A Orde do 28 de abril de 2025, publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio de 2025, relativa á concesión de axudas para as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro do 2023 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, teñen a finalidade de facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, a manter empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado desde o 1 de xullo de 2024 ata a data de presentación da solicitude.
As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.322C.770.2 (proxecto 2024 00079), cun crédito inicial de seis millóns de euros (6.000.000,00 €) e 14.04.322C.470.2 (proxecto 2024 00079), cun crédito inicial de setecentos mil euros (700.000,00 €).
No artigo 4.5 da Orde do 28 de abril de 2025 prevese expresamente a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esa convocatoria, de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu regulamento. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Tendo en conta o elevado volume de solicitudes presentadas e, coa finalidade de facer partícipe da subvención o maior número de beneficiarios posible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado á concesión das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento.
Consonte todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación de crédito
1. Amplíase o importe total do crédito destinado ás subvencións que se concederán ao abeiro da Orde de 28 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade do 2025 (código de procedemento TR880A).
O importe total do crédito financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.322C.770.2 por un importe de oito millóns douscentos corenta mil cento sesenta e sete euros (8.240.167,00 €), correspondente ao código de proxecto 2024 00079, e 14.04.322C.470.2 por un importe de setecentos mil euros (700.000,00 €), correspondente ao código de proxecto 2024 00079.
2. A publicación deste orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
