DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 12 de novembro de 2025 Páx. 58509

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 31 de outubro de 2025 pola que se fai pública orde de retirada da embarcación Ganges V da zona de carga e descarga da lonxa do porto de Fisterra.

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que o fan aconsellable, dado que o titular rexistral do barco, Plácido Manuel Valdomar Canosa, rexeita a notificación no sistema Notifica.gal, faise pública, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a Orde do 20 de outubro de 2025, da Dirección da entidade pública Portos de Galicia, para que se proceda no prazo máximo de 5 días contado desde a publicación desta cédula, á retirada da embarcación Ganges V, con matrícula VILL-5ª-3-3-92, da zona de carga e descarga da lonxa do porto de Fisterra.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Esta orde emítese en aplicación do previsto no artigo 129.4 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, por atoparse a embarcación inactiva e atracada sen autorización no lugar indicado.

No caso de incumprirse esta orde, Portos de Galicia, de acordo coa norma antes citada, reserva para si o dereito de retirar o buque de maneira forzosa e por conta do propietario, ao cal lle pasará o oportuno custo.

Advírtese, igualmente, que, dada a inactividade da embarcación, Portos de Galicia podería igualmente iniciar o procedemento establecido no artigo 128 da Lei de portos de Galicia para declarar a embarcación en estado de abandono e proceder á súa incautación.

Infórmase, finalmente, de que, nos termos da Orde que xa foi emitida pola Zona Centro de Portos de Galicia o 5 de setembro de 2025, se liquidará a tarifa portuaria X-2, atracada, de conformidade co previsto na regra décimo primeira de aplicación á tarifa recollida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ata que se produza a retirada efectiva da embarcación.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025

Juan Sanmartín Ferreiro
Director xeral de Portos de Galicia