 1, relativa ao perímetro do núcleo urbano de Bertamiráns sobre o IES).

• Os planos rectificados correspóndense cos relacionados na listaxe seguinte que substituirían aos contidos no documento aprobado definitivamente.

Nome

Escala

C

Localización e denominación de solos.

1:20.000

2C

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:10.000

C-22

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:5.000

3. Con data do 17 de setembro de 2025, a asesora xurídica de urbanismo emite informe coa seguinte fundamentación xurídica:

«Fundamentos xurídicos:

De conformidade co previsto no art. 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas «as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».

A este respecto, sinala o Tribunal Supremo (sentenzas do 27 de febreiro de 1990, do 28 de setembro y 14 de decembro de 1992) que o erro material, de feito ou aritmético, susceptible de corrección pola vía do artigo 105.2 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas (o actual art. 109.2 da Lei 39/2015), se caracteriza por ser ostensible, manifesto e indiscutible, que implica por si só a súa evidencia, sen necesidade de maiores razoamentos, e que se exterioriza prima facie pola súa mera consideración, polo que require, en definitiva, que concorran as seguintes circunstancias:

1. Que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, operacións aritméticas ou transcricións de documentos;

2. Que o erro se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo no que se advirta;

3. Que o erro sexa patente e claro, sen necesidade de acudir a interpretacións de normas xurídicas aplicables. En sentido negativo indícase:

a) Que non se proceda de oficio á revisión de oficio de actos administrativos firmes e consentidos;

b) Que non se produza unha alteración fundamental no sentido do acto, pois non existe erro material cando a súa apreciación implique un xuízo valorativo ou exixa unha operación de cualificación xurídica;

c) Que non padeza a subsistencia do acto administrativo, é dicir, que non se xere a súa anulación ou revogación, en canto creador de dereitos subxectivos, e que se produza un novo sobre bases diferentes e sen as debidas garantías para o afectado, pois o acto administrativo rectificador ten que mostrar idéntico contido dispositivo, substantivo e resolutorio que o acto rectificado, sen que poida a Administración, so pretexto da súa potestade rectificadora de oficio, encubrir unha auténtica revisión, porque entrañaría unha fraude de lei constitutiva de desviación de poder.

Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 1.1.7 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ames «non terán carácter de modificación de plan xeral, senón de adecuación, os cambios puntuais de algún dos seus contidos, que se poidan producir por (…) corrección de erros materiais en calquera dos documentos ou resolucións ou por contradicións entre estes».

En consecuencia, erro material ou de feito é aquel que se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, por poder ser advertido polos propios datos que constan no expediente, sen necesidade ningunha de interpretación das normas aplicables.

No presente caso, o erro constátase a simple vista por medio da superposición dos planos do PXOM cos que reflicten a situación actual, situación fáctica que é coincidente coa que existía con anterioridade á data de aprobación inicial do PXOM.

A competencia para a corrección dos erros detectados nos instrumentos de planeamento réxese polas normas xerais que regulan o procedemento administrativo.

Segundo se recolle no art. 22.2.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, corresponde ao pleno a aprobación inicial do planeamento xeral e a aprobación que poña fin á tramitación municipal dos plans e demais instrumentos de ordenación previstos da lexislación urbanística, así como os convenios que teñan por obxecto a alteración de calquera dos ditos instrumentos.

Como xa se sinala nos antecedentes de feito deste informe, o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ames foi aprobado definitivamente polo Acordo do Pleno do Concello, en sesión extraordinaria que tivo lugar o 28 de xuño de 2002, de conformidade coa Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, vixente no momento da dita aprobación.

De acordo co transcrito artigo 109 da Lei 39/2015, as administracións poden corrixir os seus propios actos, polo que, do teor literal do devandito artigo, en consonancia co tamén citado artigo 22 da LBRL, se deduce a competencia exclusiva do Pleno do Concello de Ames para a corrección do devandito erro, por ser este quen aprobou definitivamente o PXOM, sen prexuízo da comunicación que do acordo se faga á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa constancia, e da súa publicación no DOG, de acordo co previsto no artigo 82 da Lei 2/2016.

Por todo o exposto, considerando o interese público da corrección da discrepancia constatada entre o sinalado na cartografía do Plan xeral vixente e a realidade existente, emítese informe favorable sobre a corrección do erro material descrito no informe da arquitecta municipal do 17 de setembro de 2025 (...).

4. Con data do 19 de setembro de 2025 emítese informe de secretaría coa seguinte proposta do acordo:

Primeiro. Aprobar a corrección do erro material nº 2 do PXOM de Ames, consistente na rectificación da cartografía que se relaciona do PXOM vixente, no relativo ao linde oeste do núcleo rural do lugar de Framán, parroquia de Bugallido (San Pedro) – sobre os planos da corrección de erros nº 1, relativa ao perímetro do núcleo urbano de Bertamiráns sobre o IES–.

Nome

Escala

C

Localización e denominación de solos.

1:20.000

2C

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:10.000

C-22

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:5.000

Segundo. Publicar o acordo no DOG, de conformidade co previsto no artigo 82 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Terceiro. Facultar a Alcaldía do Concello de Ames para cantas actuacións de trámite sexan precisas para a mellor execución do acordado.

5. O Pleno do Concello de Ames, na súa sesión ordinaria que tivo lugar o 25 de setembro de 2025, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Punto décimo segundo. Corrección núm. 2 do PXOM, lugar de Framán. Expediente GD 16227/2025.

(...)

Primeiro. Aprobar a corrección do erro material nº 2 do PXOM de Ames, consistente na rectificación da cartografía que se relaciona do PXOM vixente, no relativo ao linde oeste do núcleo rural do lugar de Framán, parroquia de Bugallido (San Pedro) – sobre os planos da corrección de erros nº 1, relativa ao perímetro do núcleo urbano de Bertamiráns sobre o IES–.

Nome

Escala

C

Localización e denominación de solos.

1:20.000

2C

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:10.000

C-22

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:5.000

Segundo. Publicar o acordo no DOG, de conformidade co previsto no artigo 82 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Terceiro. Facultar á Alcaldía do Concello de Ames para cantas actuacións de trámite sexan precisas para a mellor execución do acordado.

O que se publica no Diario Oficial de Galicia en cumprimento das previsións do artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Ames, 8 de outubro de 2025

José Blas García Piñeiro
Alcalde