A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia. Con elas, dáse continuidade ao recoñecemento legal do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos que xa realizaba a derrogada Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, regula o réxime xurídico da utilización dos medios electrónicos por parte do sector público galego no desenvolvemento da súa actividade, nas súas relacións coa cidadanía, coas demais administracións públicas, coas empresas e as entidades, as infraestruturas e os servizos do sector público galego, as medidas para o desenvolvemento dixital na sociedade con criterios de inclusión e non discriminación, e os órganos con competencias en relación coa administración dixital.
O artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poden relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o que porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e aplicacións que, en cada caso, se determinen.
Así, a tramitación electrónica con carácter xeral é optativa para as persoas físicas, que poderán elixir, en todo momento, se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non. Pola contra, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público, os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, os estudantes universitarios para os trámites e actuacións que realicen motivado pola súa condición académica, así como as persoas que representen un suxeito obrigado dos anteriormente indicados.
De acordo co establecido no artigo 66 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente formularios específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio polas persoas interesadas.
A cidadanía ten que ser a primeira e principal beneficiaria do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución.
A regulación dos procedementos administrativos obxecto desta norma realízase no Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de centros especiais de emprego, no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, e no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.
Esta orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes e comunicacións, mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que as persoas usuarias poidan relacionarse coa Administración por medios electrónicos.
Así pois, en cumprimento da normativa citada, un total de seis procedementos estarán dispoñibles de xeito telemático, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e a cidadanía.
En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar e dar publicidade aos formularios normalizados de solicitudes e comunicacións, así como habilitar a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia, para a tramitación dos seguintes procedementos:
a) Procedemento TR801B: mediante este procedemento os centros especiais de emprego preexistentes, ou persoas que os representen, poderán tramitar o recoñecemento ou baixa da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social. O recoñecemento da carencia de ánimo de lucro inscribirase no Rexistro Administrativo e deberá constar na resolución pola que se autorice o centro especial de emprego. A resolución que acorde a descualificación do recoñecemento da carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social non implicará necesariamente a cancelación da inscrición como centro especial de emprego, agás que durante a tramitación do expediente se aprecien causas para a adopción desta última medida, caso en que a resolución tamén deberá pronunciarse sobre ela.
b) Procedemento TR801C: mediante este procedemento os centros especiais de emprego, ou persoas que os representen, poderán solicitar a autorización previa para a cancelación da inscrición do centro especial de emprego, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia. Se a resolución acorda a cancelación, practicarase o correspondente asento no Rexistro Administrativo e pecharase a súa folla rexistral.
c) Procedemento TR801D: mediante este procedemento os centros especiais de emprego, ou persoas que os representen, poderán tramitar a inscrición de novos centros de traballo ou cambio de localización, ampliación ou cambio de actividades, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
d) Procedemento TR801E: mediante este procedemento os centros especiais de emprego, ou persoas que os representen, deberán comunicar ao Rexistro Administrativo as modificacións sociais ou calquera circunstancia que altere as condicións de autorización no prazo máximo dun mes desde que se produzan, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
e) Procedemento TR801F: mediante este procedemento os centros especiais de emprego, ou persoas que os representen, deberán presentar unha memoria anual que recolla a información e documentación prevista no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
f) Procedemento TR801G: mediante este procedemento os centros especiais de emprego, ou persoas que os representen, deberán comunicar ao Rexistro Administrativo a realización de enclaves laborais, nos termos previstos no Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os enclaves laborais como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade.
2. A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, promoveu a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e logro da máxima coordinación dos distintos órganos e unidades administrativas como principios básicos que guían a actuación do sector público autonómico, e a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, desenvolveu no contexto dixital os principios vinculados á racionalización administrativa e dos recursos públicos, a garantía da calidade dos servizos públicos e do dereito á boa administración, así como á transparencia e ao bo goberno. Co obxecto de cumprir con estes principios, os procedementos relacionados no anterior punto habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na guía de procedementos e servizos https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.
3. A regulación dos ditos procedementos está prevista no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e o desenvolvemento da súa tramitación na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa habilitación na sede electrónica da Xunta de Galicia quedan circunscritos ao ámbito competencial desta consellería.
Artigo 2. Presentación de solicitudes e comunicacións
1. Os centros especiais de emprego e as persoas que os representan están obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos no ámbito do sector público autonómico segundo o establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, para todos os procedementos indicados nesta orde.
As solicitudes ou comunicacións relativas aos procedementos administrativos relacionados no artigo 1.1 desta orde poderanse presentar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e desde ese momento estará aberto permanentemente o prazo de presentación.
Os formularios de solicitude ou comunicación dos mencionados procedementos son os seguintes:
a) Recoñecemento ou baixa da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social nun centro especial de emprego xa existente (código de procedemento TR801B). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo I desta orde.
b) Cancelación da inscrición do centro especial de emprego (código de procedemento TR801C). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo II desta orde.
c) Inscrición de novos centros de traballo ou cambio de localización, ampliación ou cambio de actividades (código de procedemento TR801D). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo III desta orde.
d) Comunicación das modificacións sociais (código de procedemento TR801E). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo IV desta orde.
e) Presentación da memoria anual (código de procedemento TR801F). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo V desta orde.
f) Comunicación da realización de enclaves laborais (código de procedemento TR801G). O formulario para a solicitude destas actuacións é o que consta no anexo VI desta orde.
2. As solicitudes e comunicacións presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude ou comunicación aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes ou comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 3. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude ou comunicación a documentación que se indica na sección 2ª desta orde, artigos 7 a 12, en función do procedemento que se solicite e que tamén se relaciona en cada un dos anexos desta orde.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude ou comunicación, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude ou o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 4. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos procedementos previstos nesta orde, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade comunicante.
d) Imposto de actividades económicas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 5. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude ou comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sección 2ª. Procedementos
Artigo 7. Recoñecemento ou baixa da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social nun centro especial de emprego xa existente (código de procedemento TR801B)
1. O recoñecemento ou baixa da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social nun centro especial de emprego xa existente regúlase nos artigos 11 e 12 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e no artigo 43.4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.
2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo I desta orde co código de procedemento TR801B.
3. Xunto coa solicitude do anexo I, no caso de solicitar o recoñecemento da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Certificación literal dos estatutos vixentes da persoa xurídica solicitante expedida polo rexistro onde figure inscrita a entidade, así como das entidades que participen indirectamente, de ser o caso. Os estatutos deberán reflectir como finalidade principal a integración de persoas con discapacidade en CEE.
b) Memoria explicativa do destino previsto para os posibles beneficios xerados pola actividade do centro.
c) Certificación relativa aos centros de traballo para os cales se solicita a cualificación, especificando a súa localización, actividade e relación nominal do cadro de persoal do centro, indicando se se trata de persoas traballadoras con discapacidade.
d) Resolucións motivadas do correspondente equipo de valoración e orientación (EVO) que determine a capacidade da persoa traballadora para desenvolver as funcións do posto que ocupa.
e) Informe de traballadores en alta (ITA) no código conta de cotización correspondente.
f) Se é o caso, certificación de data actual expedida polo rexistro competente acreditativo da inscrición vixente e copia dos estatutos vixentes depositados nese rexistro, da entidade promotora, que deberá ser titular da maior parte do capital social da sociedade mercantil titular do centro (caso de asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, os estatutos vixentes da entidade promotora deben recoller a irrepartibilidade do seu patrimonio, agás a favor de entidades do mesmo carácter).
g) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
4. Xunto coa solicitude do anexo I, no caso de solicitar a baixa da condición de carencia de ánimo de lucro e/ou iniciativa social, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
Artigo 8. Cancelación da inscrición do centro especial de emprego (código de procedemento TR801C)
1. A cancelación da inscrición do centro especial de emprego regúlase no artigo 9 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo II desta orde co código de procedemento TR801C.
3. Xunto coa solicitude do anexo II deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Se é o caso, xustificación dos motivos que fundamentan a solicitude.
b) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
Artigo 9. Inscrición de novos centros de traballo ou cambio de localización, ampliación ou cambio de actividades (código de procedemento TR801D)
1. A inscrición de novos centros de traballo creados por titulares con algún outro xa inscrito ou o cambio de localización destes, así como a ampliación ou cambio de actividades ou calquera outra circunstancia que altere significativamente as condicións de cualificación iniciais, establécese no artigo 7 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo III desta orde co código de procedemento TR801D.
3. Xunto coa solicitude do anexo III, no caso de solicitar a apertura dun novo centro de traballo ou cambio de localización dun centro de traballo xa existente, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Memoria e estudo económico sobre as posibilidades de viabilidade e subsistencia do centro.
b) Certificado que acredite contar co preceptivo servizo de prevención de riscos laborais, con indicación das especialidades contratadas.
c) Informe de traballadores en alta (ITA) no código de conta de cotización (CCC) correspondente.
d) Certificación relativa aos centros de traballo para os cales se solicita a cualificación, especificando a súa localización, actividade e relación nominal do cadro de persoal do centro, indicando se se trata de persoas traballadoras con discapacidade. No caso de existir persoal dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social, deberá identificarse e detallar o labor que realiza.
e) Resolucións motivadas do correspondente equipo de valoración e orientación (EVO) que determine a capacidade da persoa traballadora para desenvolver as funcións do posto que vai ocupar.
f) Contrato de traballo e comunicación ante a autoridade laboral de todas as persoas traballadoras.
g) Titularidade do local que constitúe a sede do centro de traballo.
h) Comunicación de apertura do CT á Administración autonómica (procedemento TR803A en sede electrónica).
i) Comunicación de inicio de actividade á Administración municipal correspondente.
j) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
4. Xunto coa solicitude do anexo III, no caso de ampliación ou cambio de actividades ou calquera outra circunstancia que altere significativamente as condicións de cualificacións iniciais, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva dos cambios efectuados.
b) Informe de traballadores en alta (ITA) no CCC correspondente.
c) Certificación relativa aos centros de traballo para os cales se solicita a cualificación, especificando a súa localización, actividade e relación nominal do cadro de persoal do centro, indicando se se trata de persoas traballadoras con discapacidade. No caso de existir persoal dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social, deberá identificarse e detallar o labor que realiza.
d) Resolucións motivadas do correspondente equipo de valoración e orientación (EVO) que determine a capacidade da persoa traballadora para desenvolver as funcións do posto que vai ocupar.
e) Contrato de traballo e comunicación ante a autoridade laboral de todas as persoas traballadoras.
f) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
Artigo 10. Comunicación de modificacións sociais (código de procedemento TR801E)
1. A comunicación de modificacións de datos esenciais, como cambio de denominación, de domicilio social, modificación de participacións sociais ou calquera outra circunstancia que altere significativamente as condicións de cualificación iniciais, establécese no artigo 7 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo IV desta orde co código de procedemento TR801E.
3. Xunto coa solicitude do anexo IV deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Escritura de elevación a público dos acordos sociais correspondentes.
b) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
Artigo 11. Presentación da memoria anual (código de procedemento TR801F)
1. A presentación da memoria anual por parte dos titulares dos centros especiais de emprego establécese no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo V desta orde co código de procedemento TR801F.
3. Xunto coa solicitude do anexo V deberá achegarse memoria anual comprensiva dos seguintes aspectos:
a) Identificación dos centros: titularidade, situación, actividade principal e complementaria, así como as características dos enclaves laborais, no caso de que existan.
b) Composición do cadro de persoal de cada centro, especificando os traballadores con discapacidade e as altas e baixas producidas durante o exercicio.
c) Documentación económica: liquidación do orzamento, balance de situación, conta de explotación e proxecto de orzamento do exercicio seguinte.
d) Cumprimento dos obxectivos económicos e de axuste persoal e social.
Os modelos para a confección destes documentos atópanse dispoñibles na Asesoría Virtual de Centros Especiais de Emprego.
e) Os centros sen ánimo de lucro deben xuntar as contas anuais do seu titular e certificación da súa aprobación pola asemblea xeral ou órgano equivalente, coas sinaturas lexitimadas notarialmente que conteña o acordo referido á distribución ou imputación de resultados do centro. A devandita certificación fará constar, así mesmo, a transcrición literal das modificacións estatutarias e outros acordos sociais do titular que poidan afectar o recoñecemento como centro sen ánimo de lucro, ou a inexistencia deles, se é o caso.
Artigo 12. Comunicación da realización de enclaves laborais (código de procedemento TR801G)
1. A comunicación ao Rexistro Administrativo da realización de enclaves laborais, nos termos previstos no Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os enclaves laborais como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade, establécese no artigo 7 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. O formulario para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo VI desta orde co código de procedemento TR801G.
3. Xunto coa solicitude do anexo VI deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Contrato formalizado por escrito entre o centro especial de emprego e a empresa colaboradora, cuxo contido mínimo sexa:
– Identificación de ambas as partes, facendo constar a denominación social, o domicilio, número de identificación fiscal e o código de conta de cotización á Seguridade Social.
– Determinación precisa da obra ou servizo obxecto do contrato e da actividade en que, dentro da organización xeral da empresa colaboradora, vaian ser ocupados os traballadores destinados ao enclave.
– Datos identificativos do centro de traballo onde se vai realizar a obra ou prestar o servizo.
– Duración prevista para o enclave.
– Número de traballadores con discapacidade que se ocuparán no enclave.
– Prezo convido.
b) Xustificante de pagamento (exemplar para a Administración) do importe da taxa por servizos administrativos en concepto de modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais (código 300200), agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.
Artigo 13. Taxas
1. De conformidade co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ao presentar a solicitude será necesario aboar a taxa correspondente a cada unha das tipoloxías deste procedemento.
2. O pagamento da taxa poderá efectuarse a través da sede electrónica, como un paso máis habilitado dentro do procedemento, caso en que o xustificante xa se xera automaticamente e non será preciso achegar xustificante de pagamento.
Outra posibilidade é acceder directamente á Oficina virtual tributaria (https://ovt.atriga.gal/), pagar mediante tarxeta ou cargo na conta e achegar o xustificante.
Para realizar o pagamento de forma presencial, descargarase un modelo en branco da Oficina virtual tributaria para cubrir á man ou imprimirase xa cuberto grazas á aplicación e, posteriormente, presentarase nunha entidade financeira colaboradora. Así mesmo, este modelo tamén se poderá solicitar nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente, achegarase o xustificante de pagamento.
Os códigos son os seguintes, para todos os procedementos que inclúan taxa:
Consellería: Emprego, Comercio e Emigración-código 17.
Delegación: servizos centrais-código 13.
Servizo: Emprego-código 05.
Denominación da taxa: inscrición en rexistros oficiais. Modificación da primeira inscrición (código de taxa 300200).
Artigo 14. Prazo de resolución dos procedementos
1. O prazo para resolver os procedementos TR801B, TR801C e TR801D será de 6 meses desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro electrónico da Administración ou organismo competente para a súa tramitación, segundo o disposto no artigo 6 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo. Este prazo enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.
O vencemento do prazo para resolver estes procedementos sen que se notifique resolución expresa lexitima as persoas interesadas para entendela estimada por silencio administrativo, segundo o disposto no artigo 6 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. Os procedementos TR801E, TR801F e TR801G refírense a comunicacións que, segundo o artigo 7 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, deberán efectuar os centros especiais de emprego ao Rexistro Administrativo, polo que estarían afectadas pola excepción da obriga de resolver que establece o artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Disposición adicional primeira. Actualización de formularios normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional segunda
Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que, de acordo coa lexislación vixente, non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
