Advertida a omisión do anexo II na disposición publicada no Diario Oficial de Galicia número 44, do 5 de marzo, cómpre publicar este anexo, Réxime transitorio aplicable á relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en canto ao funcionamento provisional das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e dos responsables da dirección das escolas infantís, dos centros de atención ás persoas maiores e dos centros Quérote.
ANEXO II
Réxime transitorio aplicable á relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
Primeiro. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galicia.
Pola Resolución do 8 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, dispúxose a inscrición no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 124, do 30 de xuño).
O punto cuarto deste acordo, Modificación do decreto de listas, recolle o seguinte:
«Unha vez creadas ou reorganizadas as categorías do Consorcio dentro das do convenio colectivo único, as partes comprométense a unha modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galicia, para que se aplique o réxime do decreto na contratación do persoal do Consorcio.
Acadado o dito acordo, abrirase un prazo extraordinario para que os distintos interesados se poidan inscribir nas categorías propias do Consorcio ou naquelas que son análogas ás que xa existen no convenio único. Os servizos prestados nas categorías do Consorcio computaranse do mesmo xeito que os prestados na Administración da Xunta de Galicia.
Porén, as listas de contratación propias do Consorcio estarán vixentes ata a súa substitución polas derivadas do Decreto 37/2006».
En consecuencia, as listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo) substituirán as listas propias do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na data que expresamente se determine na resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que se publicará tan pronto como se elaboren as listas correspondentes ás escalas análogas ás categorías existentes no Consorcio e quede garantida a viabilidade técnica do sistema de citacións, manténdose ata ese momento a vixencia do referido apartado cuarto.
A resolución pola que se estableza a substitución dunha determinada lista propia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por unha lista regulada polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo) deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
Segundo. Responsables da dirección das escolas infantís, dos centros de atención ás persoas maiores e dos centros Quérote.
Entrementres non se acorde un novo réxime de nomeamento, nos postos con funcións de dirección pedagóxica das escolas infantís, funcións de dirección e responsable dos centros de atención a persoas maiores e funcións de dirección dos centros Quérote manteranse as condicións e os importes que percibían as persoas que desenvolvían estas funcións. A Xerencia será a encargada da designación das persoas que desenvolvan as ditas funcións.
